Andaina Louredo maio 2026 (III)

Seguimos ca documentación dos fitos polos que pasará a andaina por Louredo do domingo 24 de maio de 2026. Unha oportunidade marabillosa para coñecer o pobo e lembrar parte da historia, ogallá que ca atenta participación dos veciños.

Ata o de agora levo publicadas dúas entradas:

1- Ca lista de fitos no camiño

2- Ca documentación e fotografías de cinco deles 

Eu non poderei ir, pero quero participar, e penso que desta maneira achego un pouco parte desas memorias, concretamente, as que atopei en documentos como o PXOM do concello de Cortegada ou nas notas que fun recollendo do que me contaban os maiores.

Pero, non esquezas, fáltanme as túas lembranzas e encantaríame que as puideses compartir por aquí!

 6. Praza do Cazapedo

Espazo público de forma triangular configurado pola intersección de catro rueiros formados por vivendas tradicionais en estado deficiente pero cun baixo grao de alteración. Entre os elementos construtivos das vivendas do entorno da praza cumpre salienta-los seguintes: corredores voados de cantería con varandas de forxa, patíns dobrados desenvolvidos en corredores sobre canzorros de granito, balcóns voados sobre canzorros…

(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, P 99, Código 9-1)


A Praza do Cazapedo, un dos dous lugares do pobo sinalado con carteliño de praza (na casa de don Pepe e dona Gloria, a nadiña dunha pintada que pon "Pueblo de Louredo", realizado a mediados do século XX). Lugar que tivo bastante importancia, xa que foi centro neurálxico á hora de celebrar festas (san Xoán, a colocación de zamarucos no Entroido,...) ou reunións, poxa de terras...

Nesta praza estaba a casa da señora Xabiera (hoxe, do Benitiño), a quen escoitaban falar a veces soa e dicían que vía espíritos. Casa onde se almacenaba viño e comida pa festa do san Xoán bautista. Hoxe en día non se festexa alí, pero segue pasando a procesión no día da festa, parando para un rezo.


O único reloxo de sol do que teño constancia en Louredo, que estea en lugar visible, é este da praza do Cazapedo. Sito no alto dun muro da casa de don Pepe e dona Gloria, recibe a denominación "do veterinario" por don Pepe (d.e.p.) que realizou tal labor, ademais de alcalde de Cortegada (decembro de 1956) e Xinzo. Veciño que foi desta última, nado en Louredo e casado na Arnoia, era un entusiasta do pobo, dicindo que Louredo é o mellor pobo do mundo.

(Notas persoais que se amplían AQUÍ)


7. Capela (antiga igrexa da aldea)

Edificio de planta rectangular, muros portantes de cachotería de granito á vista, cuberta a dúas augas e cubrición de tella plana. Fachada de esquema pentagonal onde destaca a ausencia da espadana, da que só se conserva a base con cornixa moldurada.

(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, Páxina 31, Código 1-8)


Capela dedicada a San Xoán Bautista que foi usada para o rito católico ata a construción da igrexa actual. Esta capela está desacralizada e foi vendida, pasando por un par de mans diferentes dende entón, servindo ultimamente como palleiro. Algúns maiores aínda recordan que se enterraron aquí veciños da Raíña (pobo abandonado hoxe, preto de Piñón e Zaparín). No chan aínda se ven as laudas sepulcrais. Na ficha patrimonial do PXOM de Cortegada (o noso concello) atopo dous erros respecto desta capela: o primeiro é que non está situada no Outeiriño, senón no lugar de Louredo; a segunda é que di que a espadana está perdida, cando realmente está tirada na parte traseira da capela (ou, polo menos, alí hai restos que parecen dunha espadana co seu oco para unha campá).

(Ficha de Galicia nomeada)


8. Hórreo sobre o camiño cara a Eira dos Menores, zona de Louredo

Hórreo mixto con estrutura de cantería e cámara de doelas de madeira, asentado sobre dous pares de pes de cantería con tornarratos en forma de lousa transversal. A cuberta está resolta a dúas augas con cubrición de tella plana. Está situado en riba de dous muros e por baixo pasa o camiño. Este elemento esta protexido polo decreto 449/1973 e ten consideración de Ben de Interese Cultural pola Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español.

(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, P 118, Código 10-1)

 


9. Peto de ánimas

Peto de ánimas construído en granito; anexo a un muro, sobre unha base de perpianos disponse unha comixa, na que se asenta unha fornela de arco de medio punto que acolle un relevo que reproduce os sufrimentos das ánimas purificándose no purgatorio. Unha cornixa moldurada remata o peto. Fáltalle a porta do esmoleiro. Este elemento está protexido polo decreto 571/1963 e ten consideración de Ben de Interese Cultural pola Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español.

(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, P 55, Código 4-1)

 



Situado no barrio de Louredo, a uns 200 metros do cruceiro do Tabolado. Dispuña de varios elementos que hoxe non viste, algún perdido e outros gardados por un veciño: cruz central, dous pináculos ós lados, todo en pedra; rexa de ferro e peto para as esmolas. Estes monumentos veñen a concretar, en duradeira pedra, dogmas que o Concilio de Trento remarcou e que a prédica actual recorda. Tamén están en sintonía coa crenza popular nos espíritos dos defuntos e a súa posible comunicación cos vivos. Aquí temos unha composición a tres alturas: as dúas inferiores, ánimas entre chamas, distinguindo as de arriba, a punto de alcalzar o escapulario da Virxe do Carme; na superior, tres imaxes santas: un anxo no centro (cabeza con ás), coa Virxe á súa dereita e un santo á esquerda (a Virxe do Carme e santo Antón de Padua?). De pequenos aprendiamos que ó pasar diante podiamos rezar algo e ofrecer polas ánimas o traballo ó que ibamos. Elemento 4-1 das fichas patrimoniais do PXOM do ano 2012.

(Ficha de Galicia nomeada)


10. Cruceiro do Tabolado

Cruceiro construído en granito sobre un pedestal cúbico achafranado, asentado directamente no chan, do que arranca un varal de sección octogonal que comeza e remata cadrado, sobre o que se asenta unha cruz sen figuración de sección octogonal con base de sección cadrada. Este elemento está protexido polo decreto 571/1963 e ten consideración de Ben de Interese Cultural pola Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español.

(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, P. 38, Código 2-2)


O cruceiro do Tabolado, ou de Refexón, é o único que está nun cruce de camiños. Varal octogonal, sen inscripcións, un pedestal, sen imaxes. No cruce Louredo-Refexón (cara Remuíño, Arnoia)-Tabolado (Louredo, en liña cos barrios dos Veciños e O Pazo). O seu autor foi don Juan Míguez Domínguez. Do mesmo estilo que o da Alfarrapa e A Torre.Cando se pasaba diante dun cruceiro en Louredo había quen rezaba: “Adorámoste, Cristo, y bendecísmote, que por tu santa Cruz redimiste el mundo” (oración que forma parte do Via Crucis).Alí, na encrucillada do Tabolado, un veciño de Louredo atopouse co demo e recomendoulle este un acto de fe… de fe cristiá!

Xa o contaron os pais dos meus pais, sinalando mesmo o lugar onde aconteceu esta historia. Nos días en que os louredeses baixaban a Remuíño a moer o gran de millo, aconteceu que un home, cargado co seu saco, atopou outro, cun lume pequeno que o quentaba. Eran tempos nos que se cargaba o froito da terra e o traballo dos labregos, levándoo dende as casas ós muíños da zona do Inquiau, no paso do río Arnoia polo concello do mesmo nome.

O camiño de Refexón, en baixada, era unha posible vía romana, e fora percorrido polo padre Sarmiento no s. XVIII.


Chamámoslle Refexón (Refoxón nos mapas) e comeza nunha encrucillada, onde unha simple cruz bendice a quen lle dedica unha oración tranquila.

O caso é que o veciño de Louredo levaba o saco ó lombo e pasou diante do cruceiro de pedra e do home do lume coma quen pasa por diante dun gato. Uns pasos máis alá escoitou que o home lle dicía: escoita, xa que non me saúdas, polo menos saúda a este que está ó meu lado (referíndose á cruz de pedra). Seguíu o seu paso sen facer caso.

Á volta, buscou os restos do lume que quentara a aquel home misterioso… E non os atopou! Fora o demo que, en forma humana, merodeaba pola aldea esa noite!

(Notas persoais que se poden ampliar AQUÍ)


 

Comentarios