Notas sobre a praza do Cazapedo

 

A Praza do Cazapedo, un dos dous lugares do pobo sinalado con carteliño de praza (na casa de don Pepe e dona Gloria, a nadiña dunha pintada que pon "Pueblo de Louredo", realizado a mediados do século XX). Lugar que tivo bastante importancia, xa que foi centro neurálxico á hora de celebrar festas (san Xoán, a colocación de zamarucos no Entroido,...) ou reunións,  poxa de terras...

 

 

 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

O balcón desta adega con zamarucos, boneco típico de Louredo, confecionado con roupas vellas e herba seca como recheo (o darriba leva mimosas en flor). Un artista local que non firmou a obra, dedicouse a deixar constancia do seu arte e paciencia, traballando a pedra da parede e canzorro. 

Os zamarucos de Louredo eran dous, home e muller, realizados con roupa vella e herba seca. Colocábanse na praza do Cazapedo, centro neurálxico das festas do pobo. Praza onde se celebraba o san Xoán, onde se gardaba viño e comida para os maiordomos (na casa da señora Xabiera) e se rifaban productos enxebres. Tamén era o lugar escollido para a venta ou subasta pública de terras. Ben, pois os dous zamarucos eran colgados dun piñeiro e este era subastado, imaxino que para pagar as festas do entroido.

O martes era "día santo", festivo, de tal modo que os veciños se disfrazaban e deixaban de lado os penosos traballos do agro. Algúns collían cadeas ou cordas e saían buscar ós que seguisen cas labores. Collíanos entre uns cantos e levábanos presos ata a tenda, pra que pagasen un viño. Ás veces, deixábanse tranquilos ós traballadores ata mediodía, pasando a ser a tarde tempo de festa.

Alomenos dende o ano 2019, o nome de zamaruco fai referencia ó entroido promovido dende o Concello de Cortegada.

Ollemos onde está e como é a praza do Cazapedo, baixando logo a descubrir detalles e historias.

Descrición da ficha patrimonial do PXOM

 

Espazo público de forma triangular configurado pola intersección de catro rueiros formados por vivendas tradicionais en estado deficiente pero cun baixo grao de alteración. 

Entre os elementos construtivos das vivendas do entorno da praza cumpre salienta—los seguintes: corredores voados de cantería con varandas de forxa, patíns dobrados desenvolvidos en corredores sobre canzorros de granito, balcóns voados sobre canzorros... 

 

Localización e arredores

 

 

Con foto do IGN, na parte das fotos voos do PNOA.

1. O Cazapedo

2. Canella Grande: sube cara A Touza (á esquerda) e O Outeiro (dereita)

3. Camiño á Crespa (onde está o reloxo de sol)

4. Camiño ó Coutiño, Canliña e Tella

5. Camiño á Pena (de frente) e Os Veciños (dereita). O 5 sinala o lugar de orixe do cruceiro que hoxe se ve na Torre.

Por experiencia, levantar os ollos para descubrir estes elementos e outros nos balcóns do Cazapedo, ten premio.

Pois si, por exemplo, unha reixa metálica do balcón dunha adega que inda hoxe se usa, ten o ano de 1923, co cal cumple os seus primeiros 100 anos de existencia. E non é o único varal que ten data, pois a casa pegada a el ten un precioso varal pintado de branco cunha data anterior.

 

 



E non se esquecer dos bancos sitos diante da casa de don Pepe e dona Gloria, nos que tantas veces collemos folgos ou nos puxemos de parola entre os veciños.

Un momento... hai un máis pequeno? Por que será?

Nesta praza, enfrente da casa do varal anterior, estaba a casa da señora Xabiera (hoxe, do Benitiño), a quen escoitaban falar a veces soa e dicían que vía espíritos. Casa onde se almacenaba viño e comida pa festa do san Xoán bautista.

 

Festas do pobo na praza

Os festexos na praza do Cazapedo inda os recordo malamente e teño un documento da época. Escaneei a foto que conservaba e houbo quen se animou a darme varios datos, concretamente o nome e orixe dos bailaríns que alí aparecían e un recordo do ano seguinte á foto. Velaí vai.


Hoxe en día non se festexa alí, pero segue pasando a procesión no día da festa, parando para un rezo, dirixido polo sacerdote administrador, don José Ramón Villar.

Así, o paso de xuño de 2009:

 

 

 En xuño de 2019:

 

En xuño de 2022:



E o 24 de xuño de 2023, ás 12:15

 

 

O reloxo de sol

O único reloxo de sol do que teño constancia en Louredo, que estea en lugar visible, é este da praza do Cazapedo. 

Sito no alto dun muro da casa de don Pepe e dona Gloria, recibe a denominación "do veterinario" por don Pepe (d.e.p.) que realizou tal labor, ademais de alcalde de Cortegada (decembro de 1956) e Xinzo. Veciño que foi desta última, nado en Louredo e casado na Arnoia, era un entusiasta do pobo, dicindo que Louredo é o mellor pobo do mundo. Calquera que lle dedicase uns minutos podía escoitalo contar historias e compartir lecturas sobre el, o cal era unha gozada. A súa casa tivo tamén tenda no seu tempo.

 

O reloxo de sol sitúase na subida do Cazapedo á Crespa, enfrente da Canella grande que sube cara O Outeiro e A Touza, aproximadamente nas seguintes coordenadas, sacadas de Google Maps,

 

 

42°13'18.4"N 8°08'42.4"W

42.221785, -8.145102

 

 

 

Como escribín ó principio, un dos poucos lugares do pobo debidamente nomeado con placa (unha está no Tabolado e outra é esta azuliña que se colocou en vida de don Pepe).

 

E non é a única referencia reseñable nesa casa, pois alí atopamos o nome do pobo nunha pintura que pronto cumplirá 70 anos e que se conserva xenial. Compártovos captura de foto e datos dende o meu Fb, onde vou confecionando un amplo álbum sobre o pobo.

 

Este ano cúmplense 100 anos desta varanda que podemos observar no Cazapedo.


Non é o único elemento do pobo que está de centenario. Esta vez realizado en granito do país, temos o peche dos Diestros, que rodea toda a igrexa, conformando un muro baixo arredor e zona de bancada na parte da fachada (ten as pedras deitadas, podendo sentarse a feligresía diante da porta maior do templo). Aí vai foto da porta que dá ó barrio da Torre.

 

Elementos chamativos

Ademais das datas presentes nas varandas e sobre unha porta, as tallas na pedra en tempos actuais, o reloxo de sol e a denominación de pobo e praza, atoparemos algúns elementos salientables. Escollo dous dos varios posibles: un ben vistoso e dous pequeniños.

O grande é ben chamativo e penso que ca foto xa vos facedes idea...

 

Pois si, un carro no balcón. Róncalle o peito! Pero, sabiades que a poucos metros andando podemos ver un arado moi ben pintado de negro e conservado, tamén nun alto dunha casa?

E os pequenos? Pois atopeinos en dúas portas cercanas, co mesmo significado de protección. Trátanse de dous tradicionais figuras do Cristo, na súa advocación do Sagrado Corazón, clavados a sendas portas.

 

Dous elementos á fuga

Non hai consenso entre as partes consultadas, pero gastados recordos deixan entrever que o peto que hoxe está en Louredo puido estar antes na zona do Cazapedo. No que si hai múltiple testemuña coincidente é no cambio de lugar do cruceiro da Torre, que estaba onda a "casa da Raiana" e que o moveron dalí para un campiño de Pepe, "o grilo", para ampliar o camiño. Deixo constancia deso con esta captura, onde sinalo os cambios de ámbolos dous elementos.

 


Comentarios