Notas sobre o cruceiro do Tabolado

Notas sobre o cruceiro do Tabolado, Louredo

O cruceiro do Tabolado, ou de Refexón, é o único que está nun cruce de camiños. Varal octogonal, sen inscripcións, un pedestal, sen imaxes. No cruce Louredo-Refexón (cara Remuíño, Arnoia)-Tabolado (Louredo, en liña cos barrios dos Veciños e O Pazo). O seu autor foi don Juan Míguez Domínguez. Do mesmo estilo que o da Alfarrapa e A Torre.


Confluencia de camiños

Postos ante o cruceiro (https://cutt.ly/Rb9UofQ), o camiño que sobe cara o pobo e barrio de Louredo (https://cutt.ly/2b9UYVi) queda ás costas (https://cutt.ly/Vb9UJHU), mentres que o do Tabolado (https://cutt.ly/Eb9UFHp) ábrese á man esquerda. Polo primeiro chegas ó peto de ánimas (https://cutt.ly/Rb9U8NJ) e tamén ós restos da escola pía (https://cutt.ly/Yb9Iw9Z). Polo segundo, ás viñas do Pireiro (https://cutt.ly/Bb9UQ6f), Tras do lagar e A Ladeira, ademais da escola do Tabolado (https://cutt.ly/Cb9IQS6), hoxe centro social. Hai un terceiro camiño, o da dereita, Refexón (nos mapas, Refoxón), que baixa cara Remuíño (https://cutt.ly/ob9IRwM) e que empata ca estrada cara Zaparín. Inda que se percorre en coche, hai un camiño que é o vello, quizás hoxe de monte e non practicable (https://cutt.ly/Bb9IUb7), polo que pasaron moitos louredeses no seu camiño ós muíños (https://cutt.ly/Rb9IFTL) do Inquiau (https://cutt.ly/ZYZMwXA).

O nome de cruceiro

Cruceiro do Tabolado, nun cruce de camiños. Moitos din que o cruceiro colócase en lugares así, pero non é a única opción á hora de entender de onde vén a palabra “cruceiro”. Tamén se fala de que poden ser construcións en pedra que recordan a cruz procesional. E hainos que marcan os límites de poboación (cruz de término).

Por exemplo, en Louredo este é o que mellor recolle as ideas de cruce de camiños e de término. Os restos do vello cruceiro da Alfarrapa, colocados nun muro da viña do Pireiro, por azar recollen a de cruce. Mais, o actual da Alfarrapa está á beira do camiño, quedando a varios metros dun cruce (A Telleira, Soutelo), inda que ben pode ser un de término. O da Torre, tamén á beira, a uns metros da estrada que segue cara O Outeiriño e Os Veciños e o camiño que sube cara os Diestros.

A ficha patrimonial

No PXOM do concello de Cortegada aparece a seguinte descrición do cruceiro: Cruceiro construído en granito sobre un pedestal cúbico achafranado, asentado directamente no chan, do que arranca un varal de sección octogonal que comeza e remata cadrado, sobre o que se asenta unha cruz sen figuración de sección octogonal con base de sección cadrada. Este elemento está protexido polo decreto 571/1963 e ten consideración de Ben de Interese Cultural pola Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español.

Non hai cronoloxía nin outros datos. A localización ("As Hortiñas") chamoume a atención, xa que tal topónimo atopámolo na confluencia da zona do Regueiro co barrio de Louredo, na zona esquerda, enfrente da "funeraria", sendo terreo de horta, herba e algunhas cepas. Polo cal estariamos ante un erro. O lugar correcto é O Tabolado, na confluencia Tabolado-Louredo-Refexón.

Prácticas devocionais

Cando se pasaba diante dun cruceiro en Louredo había quen rezaba: “Adorámoste, Cristo, y bendecísmote, que por tu santa Cruz redimiste el mundo” (oración que forma parte do Via Crucis).

Dende hai unhas semanas (dende o mes de defuntos?) observo que hai un ou dous cirios electrónicos, postos no pé do cruceiro. Xeralmente, víase un ramos de flores de plástico ou unhas naturais moi de cando en cando. 


Un contiño

Alí, na encrucillada do Tabolado, un veciño de Louredo atopouse co demo e recomendoulle este un acto de fe… de fe cristiá!

Xa o contaron os pais dos meus pais, sinalando mesmo o lugar onde aconteceu esta historia. Nos días en que os louredeses baixaban a Remuíño a moer o gran de millo, aconteceu que un home, cargado co seu saco, atopou outro, cun lume pequeno que o quentaba. Eran tempos nos que se cargaba o froito da terra e o traballo dos labregos, levándoo dende as casas ós muíños da zona do Inquiau, no paso do río Arnoia polo concello do mesmo nome.

O camiño de Refexón, en baixada, era unha posible vía romana, e fora percorrido polo padre Sarmiento no s. XVIII.

Chamámoslle Refexón (Refoxón nos mapas) e comeza nunha encrucillada, onde unha simple cruz bendice a quen lle dedica unha oración tranquila.

O caso é que o veciño de Louredo levaba o saco ó lombo e pasou diante do cruceiro de pedra e do home do lume coma quen pasa por diante dun gato. Uns pasos máis alá escoitou que o home lle dicía: escoita, xa que non me saúdas, polo menos saúda a este que está ó meu lado (referíndose á cruz de pedra). Seguíu o seu paso sen facer caso.

Á volta, buscou os restos do lume que quentara a aquel home misterioso… E non os atopou! Fora o demo que, en forma humana, merodeaba pola aldea esa noite!

Referencias 

Na súa sinxeleza e falta dun estudio por profesionais, este cruceiro do Tabolado comeza a ser coñecido gracias ás publicacións fotográficas e breves referencias textuais.

Aparece no n. 09 da revista 'Nós, a Xente do redor', presentada no Liceo de Ourense o xoves 26 de xaneiro de 2023.


A súa ficha pode consultarse en:

1. Galicia nomeada (pendente de actualizar)


2. Esta mesma bitácora


3. Cruceiros de Galicia


Fotos de xaneiro 2023







Comentarios