Con motivo da próxima andaina por Louredo, o 24 de maio de 2026, veño a compartir material xa publicado, de modo que deixemos datos e lembranzas recollidas en distintos momentos e os xuntemos aquí, permitindo que a tradición oral quede, en parte, nun eco escrito para o futuro.
Iremos ós poucos, empezando polo sinxelo, polo xa publicado, reunindo fotos e escritos dos lugares polos que pasará esta andaina. Como non, estaremos atentos a novas informacións. Así, con todo o que poidamos xuntar, quedará unha memoria que despois poderemos compartir con todos, especialmente cos que participen na andaina, alongando a súa experiencia. Esperamos que ese día haxa quen vos acompañe e vos conte de viva voz, e quen grave e nos transmita eses recordos dos veciños, debuxando un mapa novo do pobo, onde as vellas construccións e camiños revivan ca memoria dos veciños e os visitantes.
Dende xa, queda este espazo aberto ós vosos comentarios e aportacións!
1. O cartel
Dende o concello de Cortegada nos achegan, amablemente, o cartel de anuncio da andaina, no que vemos unha foto aérea da zona do Regueiro, ca igrexa parroquial de san Xoán de Louredo.
No centro da foto, a igrexa, inaugurada na festa do patrono en 1913, o 24 de xuño. Vense as dúas portas, das que podemos dicir que a lateral, ó abrila, móstranos unha imaxe curiosa dun crucificado, xa que é móbil, os brazos admiten dúas posicións e moitos viron como, en Semana Santa, se descendía e colocaba nunha urna de madeira e cristal; e da porta maior, que ten ós lados dúas cruces brancas de pedra, recordo de sendas santas misións, predicadas nos tempos de don Esteban Rodríguez Viso, que foi veciño e cura do pobo.
Rodeando a igrexa, o peche de pedra, con dúas portas enfrentadas e ambas co ano de final de obra: 1923. A que se ve no cartel dá cara o barrio da Torre e a outra quedou debaixo do fondo verde co nome da parroquia. A zona entre peche e igrexa coñecémola como Os Diestros e a parte de herba da esquerda como O Regueiro. A andaina vai pasar por aquí.
2. A ruta
Dinos o cartel que a dificultade é media, cunha lonxitude de 5,100 Km, con saída e meta no local social de Louredo, que antes foi escola, que ten unha praza aledaña, onde se pode aparcar e que soe ser o escenario da cea de irmandade durante a festa do nacemento de san Xoán bautista.
A fotografía tamén nola pasa Marcial, do concello de Cortegada, a quen lla agradecemos.
Vemos 10 interesantes fitos, inda que descoñezo a dirección que se seguirá ese día:
1. Local social
2. Petróglifos Coto da Ferradura (xa en terreo de Soutelo, san Benito do Rabiño)
3. Pazo dos Puga
4. Conxunto de hórreos da Escadiña, na zona da Torre
5. Igrexa de san Xoán
6. Praza do Cazapedo
7. Capela (antiga igrexa da aldea)
8. Hórreo sobre o camiño cara a Eira dos Menores, zona de Louredo
9. Peto de ánimas
10. Cruceiro do Tabolado
De todos este lugares iremos dicindo algo, tanto sacado de documentos e libros, como da memoria de cantos queirades participar nestas publicacións. E non vos esquezades do que vos poidan contar o día mesmo da andaina, que estaría xenial que nos gravasedes e compartirades... mesmo en directo!
Conforme vaia xuntando información, non teñades conta, que a irei publicando e animándovos a que a melloredes. Pouco a pouco, poderemos ila pondo tamén noutras plataformas e deixando un pouco do noso pobo en Internet.
3. Algunhas fotos deses fitos enumerados
Dunha carpeta con máis de 2000 fotos sobre o pobo, vou selecciónar unhas poucas, para marcar os dez fitos enumerados, que ogallá teñan interese para os camiñantes, dos que esperamos nos conten a súa vivencia o próximo 24 de maio.
- Local social
Ten o interese de ser o edificio dunha antiga escola, con casa para o mestre na parte superior, ademais de ter a súa propia praza, cun cartel informativo interesante e camiños que nos levan por diferentes partes do pobo. Os que vaiades andar, subiredes cara as viñas do Pireiro e os montes sobre elas. Un camiño que forma parte da ruta cara Meréns.
- Coto da Ferradura
Unha pedra da que hoxe só vemos a parte superior e ben pouco dela, a un lado da estrada que baixa de Louredo, zona do Pazo, cara san Benito e Cortegada e Meréns. As inscripcións na pedra son moi antigas e teñen forma de ferradura. Moitas veces quedan escondidas baixo capas de terra e frouma. Foron estudiadas por Fermín Bouza Brey.
- Pazo dos Puga
Dalle nome ó barrio, O Pazo, inda que xe quede ben pouco, e non esté á vista desde a estrada. Non vos perdades a portada, cos seus escudos desgastados, e a posibilidade de beber da fonte cercana.
- Eira da Torre ou da Escadiña
Onde vemos varios hórreos, que aquí chamamos canastros, con diferentes materiais e cores, nun alto que mira cara as terras do Campo, O Pazo, Os Veciños, As Pilas...
- Igrexa de san Xoán bautista
Mirade que ben se ve dende a Eira dos Menores, ata onde chegará a andaina. Ogallá con bo día para desfrutar das vistas.
- Praza do Cazapedo
Onde se celebraron festas, poxas de capitais, espera polo bus escolar. Onde houbo tenda e centro de inseminación artificial para os animais. Onde inda queda memoria dos nomes gracias a unha pintada e un carteliño.
- Capela de Louredo
Que foi a igrexa do pobo ata que se vendeu e lle pasou o relevo á actual. Queda escondida, pero ben paga a pena pararse a vela e rodeala.
- Hórreo de Louredo, sobre o camiño
Moi ben conservado e un dos tres que tivo a aldea: doutro, cercano, quedan os pés no alto dun muro e o terceiro está no Coutiño... ou houbo máis?
- Peto de ánimas
Algo tan propio da nosa terra e que ben merecía un estudio con calma. Sabiades que recibiu atención, a finais da década de 1980, nun libro de petos ourensáns?
- Cruceiro do Tabolado
Na confluencia do Tabolado e Refexón e a subida cara Louredo, non lonxe das ruínas da escola da Obra Pía, das adegas e o peto de ánimas.
Continuará...


Comentarios
Publicar un comentario