O próximo 24 de maio de 2026, en Louredo, vaise dar saída a unha andaina especial, na que non só se camiñará, senón que se pretende dar a coñecer parte da súa historia e da memoria dos maiores, polo que ogallá participen con ganas os veciños. Eu, desta vez, non podo ir, polo que participarei dende aquí, collendo dun sitio e doutro, dunhas memorias e outras, algo do que pasou na aldea ou do que temos como tradición oral. Deixalo por escrito será como un eco do que dicimos e do que imos atopando por escrito con certo valor e interese.
Xa demos conta dos dez fitos desta andaina, adxuntando algunhas fotos. Agora, podemos ir un pouco máis alá e comezar a compartir escritos, tanto de recordos como de documentos, achegándonos a eses fitos cunha perspectiva ampla. Definitiva? Non. Só queremos ter unha idea mellor dos lugares e construcións cas que se atoparán os camiñantes, sen esquecernos das xentes que os habitaron ou usaron.
E, ollo, que inda nos falta recoller a túa memoria, o que ti viviches alí ou che contaron dese sitio. Anímaste a contarnos?
Documentando os fitos da andaina
Descoñezo a dirección da rota, polo que collo a lista da anterior entrega, e comparto novas fotos, nas que poidamos ler algo do que se sabe ou di deses puntos de interese que nos marcaron os organizadores. Lembra que queremos contar co que ti nos poidas dicir a maiores!
1. Local social
"Se inauguró el día 12 sábado a las 7 de la tarde", reza unha nota manuscrita por don Pepe, inserta nun recorte de periódico que recolle a nova da inauguración desta praza do tabolado por onde pasades. Estades nun lugar onde se aparcan coches, xa por ocio, xa por traballo, onde se deixan uvas na vendima para unha mellor recollida dende o camiño e onde se ten celebrado parte da festa do patrono do pobo, san Xoán bautista.
Un elemento de interese é o cartel informativo, que dá conta da posible historia do pobo, xunto cunha especial referencia ós Puga, familia que se fixo dona de Louredo, Poulo e Meréns. Outro elemento, desta vez inmaterial, son os recordos dos louredeses que aquí aprenderon o abecedario e as catro regras matemáticas, tantas veces entre os rigores do frío ou a calor, os traballos domésticos, a cría e coidado do gando e as capacidades persoais. Os nomes de moitos profesores inda segue nas mentes dos que son hoxe pais e avós, ademais dalgúns recortes de prensa que nos desvelan un nadiña da historia desas xentes que trouxo unha cultura e moitas posibilidades de mellorar os nosos pobos.
(Notas persoais sobre a praza do Tabolado)
2. Petróglifos Coto da Ferradura (xa en terreo de Soutelo, san Benito do Rabiño)
Seis ferraduras colocadas por pares con surcos pouco profundos en U. As medidas oscilan entre 6,5 e 10 cm de lonxitude e os 6,5 e 8 cm entre os extremos da liña. Tamén hai unha coviña de 5 cm de diámetro por 3 de profundidade. A dereita hai gravada unha V, realizada en época recente con algún instrumento metalico; cando Bouza Brey publicou estes gravados aínda non estaba.
(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, P 188)
Hay grabadas 6 herraduras colocadas por pares, con surcos poco profundos en U. Las medidas oscilan entre 6,5 y 10 cms. de longitud y los 6,5 y 8 cms. entre los extremos de la línea. Tambien hay grabada una cazoleta de 5 cms de diámetro por 3 de profundidad. A la derecha hay grabada una V, realizada en época reciente con algún instrumento metálico cuando Bouza Brey publicó estos grabados aun no estaba.
(Ficha dos xacementos arqueolóxicos do concello de Cortegada, 1987)
Petróglifos situados sobre unha rocha case enterrada. Son 3 pares de formas de ferraduras (prehistóricas) e un risco en forma de V xunto cunha recta (quizás ambas modernas). A pedra soe quedar oculta debido ás follas que lle caen en outono. Queda por riba dun vello paso entre Louredo e O Rabiño, pasando pola Granxa. Copiado da web do concello de Cortegada: "En Louredo consérvase o Petróglifo da Ferradura onde se poden observar seis pequenas ferraduras colocadas por pares. Estas manifestacións artísticas son propias da cultura da idade do Bronce que se desenvolveu en Galicia durante o III e II milenio a. C. Ó final desta etapa constrúense os primeiros castros, asentamento que se xeneralizará durante a Idade do Ferro, época na que se desenvolve en Galicia a Cultura Castrexa (finais do Bronce s. VII a. C), esta supón a aparición dun tipo específico de asentamento: o castro e por ende, os primeiros asentamentos verdadeiramente estables. Todo o territorio galaico está balizado por este tipo de asentamentos, o núcleo de Louredo, no norte de Cortegada pode estar asentado nun Castro localizado no Monte "Chanduzal", máis tarde romanizado."
Ficha en Galicia nomeada)
3. Pazo dos Puga
Edificio con planta en forma de L composta pola adhesión sucesiva de volumes, con muros portantes de cachotería granítica á vista, dúas alturas e cuberta a dúas e tres augas con cubrición de tella curva e fibrocemento. Un arco de medio punto con grosas doelas coroado por cruz e pináculos conforman o portalón de entrada do valado de pedra que pecha a parcela, tras franquea-la entrada destacan como principais elementos construtivos dous patíns de acceso ao primeiro andar e grandes arcos (alintelado, sobre mochetas e asimétrico) na planta terrea onde se situaban as adegas. Sobre os muros aparecen dous brasóns esculpidos en cantería. O brasón esta protexido polo decreto 571/1963 e ten consideración de Ben de Interese Cultural pola Lei 16/1985 do Patrimonio Histórico Español.
(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, P 65, Código 6-1)
4. Conxunto de hórreos da Escadiña, na zona da Torre
Hórreos mixtos con estrutura de cantería e cámara de doelas de madeira (nun deles a cámara foi reconstruída con ladrillo cerámico á vista), asentados sobre dous/tres pares de pés de cantería con tomarratos en forma de lousa transversal ou circulares. A cuberta está resolta a dúas augas con cubrición de tella curva/plana, con e sen gardaventos. Este elemento está protexido polo decreto 449/1973 e ten consideración Interese Cultural pola Lei 16/1985 do Patrimonio Historico Español.
(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, P 120, Código 10-3)
O barrio da Torre queda en ladeira, limitando cos lugares dos Diestros e O Regueiro, na parte alta, co Cazapedo, por un lado, e O Outeiriño, na zona de inferior altitude, polo outro. Barrio a dous niveis e longo.Don Pepe preguntábase se o nome da Torre non viría dalgunha fortaleza ou torre defensiva que se colocou aquí nalgún momento. E hai xente que pensa que o noso pobo tivo un castelo ou unha fortaleza. De momento, nada atopei que documente tal idea. Fóra do nome dun barrio, A Torre, tampouco podemos rastrexar outros datos da toponimia local. Ou si? O que si está documentado é o castelo do monte Louredo, pertencente ó coto auriense do bispo da nosa diocese, que está preto da entrada á cidade, visible dende a autovía. O que pasa é que, como din que este Louredo está cerca da desembocadura do Arnoia e sitúase nun alto, a confusión co noso Louredo está servida. Ademais, ese monte e o noso pobo tiveron unha familia de señores en común, os Puga. Pero, de momento, non hai referencias a unha torre, de vixía ou defensa, no noso pobo.
A Eira dos canastros
Nun carreiro á man dereita leva á Eira da Torre, canastros nun vistoso recuncho de Louredo (se collerades pa esquerda subiriades á zona alta da Torre, chegando ata unha porta de columnas de granito, onde vedes a data de 1923 gravada). Varias canastros situados nun recuncho con boas vistas á zona do Campo, Veciños... Unha mesma estrutura desenvolvida con diferentes materiais e distintas formas no tellado e nas portas, pintadas con varias cores.
Solucións tradicionais e uso de modernos materiais que impactan.Esta aira non pecha ningún acceso, senón que ten un carreiriño para seguir descendendo e chegar ás terras do Campo e a poza da Lama. Carreiro en costa, na parte baixa de terra e na superior en pedra granítica. Chamámoslle A Escadiña.
(Notas persoais para unha andaina anterior, que pasou polo pobo)
5. Igrexa de san Xoán
Igrexa de planta basilical, con muros portantes de perpiaños de granito á vista, cuberta a dúas augas e cubrición de tella plana na nave principal; ábsida rectangular e presbiterio con cuberta a catro augas desenvolvido en altura, con sancristía anexa no muro norte. Nos laterais dos muros da nave principal destaca a presenza de contrafortes. A fachada, de esquema pentagonal, está marcada por un eixo central que parte da porta alintelada, xanela e sinxela decoración pétrea que conduce a unha espadana de dous ocos e un só corpo rematada en forma de frontón triangular moldurado.
(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, Páxina 25, Código do elemento 1-2)
O pobo de Louredo é unha parroquia que pertence ó arciprestado de Ribadavia, diocese de Ourense, tendo a san Xoán bautista como patrono. Dúas imaxes se conservan do santo no templo parroquial, obra inaugurada en 1913, coincidindo ca festa do bautista. Anteriormente, o culto centralizábase nunha pequena igrexa, sita no barrio de Louredo. Inda hoxe se pode ver, pero hai máis de cen anos que non acolle rezos, pois foi vendida a un particular e serve de palleiro. Precisamente dalí din os veciños que viñeron dúas imaxes: a pequena de san Xoán, que sae en procesión cada xuño, antes da misa de festa, e unha virxe policromada, de pedra.En carta do 4 de xullo de 1913, publicada no Boletín diocesano, o rvdo. Constantino Rodríguez dá unha serie de interesantes datos: que a igrexa é de nova construción, que foi inaugurada o día da festa de san Xoán, que se trasladaron imaxes de santos e o Santísimo desde a vella igrexa á nova, que a construción desta levou 6 anos,..
De sinxela feitura, consta de unha sola nave, con espadaña sobre porta maior, con espazo para dúas campás, e dous pequenos locais a ambos lados do presbiterio, sendo un a sacristía e o outro un almacén. As campás levan dous anos diferentes: a grande é de 1923, mentres que a pequena é de 1953, sendo o fundidor Malingre (desde mesmo ano e fundidor é a estatua de bronce dedicada a monseñor Francisco Blanco Nájera, sita no claustro do Seminario Maior de Ourense). Segundo testemuña da época, as dúas campás eran do 23, pero a pequena rachou e refundiuse. Nos laterais do templo sobresaen dous contrafortes en cada lado.
Daquel mesmo 1923 é o peche de pedra do diestro, tal como reza a gravación, resaltada con pintura negra, hoxe visible en ámbalas dúas columnas da porta de entrada. Dúas son as portas da igrexa: a maior, tendo a ambos lados dúas cruces de pedra branca que recordan sendas "santas misiones", que mira cara o Noroeste, e a lateral, que mira po Leste.
Tres son os retablos, de factura local, da man do artista de Remuíño, José "O Choio". Segundo se mira cara o altar maior, o da esquerda contén figuras de varios santos: san Antonio abade na cima, debaixo del santo Antón de Padua, ca Virxe do Carme á súa esquerda e santa Rita á dereita; o da dereita está adicado a diferentes advocacións marianas: na cima a Virxe de Luján, estando por debaixo a Inmaculada (ou Ascensión), acompañada da de Fátima á esquerda e a Dorosa á dereita; e no central temos no alto un Neno Xesús que aperta á cruz, por riba dunha preciosa talla en madeira do patrono san Xoán, que se acompaña do Sagrado Corazón á esquerda e san Xosé á dereita. Fóra de altar, nunha peana, á esquerda, agochado polo púlpito, a imaxe procesional do bautista, de sinxela feitura e material; á dereita, unha pequena virxe de corte románico, polícroma; finalmente, un cristo articulado, alineado ca porta lateral, que hai anos servía para celebrar o desencravo con certa solemnidade, colocándose logo nunha urna de madeira e cristal.
O pobo de Louredo é unha parroquia que pertence ó arciprestado de Ribadavia, diocese de Ourense, tendo a san Xoán bautista como patrono. Dúas imaxes se conservan do santo no templo parroquial, obra inaugurada en 1913, coincidindo ca festa do bautista. Anteriormente, o culto centralizábase nunha pequena igrexa, sita no barrio de Louredo. Inda hoxe se pode ver, pero hai máis de cen anos que non acolle rezos, pois foi vendida a un particular e serve de palleiro. Precisamente dalí din os veciños que viñeron dúas imaxes: a pequena de san Xoán, que sae en procesión cada xuño, antes da misa de festa, e unha virxe policromada, de pedra.
(Notas personais sobre a igrexa de Louredo. Para velas completas e con fotos, CLIC AQUÍ)
Continuará...
Comentarios
Publicar un comentario