Nota sobre os santos e retablos de Louredo, Cortegada

 

Santos nos altares de Louredo

O pobo de Louredo é unha parroquia que pertence ó arciprestado de Ribadavia, diocese de Ourense, tendo a san Xoán bautista como patrono. Dúas imaxes se conservan do santo no templo parroquial, obra inaugurada en 1913, coincidindo ca festa do bautista. Anteriormente, o culto centralizábase nunha pequena igrexa, sita no barrio de Louredo. Inda hoxe se pode ver, pero hai máis de cen anos que non acolle rezos, pois foi vendida a un particular e serve de palleiro. Precisamente dalí din os veciños que viñeron dúas imaxes: a pequena de san Xoán, que sae en procesión cada xuño, antes da misa de festa, e unha virxe policromada, de pedra.

Nada teño atopado da disposición interior daquel templo nin do seu axuar e as prácticas alí realizadas. Queda a memoria do que dixo hai anos un veciño, defunto xa: que lembraba como o último enterrado alí fora un veciño da Raíña (un pequeniño pobo cercano a Piñón, hoxe abandonado). 

Imaxes trasladadas 

En carta do 4 de xullo de 1913, publicada no Boletín diocesano, o rvdo. Constantino Rodríguez dá unha serie de interesantes datos: que a igrexa é de nova construción, que foi inaugurada o día da festa de san Xoán, que se trasladaron imaxes de santos e o Santísimo desde a vella igrexa á nova, que a construción desta levou 6 anos,..

A igrexa actual

De sinxela feitura, consta de unha sola nave, con espadaña sobre porta maior, con espazo para dúas campás, e dous pequenos locais a ambos lados do presbiterio, sendo un a sacristía e o outro un almacén. As campás levan dous anos diferentes: a grande é de 1923, mentres que a pequena é de 1953, sendo o fundidor Malingre (desde mesmo ano e fundidor é a estatua de bronce dedicada a monseñor Francisco Blanco Nájera, sita no claustro do Seminario Maior de Ourense). Segundo testemuña da época, as dúas campás eran do 23, pero a pequena rachou e refundiuse. Nos laterais do templo sobresaen dous contrafortes en cada lado. 

Daquel mesmo 1923 é o peche de pedra do diestro, tal como reza a gravación, resaltada con pintura negra, hoxe visible en ámbalas dúas columnas da porta de entrada. Dúas son as portas da igrexa: a maior, tendo a ambos lados dúas cruces de pedra branca que recordan sendas "santas misiones", que mira cara o Noroeste, e a lateral, que mira po Leste.

Os retablos 

Tres son os retablos, de factura local, da man do artista de Remuíño, José "O Choio". Segundo se mira cara o altar maior, o da esquerda contén figuras de varios santos: san Antonio abade na cima, debaixo del santo Antón de Padua, ca Virxe do Carme á súa esquerda e santa Rita á dereita; o da dereita está adicado a diferentes advocacións marianas: na cima a Virxe de Luján, estando por debaixo a Inmaculada (ou Ascensión), acompañada da de Fátima á esquerda e a Dorosa á dereita; e no central temos no alto un Neno Xesús que aperta á cruz, por riba dunha preciosa talla en madeira do patrono san Xoán, que se acompaña do Sagrado Corazón á esquerda e san Xosé á dereita. Fóra de altar, nunha peana, á esquerda, agochado polo púlpito, a imaxe procesional do bautista, de sinxela feitura e material; á dereita, unha pequena virxe de corte románico, polícroma; finalmente, un cristo articulado, alineado ca porta lateral, que hai anos servía para celebrar o desencravo con certa solemnidade, colocándose logo nunha urna de madeira e cristal.


A cantos lles preguntas sobre o autor dos retablos da igrexa parroquial de Louredo, coinciden nas repostas ó sinalar ó Choio. José Benito, artista de Remuíño que chegou a ir a Madrid para formarse e traballar dun modo máis técnico e depurado. Home que tiña o taller no Inquiau, Remuíño, nun lugar que inda hoxe se pode sinalar, nunha curva do camiño que baixa dende o pobo. Podemos saber algo máis, documentalo dalgunha forma?

A autoría dos retablos

Na búsqueda de documentos sobre Louredo e os seus avatares, vou atopando citas e datos pequechos. Un deles ven da revista "Vida gallega", nun artigo onde Jaime Solá describe as súas andanzas por Arnoia. Hai un apartado onde nos fala do seu encontro con don José Benito, "O Choio". Entre outras curiosidades sobre o marabilloso artista, di: “Pero eso no era nada. Con quinientas pesetas que le prestó la madre de nuestro compañero de excursiones Julios Lira, inició José Benito sus negocios. De ellas salieron el molino y la fábrica de sierra, los tornos y todas las herramientas del taller, y hasta un enorme retablo que luce, y que admira al visitante en el altar mayor de la próxima iglesia de Loureda".


José Benito Bangueses Suárez, no seu ‘Arnoya en el tiempo’, ó deterse nos retablos parroquiais de san Salvador da Arnoia, comenta: “La importancia de los mismos, aparte de su buena traza escultórica y su buena conservación, puede decirse que radica en que los tres fueron hechos por un escultor arnoyés del pueblo de Remoíño, D. José Benito Álvarez González, conocido por el cariñoso apodo de O Choyo, aludiendo al nombre que él mismo daba a su taller. Un curioso taller situado dentro de una aceña de su propiedad, cuya maquinaria era movida por fuerza hidráulica que este ingenioso hombre había ideado y preparado en el río Arnoya, en el lugar de El Inquiao.”

M. Mercedes Bangueses Vázquéz e Rafael Bangueses Bangueses, no seu ‘Arnoia. Documentos y memorias’, dedican dúas preciosas páxinas ó Choio, inda que o citan noutras máis, pero son a 173 e 174 un precioso conxunto de datos e recordos do marabilloso artista e dalgunhas da súas obras. Nesa 173 temos unha lista de parroquias con retablos seus e di de Louredo: “retablos mayor y de la Concepción de Louredo”.

Así que, de momento, confirmamos a autoría do José Benito, O Choio, pero vemos que os autores quédanse, un con que construíu o retablo maior e os outros que foi o maior e o da Concepción. Na igrexa de Louredo vemos 3 retablos e inda que non sexan idénticos, xa que hai detalles que os diferencian, ben podiamos dicir que o autor foi o mesmo. Mentres esperamos nova documentación, temos a sorte de poder ver un dos debuxos que usaba o propio autor! Gracias a unha veciña de Louredo, temos acceso a fotos coma esta, que remarcan a autoría do traballador artista arnoiés. 



Colocación dos santos e pintura dos retablos 

E estiveron sempre os retablos e os seus santiños colocados igual? Pois non. Sabemos que a cor dos retablos cambiaron con tempo, sendo o actual o que quedou trala última restauración. E a colocación das imaxes podemos rastrexala en parte, gracias a fotos como as que me pasou José Manuel Pérez. Recorteinas para que non saian as persoas, pero si se vexa a parte dos retablos. Ademais de sinalar os nomes dos presentes e o motivo, aporta as datas, non só do que estaba a celebrarse, senón dun feito interesante: o pintado. Díxome: as fotos son de 1955 e 56. Sobre a cor do retablo a explicación é que estaba sin pintar! Pintáronno no ano 1959/60, cando nós viviamos no barrio de Louredo, e un dos pintores durmiu na nosa casa… Era parente dun sr. de Xinzo, Pascual Díaz, que tiña un almacen de ultramarinos.

Tamén deixou comentario Ramón Rodríguez: antes de que se pintaran los retablos que estaban como los hizo o señor Benito en San Juan se bajaba el Santo mayor y en una de esas le rompieron dos dedos de la mano derecha la escultura es de madera pintada y cuando se pintó y doro todos los retablos los que hicieron eltrbajo fueron unos decoradores que vinieron de Orense yo aprendí mucho con ellos me enseñaron muchas técnicas incluso el dorado a la hoja con láminas de oro que se aplicaban y luego se bruñian con unas piedra de Agatha yo me pase todo el tiempo con ellos preparaba el yeso que se aplicaban de base estos artistas fueron los que restauración los dedos rotos de la imagen.

Os retablos e imaxes hoxe

Como é do que máis teño, e esperando poder recoller algo máis de información co tempo, paso a unha ollada ó estado actual, cos santos e a súa situación localizada, ademais dalgunha referencia que poida ser de interés.

Tres retablos dourados ocupan a cabeceira da igrexa: un central e dous laterais, que están adiantados respecto daquel. O central, con sagrario sempre cuberto con tela branca bordada, contén unha preciosa imaxe de san Xoán bautista no centro. Por riba del, un neno Xesús que apreta contra o peito, ca man e brazo esquerdos, unha cruz. Nunha posición un tanto máis baixa que o patrón da parroquia, as imaxes de san Xosé, co Neno e con vara florida, á esquerda (respecto da imaxe do bautista) e o sagrado Corazón á dereita, con vestidura branca e manto vermello por riba.


 

 

A inicios deste 2025, e dende hai meses, o oco central está baleiro, o correspondente ó patrono, pois a súa imaxe sufríu un desperfecto: caeulle o brazo que tiña levantado. Sen data de entrega, esta imaxe está sendo restaurada e esperamos un pronto regreso. Esperemos que se publicite e celebra con intensidade e documentación!


 

Conforme se entra, o retablo da esquerda contén varios santos populares: no alto, zona central, o san Antón abade, con austeras vestiduras, a man nun caiado e, baixo a man que sostén un libro, o porquiño. Baixo el, santo Antón de Padua, santo portugués que foi bautizado Fernando, co Neno no colo. Tamén aparece así a imaxe da virxe do Carme, coroada e co escapulario. Do outro lado do franciscano, a imaxe de santa Rita, co seu hábito negro.


O retablo das devocións marianas está coroado cunha imaxe da virxe de Luján, que ten ós pés unha inscripción pintada. Baixo ela, cos anxiños ós pés, unha Inmaculada (Asunción?). Flanquéana a branca virxe de Fátima e a enlutada virxe das Dores. Estas tres cuns rostros ben elocuentes: o sorrinte e calmo de Fátima, o arroubado e mirando pro ceo da Inmaculada e o choroso da Dolorosa.


Queda por ir un día a investigar con calma un detalle. Hai Lúa ós pés da inmaculada? Porque parecer, parece que si asoma, apenas visible ó achegarse.

 

Quédanos descubrir dúas imaxes que disque foron traídas da vella igrexa, situada inda no barrio de Louredo e que foi vendida a un particular. Trátase da sinxela imaxe de san Xoán bautista, que se saca en procesión o día da festa, e unha pequecha imaxe coroada dunha sorrinte virxe, de gordecha cariña, que ten consigo ó Neno. Exentas, cada unha na súa peana lateral.



 

 

 

 

Medio agachada, tamén exenta, atopamos a imaxe de san Benito. Traída de Portugal e vendida na súa igrexa do Rabiño, esta imaxe atopámola hoxe en moitas casas da contorna. Faltaba na igrexa e para aquí a trouxeron hai uns anos. Ós pés de santa Rita.


 

 Para rematar, a que primeiro se ve, conforme entras pola porta pequena, situada nun lateral do templo. A imaxe de Cristo crucificado, que ten a característica de ter os brazos móbiles, podendo baixarse da cruz e colocarse nunha urna de madeira e cristal, cos brazo recollidos.


As festividades relacionadas cas imaxes en 2025


 

Comentarios