Fito 5 do #XVRoteiroCortegada

... atrás quedaron O Outeiriño e Os veciños...

O barrio da Torre

O barrio da Torre queda en ladeira, limitando cos lugares dos Diestros e O Regueiro, na parte alta, co Cazapedo, por un lado, e O Outeiriño, na zona de inferior altitude, polo outro. Barrio a dous niveis e longo.

 


Don Pepe preguntábase se o nome da Torre non viría dalgunha fortaleza ou torre defensiva que se colocou aquí nalgún momento. E hai xente que pensa que o noso pobo tivo un castelo ou unha fortaleza. De momento, nada atopei que documente tal idea. Fóra do nome dun barrio, A Torre, tampouco podemos rastrexar outros datos da toponimia local. Ou si? O que si está documentado é o castelo do monte Louredo, pertencente ó coto auriense do bispo da nosa diocese, que está preto da entrada á cidade, visible dende a autovía. O que pasa é que, como din que este Louredo está cerca da desembocadura do Arnoia e sitúase nun alto, a confusión co noso Louredo está servida. Ademais, ese monte e o noso pobo tiveron unha familia de señores en común, os Puga. Pero, de momento, non hai referencias a unha torre, de vixía ou defensa, no noso pobo.

A Eira dos canastros

Un carreiro á man dereita leva á Eira da Torre, canastros nun vistoso recuncho de Louredo (se collerades pa esquerda subiriades á zona alta da Torre, chegando ata unha porta de columnas de granito, onde vedes a data de 1923 gravada). Varias canastros situados nun recuncho con boas vistas á zona do Campo, Veciños... Unha mesma estrutura desenvolvida con diferentes materiais e distintas formas no tellado e nas portas, pintadas con varias cores.

 

 

Solucións tradicionais e uso de modernos materiais que impactan.Esta aira non pecha ningún acceso, senón que ten un carreiriño para seguir descendendo e chegar ás terras do Campo e a poza da Lama. Carreiro en costa, na parte baixa de terra e na superior en pedra granítica. Chamámoslle A Escadiña.

 


O cruceiro da Torre

Sobre os cruceiros de Louredo, sabemos que o actual cruceiro da Alfarrapa é contemporáneo do situado no cruce de Refexón e O Tabolado. O seu autor foi don Juan Míguez Domínguez. Os dous, por motivo relixioso persoal. Na Torre ides pasar diante dun cruceiro.

Cruceiro de fuste octogonal, cruz sen imaxes, co pedestal con inscripcións ilexibles (alomenos en dúas caras do pé). Os maiores cren que é o cruceiro máis antigo de Louredo e, quizás, foi modelo para os outros dous (Tabolado e Alfarrapa). Como detalles coñecidos, dicir que este cruceiro localizábase un pouco máis alá de onde está hoxe, pero como se tivo que ensanchar unha estrada e xa que o propietario ("O Grilo") do lugar onde se colocou non protestou, quedou aquí. Orixinalmente estaba sobre unha pedra, con tres chanzos na súa parte inferior, nunha curva que hoxe existe, onda a casa "da Raiana", a un paso da "tenda da Lurdes", hoxe pechada (pasaredes diante, cando collades pola Pena abaixo, en lugar de subir cara a zona do Cazapedo).

 


En canto ás devocións, aínda se recorda como, no seu lugar orixinal, onda a "casa da Raiana", hoxe casa do Sito, o seu fillo, foi motivo de parar e rezar durante unha Santa Misión, quizais no tempo do párroco don Esteban Viso Rodríguez. Desde a igrexa chegábase por un estreito camiño inda en uso. Será deses anos que quedou a costume en Louredo deste rezo ante os cruceiros?: Adorámoste, Cristo, y bendecímoste que, por tu Santa Cruz, redimiste al mundo.

Diante deste cruceiro pasa a procesión da festa do san Xoán, a da natividade do bautista. Pretiño del soe pararse a imaxe para a primeira oración (a segunda é na praza do Cazapedo) e a partir del enfílase cara o Cazapedo, comenzando a veces a tocar a banda que ameniza o paso. A igrexa poderedes vela se camiñades un pouco e mirades cara atrás, antes de baixar pa Pena, en canto pasedes a Molinera, que en nada vos digo onde queda.

 


O templo parroquial de san Xoán de Louredo está adicado a san Xoán bautista, sendo a festa patronal o 24 de xuño, data precedida de novena. Algunha vez se celebrou novena, tamén, para celebrar o día do martirio, o 29 de agosto, pero o normal é que se celebre Misa ese día, sen máis. A parroquia pertence ó arciprestado de Ribadavia, sendo parte do de Cortegada anteriormente. Foi no 2013 cando este desapareceu e se pasou a aquel, na última reforma arciprestal diocesana, baixo o pastoreo de monseñor Leonardo Lemos Montanet

 


De sinxela feitura, consta de unha sola nave, con espadaña sobre porta maior, con espazo para dúas campás, e con dous pequenos espazos a ambos lados do presbiterio, sendo un a sacristía e o outro un almacén. As campás levan dous anos diferentes: a grande é de 1923, mentres que a pequena é de 1953, sendo o fundidor Malingre (desde mesmo ano e fundidor é a estatua de bronce dedicada a monseñor Francisco Blanco Nájera, sita no claustro do Seminario Maior de Ourense). Segundo testemuña da época, ás dúas campás eran do 23, pero a pequena rachou e refundiuse. Nos laterais do templo sobresaen dous contrafortes. 

 


Daquel mesmo 1923 é o peche de pedra do diestro, tal como reza a gravación, resaltada con pintura negra, hoxe visible en ámbalas dúas columnas das portas de entrada. Dúas son as portas da igrexa: a maior, tendo a ambos lados dúas cruces de pedra branca que recordan sendas "santas misiones", que mira cara o Noroeste, e a lateral, que miro po Leste. Que a igrexa non fora alineada como outras, ca cabeceira cara o Leste, din algúns que foi polas dificultades de adaptala ó terreo. 

 


Tres son os retablos, de factura local, da man do artista de Remuíño, José Benito "O Choio". Segundo se mira cara o altar maior, o da esquerda contén figuras de varios santos: san Antonio abade na cima, debaixo del santo Antón de Padua, ca Virxe do Carme á súa esquerda e santa Rita á dereita; o da dereita está adicado a diferentes advocacións marianas: na cima a Virxe de Luján, estando por debaixo a Inmaculada (ou Ascensión), acompañada da de Fátima á esquerda e a Dorosa á dereita; e no central temos no alto un Neno Xesús que aperta á cruz, por riba dunha preciosa talla en madeira do patrono san Xoán, que se acompaña do Sagrado Corazón á esquerda e san Xosé á dereita. Nunha peana, á esquerda, agochado polo púlpito, a imaxe procesional do bautista, de sinxela feitura e material; á dereita, unha pequena virxe de corte románico, polícroma; finalmente, un cristo articulado, alineado ca porta lateral, que hai anos servía para celebrar o desencravo con certa solemnidade, colocándose logo nunha pesada urna de madeira e cristal. As dúas imaxes das peanas laterais, di a xente que viñeron da vella capela de Louredo, sita no barrio homónimo, hoxe desacralizada, trala súa venda a un particular. 

Algunha historia relaciona o cruceiro da Torre coa cura do "enganido", que consistiría en que a nai levase ó seu fillo, afectado por un mal preternatural, atado. Tamén levaría un coitelo. Ó pé do cruceiro, agardaría a que pasase o primeiro transeúnte, a quen, en silencio, lle daría o o coitelo e presentaríalle o seu pequeno. A misión do transeúnte sería cortar os lazos da criaturiña e esta quedaría sana.

A Molinera

A seguir do cruceiro, atopades unha casa pechada, xunto a muros en ruína. Trátase da Molinera do Silverio. A Molinera garda o primeiro muíño eléctrico de Louredo. Antes que se popularizasen, axudou a que os veciños puidesen moer o grau no propio pobo. Onde o facían antes? En Remuíño, na zona do Inquiau, nos "Muíños Dez" e quizás tamén nos "Muíños Tres" (os números soen facer referencia á cantidade de pedras de moer, dentro das instalacións). As augas que os movían eran as do Arnoia e inda hoxe se poden ver as ruínas de case todos. Como detalle, pretiño, esas mesmas augas daban pulo á maquinaria do discreto taller do "Choio", un artista local dun facer magnífico e de esforzada vida.

Desde A Molinera, sita e clausurada, miramos po Pazo, que son as vistas que teredes a man dereita. Neste barrio de Louredo houbo un pazo, o dos Puga, señores de Louredo e Meréns. Inda quedan restos dunha bonita portada cos seus escudos nobiliarios. No extremo dereito está a fonte, co seu lavadoiro cuberto e a súa pociña. A decir de moitos, da mellor ou a mellor auga do pobo. No extremo esquerdo, un abandonado canastro, o primeiro do pobo se subimos dende san Benito.

Pasando pa Pena

E a un par de pasos xa estades ante un poste da luz cunha frechiña que indica cara abaixo, pa dereita, entrando na zona da Pena (detrás vaivos quedar a casa da Raiana, do Sito, o lugar onde se atopaba en orixe o cruceiro que vistes antes).

 

 ... por diante, A Pena e A Alfarrapa...

Comentarios