Ó longo do ano, a igrexa católica propón un calendario onde colocar as diferentes celebracións relacionadas con Deus, a virxe, anxos e santos. Tamén as que nos afectan persoal e comunitariamente. Eu invítovos a pegarlle un ollo ás que marca para os santos que temos nos retablos da igrexa parroquial de san Xoán de Louredo. Nesta primeira ollada quedarémonos cas que aparecen na epacta e o misal, facendo copia das páxinas correspondentes e facendo acopio das oracións colectas. A idea é unir a cada imaxe que temos na igrexa parroquial, concretamente, as dos retablos, unha data, as indicacións litúrxicas correspondentes e a oración que o sacerdote pronuncia en cada misa deles xusto antes de sentarnos para escoitar as lecturas.
Repasando cada nicho dos tres retablos poderemos porlle día e nivel celebrativo, seguindo o calendario litúrxico español. Só hai unha imaxe que se nos escapa, que é a da virxe de Luján, relacionada ca "quinta provincia" galega, A Arxentina. Tamén se sairá do texto a imaxe máis alta, a do neno Xesús sostendo a cruz, que está na cima do altar maior. Poderiamos buscarlle festa a dúas imaxes que tampouco tocaremos: a virxe co neno da peana lateral dereita e o crucificado que se ve nada máis enfilar dende a porta pequena do templo. Si terá espazo unha pequena imaxe que soe estar discretamente colocada na mesa do altar esquerdo, a de san Benito, imaxe que moitos veciños teñen comprado pa casa ou pra outros devotos.
Para outra ocasión queda pornos ca historia dos retablos e as imaxes, das que pouca información teño e que, dende aquí, vos invito a facer memoria e comentarme os vosos recordos ou vellas fotos. Porque os santos non sempre estiveron onde hoxe os vemos.
Comentarios
Publicar un comentario