Fito 6 do #XVRoteiroCortegada

Último tramo por Louredo: A Pena e A Alfarrapa

Os últimos minutos por Louredo corresponden a vellos camiños que se foron deixando de lado, máis ou menos. Entre o avenllentamento da poboación e o paso de xabaríns polas terras que eran de cultivo, parte dos lugares polos que pasaredes non sempre están tan limpos. Así que é de agradecer o esforzo por despexalos e deixalos preparados para o roteiro no que andades.

A Pena

No inicio da baixada pola Pena atopades varias casas, unha delas foi tenda e bar. Noutra vías un avión, que era unha veleta, e que xa debeu voar hai moito. Vós ides seguir directos, pero hai dous camiños: o de frente, que é o marcado po roteiro, e o da dereita, que realiza unha pasada polas terras do Campo, antes de empalmar co que leva á Alfarrapa. 

 


De ir por el veriades os restos de construcións, dalgunha bodega, e as formacións rochosas de granito que quizás sexan as que lle dan nome ó lugar. Serán as coviñas que se ven nunha delas feituras prehistóricas ou simples buratiños que a erosión foi escavando?

O caso é que vós tiraredes de frente, obtendo unhas boas vistas da zona noroeste do pobo. Alá están Os Veciños, que pasastes, As Pilas e O Pazo, ca estrada que conecta Louredo co Rabiño e a estrada a Meréns, ademais do camiño de monte a Soutelo.

Baixando, hai un pequeno carreiro sen limpar, coñecido como A Pena da Misa, que se usaba como atallo para chegar antes ós Aráns.

A Alfarrapa

Enfilando pola Alfarrapa, veredes terras de monte, pero que non vos engane o estado actual, pois no seu tempo foron viñas, eidos e campos cultivados, algúns inda hai vinte e pico anos. Ollade os muros, moitos forzados polas raíces poderosas de grandes árbores. E resisten sen que lle teñan tocado dende hai anos! Chaman a atención moitos deles por estar conformados con pedras irregulares, de distintos tamaños, pero vaia se non sabían ben o que facían aquelas persoas que os levantaron!

 


Que non vos estrañe se atopades parte do camiño embarrado, pois é unha zona con auga correndo todo o ano, e non só na época de chuvias. Algunha pociña saíu á luz con esta última limpeza e hai un paso que o faredes sobre un rego cuberto por pedras.

 


 

Finalizando a marcha, atopades un cruceiro. Lembrades que cando pasastes polo Pireiro vos dixen que eran os restos do cruceiro da Alfarrapa? Pois xa estades na Alfarrapa e o que vedes é o cruceiro que se construíu de novo, en lugar de reconstruír o que segue no muro da viña do Pireiro.


 

 

Contan os maiores que o orixinal, o que repousa no Pireiro, quedou tirado no chan por mor dun accidente cun carro. Os restos seguen nun recuncho ben visible da que era a viña do cura, don Esteban Viso Rodríguez, que nacera en Louredo. Don Juan Míguez ofreceuse a facer un novo e alí está e segue agora a súa obra. Anónima, pois non quedou gravadura algunha na pedra. Del tamén foi o do Tabolado.


 

Ambos comparten estilo co da Torre, seguramente o máis antigo de Louredo. Os tres sen imaxes, con varal octogonal. Os restos do anterior da Alfarrapa si dispuña de imaxinería: o Cristo, A Virxe, san Xoán (?), unha calavera (Adán, a humanidade en pecado).

GRACIÑAS por este paso por Louredo.

 


VOLVEDE cando queirades e BO CAMIÑO cara Cortegada. 

#XVRoteiroCortegada

Comentarios