Fito 2 do #XVRoteiroCortegada

... antes...

A praza do Tabolado

Conforme se baixa polo Pireiro e pasades ó lado das terras do monte do Comandante, iredes achegándovos á praza do Tabolado, onde está o local social, que foi escola do pobo. Dende alí tedes unha visión de parte do pobo, encontrándovos cunha ollada duns 180 grados

 


 1. Praza do Tabolado e arredores (foto de Miguel Menacho Garcia con anotacións miñas)

2. Cruceiro do Tabolado

3. Barrio dos Veciños (que, hai xa moito, houbo quen chamou "o Vaticano", por certas persoas que alí vivían)

4. Iglesia parroquial dedicada a san Xoán bautista  

Comezando pola esquerda, a zona do Tabolado (que remata onda o cruceiro), logo, no alto, o barrio de Louredo, seguindo polo centro, arriba, o barrio do Outeiriño e, abaixo, Os Veciños, por onde seguiredes camiño.

 


Pola dereita quedarán Os Veciños, O Pazo e O Campo, xa non visibles estes últimos. Veredes a igrexa de san Xoán, inaugurada en 1913, xunto con casas dos barrios do Regueiro, A Laxa, O Coutiño, A Tella... E temos os altos visibles: o do Coto Novelle, o Alto da sardiñeira, O Coto da forca, o cercano monte do Chanduzal,... 

 


E se damos a volta? Pois quedan as terras do Pireiro, que xa vistes que son viñas ou están a monte. Pero esa apariencia agacha terras feraces cunha magnífica situación: que lles dá o sol da mañá, pero a media tarde comezan a ter sombra. esto é moi favorable, sobre todo na época de verán, pois tanto vexetais como humanos teñen a posibilidade dun certo descanso de sol, inda que aprete a calor. E o lugar é aireado. Ó estar a certa altura tamén pode ter días que se libre da mesta néboa que nos chega, ou dende Remuíño (A Arnoia) ou dende san Benito (Cortegada). Todos estes factores foron obervados polos maiores, que colocaron aquí bastantes viñas, subindo inda máis do que vemos hoxe, chegando ata A Ladeira, da que se fala sempre noi ben como lugar de cultivo e que ocupa un espazo superior ás terras do Pireiro e de Tras do lagar. 

Escritos que recollen parte da historia

"Se inauguró el día 12 sábado a las 7 de la tarde", reza unha nota manuscrita por don Pepe, inserta nun recorte de periódico que recolle a nova da inauguración desta praza do tabolado por onde pasades. Estades nun  lugar onde se aparcan coches, xa por ocio, xa por traballo, onde se deixan uvas na vendima para unha mellor recollida dende o camiño e onde se ten celebrado parte da festa do patrono do pobo, san Xoán bautista.

 


Un elemento de interese é o cartel informativo, que dá conta da posible historia do pobo, xunto cunha especial referencia ós Puga, familia que se fixo dona de Louredo, Poulo e Meréns. Outro elemento, desta vez inmaterial, son os recordos dos louredeses que aquí aprenderon o abecedario e as catro regras matemáticas, tantas veces entre os rigores do frío ou a calor, os traballos domésticos, a cría e coidado do gando e as capacidades persoais. Os nomes de moitos profesores inda segue nas mentes dos que son hoxe pais e avós, ademais dalgúns recortes de prensa que nos desvelan un nadiña da historia desas xentes que trouxo unha cultura e moitas posibilidades de mellorar os nosos pobos.

Seguimos cara o seguinte fito de Louredo...

Comentarios