Fito 3 do #XVRoteiroCortegada

 O barrio dos Veciños

Unha vez deixades atrás a praza do Tabolado e pasades diante dun muro cunha curiosa construción das escaleiras, entrades no barrio dos Veciños. Ides baixar un chisco. 

 


1. Local social e praza do Tabolado

2. O Campo (aquí, terras do campo, pero se seguiramos máis cara a esquerda, veriamos un conxunto de casas, un barrio que recibe o mesmo nome)

3. A zona das Pilas, entre Os Veciños e O Pazo

4. Barrio do Outeiriño

5. Fonte do Cano e barrio da Torre (zona inferior)

De ter seguido recto pola estrada, rodeariades Os veciños e chegariades ás Pilas e O Pazo, onde quedan restos do que era un pazo, o dos Puga, señores feudais de Louredo, Meréns e Poulo. E teriades camiño ata Soutelo e san Benito, podendo coller pola empinada costa que leva ata O Vao e O Rabiño, pasando pretiño dunha semiagochada pedra onde se ven gravados uns petróglifos "de ferradura". A outra opción sería tirar polo antigo camiño da Granxa, rodeando estas terras e casa grande, e baixando cara A Eirexa, pasando diante dun sinxelo cruceiro cunha particular e curiosa disposición no alto dun penedo.

O caso é que tendes que coller cara abaixo, pos Veciños, pasando entre a casa de dona Nicasia, profesora que foi de moitos de nós en Cortegada (no Otero Novas) e o canastro e casa que eran de don Esteban Viso Rodríguez, o cura de Louredo a mediados do século pasado, veciño dos Veciños. 

Non sei se vos parastes para ler ou fotografar o cartel informativo do Tabolado, pero alí tendes unha referencia a este barrio. Di así: En Louredo consérvase un barrio chamado "A Torre", situado entre o barrio de "Os Diestros" (terras da igrexa parroquial) e o de "Os Veciños" (vicinus é dicir habitante de un "vicus"). Este tipo de hábitats solíanse fundar cerca dun castelo y dunha granxa, típico da paisaxe altomedieval onde había gran número de campesinos libres, todavía non suxeito ao feudalismo.

Unha curiosa disposición

Este é un lugar único no pobo, cunha distribución curiosa: o seu cerne é un patio pechado por dúas portas principais, cunha fonte de fresca auga no centro.  Auga que refresca o lugar, concede tregua ó sedento, rega as hortiñas do lugar e foi un maravilloso lubricante-refrixerante no momento de afiar as fouciñas (inda se conserva unha lata cun buratiño, por onde saía un chisquiño de auga e caía sobre unha pedra, que tamén podemos ver alí, desgastada polo uso frecuente). Ademais da fontiña e lavadoiro, están as entradas a varias casas e o aceso a unha mina de auga.

As terras cercanas saben de máis vivendas, hoxe moitas xa pechadas ou caendo, ó igual que a memoria que os novos" gardamos delas, xunto con terreos cultivables, algúns ocupados por viñas. De feito, no remate do barrio, onde se atopa co Pazo, hai unha boa adega familiar e, xusto por riba, a casa onde o Manolo, o aguardenteiro, preparaba o marabilloso destilado en frías mañás nas que a néboa xogaba a ocultar o pobo. Un mesto manto branco e húmido, que o mesmo nos vén do Rabiño que de Remuíño, pois queda Louredo no medio, nun alto.

Memoria na pedra e no recordo dos maiores

Nos Veciños inda atopamos unha curiosa pintada, seica realizada de noite e con referencia ó estado favorable que algún veciño da zona vía na xestión franquista. só se conservan dúas palabras, pero hai que di que eran máis, repetindo dous "slogan" da época, tras da victoria dos alzados nacionais.

Pero tamén hai cultura na memoria que fomos recollendo dos recordos e historias da tía Marina, que xa non vive alí, por cuestións de saúde e familia. Precisamente, gracias a ela souben dalgunhas liñas do vello himno a san Xoán ou da existencia de lecturas evanxélicas, seguramente dos apócrifos ou vidas noveladas dos personaxes neotestamentarios.

 

Tirando po Outeiriño e A Torre...


Comentarios