San Benito do inverno 2025
A parroquia de san Benito do Rabiño, arciprestado de Ribadavia, neste próximo mes de marzo vainos convocar á tradicional novena e festa do "san Benito do inverno". Durante nove días tomarán o secular texto do padre benedictino Antonio Alonso e seguirán a vida do fundador, con resumos da vida que escribiu san Gregorio magno e consideracións que animan ó fiel a imitar ó santo patrón.
O Rabiño
Rabiño, contracción que viría de dous termos latinos (ripa + Minium), ven a significar ribeira do Miño. E a parroquia denominouse san Benito do Miño, tamén san Benito de Arnoia e, finalmente, san Benito do Rabiño. A igrexa sitúase nun alto, ben distinguible dende a contorna, incluso dende as terras pontevedresas de Filgueira, e ten preto ó pai Miño, que rega as baixas terras de Cortegada, onde se sitúa dende hai tempo o concello, sendo tamén, ata 2013, arciprestado. Actualmente, trala última reforma dese ano, pertence ó de Ribadavia.
Santo salutífero
Cantos teñen a costume de achegarse ó templo din que o santo é avogoso das enfermidades da pel, especialmente das "verrugas". Pero non se quedan as peticións neste campo, senón que o amplían a calquera faceta da vida cotiá. Así, é normal ver moitos exvotos de cera con diferentes partes do corpo, ou de corpo enteiro, e tamén o costume de pasar un pano polo manto negro da imaxe procesional e levalo á cara ou parte enferma do corpo. Nesta dimensión da sanación, compre salientar a idea do párroco don José Ramón Villar, que dedica un día da novena á unción dos enfermos. Non é algo estrano ó fiel, pois dende hai moito tamén se observa a tradición de levar un pouco de aceite de san Benito, para conservalo en casa ou polo sobre algunha parte doente.
Un caso sonado de curación sucedeu hai poucos anos, cando unha muller dixo curarse dun cancro na boca, tras rezarlle a este santo. Chegou a pedir unha copia da imaxe e levouna en procesión ata a poboación madrileña de Los Molinos, onde inda hoxe se festexa.
O himno
No pasado 2024 realizouse un pequeno traballo de investigación que deu como froito unha sinxela publicación, que hoxe coñeceremos. Tras tomar Félix Álvarez unha edición antiga da novena, conservada na casa materna do Outeiro, Louredo, levouna a Ourense, onde Miguel Blanes a escaneou con precisión. Unha vez comprobada a calidade, pasaron unha copia de certa páxina ó músico Juan Manuel Vázquez Vázquez, que pasou a escura foto da melodía a unha clara partitura actual. Todo isto levouse a cabo en vísperas da festa de "san Benito do verán", nas semanas anteriores ó 11 de xullo.
Como daquelas non houbo unha presentación pública nin calou o traballo feito, aproveitamos a festa cercana do santo para traervos este himno, de modo que se conserve e extenda o seu coñecemento. Dende aquí animamos ó coro para que o grave, de modo que non só teñamos o testemuño escrito, senón tamén o vocal.
Ó fin destas liñas queda a ligazón ó pdf que contén o himno.
Sinxela presentación dunha humilde publicación
O pdf consta de dúas caras, que poden dobrarse pola metade, quedando o contido repartido en catro páxinas. Quedamos abertos a posteriores edicións, que mellloren os datos e embelezan os textos.
Na primeira, unha imaxe de san Benito, tal como aparece no libro da novena, que podemos datar en 1916 ou posteriores. O ano ven dos permisos concedidos pola autoridade eclesiástica, pois a edición non nos di nada ó respecto. Marca Ourense como lugar de impresión, pero sen ano.
A segunda, os "versos al glorioso san Benito", tamén veñen dese libro, contendo a letra de estribillo e parágrafos.
Para saber da melodía pasamos á páxina 3, onde recollemos a partitura coñecida. O paso do tempo e o desgaste do papel foron oscurecendo a imaxe, pero cos traballos de Blanes e Vázquez podemos desfrutar hoxe dunha edición requintada e ben clariña.
Esta aparece na cuarta páxina, sinalada co ano 2024, que é cando todo tomou corpo e se repartiron de forma privada varios materiais relacionados co antigo libro da novena.
Descarga gratis e pública
Facemos voto de preparar unha edición ina máis clara e grande da partitura, pero mentres tanto, queda aquí ligazón para cantos queiran dispor dunha copia deste himno. Repetimos a invitación ó coro para que realicen gravación do canto do mesmo, de modo que voz e escritura queden para a historia do lugar e como canto festivo e oracional.
DESCARGA (facer clic e abrirase o pdf)
Comentarios
Publicar un comentario