San Xoán bautista no Ribeiro, un proxecto

San Xoán bautista no Ribeiro

Ideas para un estudio 

Inda queda un tempiño ata o 24 de xuño, así que vos lanzo unha proposta sinxela: recoller datos (texto, voz, vídeo, fotos) sobre os seis san Xoán do Ribeiro. Seica son seis as parroquias do arciprestado de Ribadavia (tal como se concibe dende 2013) que teñen a san Xoán como patrono. Os datos extraídos da páxina web do bispado de Ourense non dan máis que o nome, así que supoño que son todos "bautistas". Louredo, do concello de Cortegada, é unha desas seis parroquias. 

 

 

O ano pasado compartín a novena a san Xoán en dúas ocasións durante o verán, o que deu pé a coñecer a propia novena e algunhas curiosidades, o himno ó santo de Louredo e datos sobre a investigación histórica sobre o patrono. Queda inda moito que contar, xa sexa sobre a parroquia, sobre as dúas imaxes do santo, xa non digamos sobre a novena, e quedaría compartir fotos, vídeos e recordos dos veciños. Por exemplo, temos constancia de algún favor do santo, ou testemuño de alguén que se sentira así bendecido? Sobre a novena xa podo adiantar que si haberá novidades, pois atopei unha nova versión dela. E sobre o himno e a súa relación cun dunha parroquia burgalesa non podo dicir que a investigación adiantase algo.

Nembargantes, temos por diante uns meses nos que si podiamos levar adiante un sinxelo estudio: compartir datos sobre os san Xoán do Ribeiro. A idea é recoller o que haxa publicado, pero, sobre todo, recoller vellas fotos, as diferentes novenas, costumes e modo de celebralos, fotos e datos actuais de cada parroquia e cada santo. Se a cousa prosperase, podíase pensar en descubrir outros san Xoán de Ourense, ou do mundo universo onde queira que haxa unha imaxe del.

Unha vez recollido o material, encargaríame de clasificalo e condensalo en breves escritos, debidamente acompañados das fotos actuais ou antigas, e publicaríase aquí, tal como veño facendo ca novena de Louredo.

Penso que é unha forma ben sinxela de achegar ó mundo diferentes parroquias do rural, ademais de compartir cultura, historia e devocións, gardando un recuncho das nosas memorias e costumes na Rede. 

Xa ten uns anos, non recordo cando se imprimiron, pero aquí está unha estampa ca oración colecta da solemnidade de san Xoán bautista. Corresponde a foto á imaxe do altar maior da igrexa parroquial.

Esta grande imaxe está fixa todo o ano, sendo unha menor a que se saca en procesión e se pon nun lugar visible do presbiterio durante a novena. Hai certas similitudes entre ambas: na pose, no cordeiro pequecho ó lado e, parte, na vestidura, sendo a pequena máis humilde e reducíndose á pel de ovella co cordel como cinto.

 

Non sempre se celebrou, pero houbo anos que o 29 de agosto era día de festa no pobo, "san Juan degollado", como lle decimos. O pasado 2018 significouse o día cunha misa vespertina cantada.

A segunda festa que lle dedica a Igrexa ó noso patrón. É Unha curiosidade do bautista, que é o único santo que a Igrexa celebra día do nacemento e día da morte.

Aquí vos deixo unha instantánea da súa sinxela e antiga imaxe, xunto ca portada da súa novena e a oración propia do noveno día, co recorte do calendario eclesiástico do pasado ano. A imaxe porta o milleiro e o racimo de uvas, tal como o preparan para a novena e festa do inicio do verán.

 

Igrexa parroquial de san Xoán de Louredo, concello de Cortegada e arciprestado de Ribadavia (dende 2013). No seu interior, san Xoán ten dúas imaxes, as dúas compartidas arriba: a primeira, grande e pesada, ocupa o centro do altar maior; a segunda, pequena e lixeira, é a procesional, que se coloca durante a novena mirando cara o pobo, mentres que o resto do ano ocupa unha peana nun lateral.



Don José Ramón presidíu a Misa da festa de san Xoán bautista, patrono de Louredo, arciprestado de Ribadavia (un dos seis san Xoán que hai: https://cutt.ly/ol7hZP9) 24 de xuño de 2019.

O tempo foi aguantando a chuvia, inda que o ceo se presentou gris e nublado ata a tardiña.

Pouca xente (é luns!), pero contenta por poder compartir tal día. A procesión saíu ás doce e media da igrexa. Baixou pola Torre, cruzou o Cazapedo, camiñou baixo o Outeiro e regresou ó Regueiro e Diestros. Houbo dous momentos nos que se parou a un rezo e canto: na Torre, a un paso do cruceiro, e na praza do Cazapedo. O resto, nun respetuoso silencio. Despois de dar unha volta en torno ó templo, pararon na porta maior, puxouse unha anda e entrouse para a Misa, magnificamente acompañada cos cantos do coro de Louredo. É tradicional cociñar cordeiro e, de postre, arroz con leite.

Comentarios