Regar en Louredo

 

Ando estes días a compartir a transcripción da novena de Louredo a san Xoán.
Pensando que facer, durante o confinamento pola pandemia, repasei os textos e actualicei unha versión que realizara hai uns anos, que modo que reflexase, practicamente de modo literal, o texto usado na parroquia. Este úsase como preparación para a solemnidade da natividade de san Xoán bautista. Pero non hai novena, sacando algún ano que se fixo, durante agosto. Como o patrono ten dúas festas, é cousa de recordalo e retomar o texto da novena, por se alguén a quere rezar desde a súa casa.
 
Pois ben, pensando noutros textos que compartir, tomei este fragmento dun borrador que titulei 'Augas de Louredo'. Unha vez que teña fotos das diferentes pozas, pozos e fontes do pobo, penso que o podo publicar neste ou o outro blog. Como adianto, comparto unha forma curiosa que gastaban os nosos maiores para controlar a quenda de augas e unha historia dun que roubaba auga de rego ós veciños... e que non houbo quen o puxera no sitio.
 

Como se regaba en Louredo?

Á hora de regar en Louredo, como se sabía cando che tocaba? Porque unha mesma poza podía estar dividida entre varios veciños. Ás veces estaba moi dividida, así que se lle prestaba moita atención a que o outro non che levase auga da túa quenda. Eso se non te puñas de parola e se che  pasaba. 

Como saber cando che tocaba? Recordo, e pregunto a meus pais por se acaso, como se facía na poza da Lama. Collíase un milleiro e uns pauciños. Todo esto servía como marca de altitude para medir os turnos e a cantidade de auga. O milleiro, vertical, era atravesado, en parte, polos pauciños; un enriba doutro, a diferentes distancias. Cada tramo era un turno. O milleiro apoiábase nunha determinada pedra da poza e íbase consultando para saber cando remataba un e comenzaba o outro. 

Como se establecía cada intervalo? Cunha folla de milleiro. Dobrábase tantas veces como turnos, tendo sempre en conta se tiñas un, medio ou un quinto. Mediante as dobreces botábase conta e medíase a altura de auga. Non faltaron as trampas. Unhas veces o que collía o milleiro non o apoiaba de todo na pedra, ou facíao cunha lixeira curvatura. A cousa era arrepañar auga con trucos así. Claro, era de vital importancia que a poza tivese auga en abundancia, de modo que chegase para todos. De aí a preocupación por ir ver, ás veces o día antes, que a boca da poza estivese ben pechada. Para elo tirábase de terróns e pedras, evitando a saída da auga. Tamén procuraba un pechala ben despois de usala. Todos o facían? 

 Unha aparición deste mundo

Curiosa historia dun pillabán que se saíu ca súa

Ben, sempre hai pícaros e algún ía regar cando inda era de noite. Auga non sempre había dabondo e mirábase moito polo cumplimento dos turnos. A algún chamábanlle a atención e a outros, cun xenio revirado, como non había maneira de cambialos, decidíase darlle un escarmento

Así, a un que iba regar de noite, houbo quen pensou como polo no sitio: iría cunha saba enriba e asustaríao. Alá se cubríu e foi cara o malfeitor, calado. Cando o regador se deu conta da forma branca que o asexaba, parou a tarea, mirou pa ela e preguntoulle quen era. O outro, calaba. Pasaron os segundos e ninguén se movía. O primeiro volveu preguntar quen era, e volta o silencio como resposta. Así que, canso, colleu a ferramenta e amenazou á aparición, conminándoa a que falase, fose deste ou outro mundo, ou levaría unha boa malleira. Ante o cal, o veciño pantasma tivo que fuxir, pondo terra por medio... E o outro seguíu ca tarefa, tan pancho.

Comentarios