
Hoxe abrimos dous pdf do PXOM do concello de Cortegada, datado no 2012, para unha revisión rápida da toponimia presente. Debo recordar que non a estou contemplando en toda a súa extensión, senón que me fixo na de barrios e lugares, así como a dalgunhas terras. O pdf completo podedes atopala na páxina do concello. Eu, en orde a maior rapidez de consulta, voume á copia depositada no servicio SIOTUGA, onde teremos dous pdf, dunha páxina cada un, de rápida descarga. Corresponden Á "Ordenación de núcleos rurais". Os mapas destes dos pdf vannos mostrar algúns topónimos e outra información teremos que buscala, por exemplo, nas fichas patrimoniais, segundo o código numérico que nos van dar aquí.
Comezamos polo primeiro documento, iniciando o rastrexo polo núcleo de Louredo. Efectivamente, dentro do pobo hai un barrio co mesmo nome, Alí localizamos a vella capela, vendida, pertencente a un privado, con uso de palleiro. Seica dela saíron dúas imaxes hoxe conservadas na igrexa parroquial: unha de escaso valor, a de san Xoán, que sae en procesión no día da festa (24 de xuño) e a da Virxe, policromada e de estilo románico, que moitos lle din a santa Isabel. Esta capela está nomeada no mapa e recibe o código 1.8. Sen dúbida un lugar a redescubrir, tanto fisicamente, porque habería que revisala por dentro e por fóra, como documentalmente. Mais non é o único punto de interés: a vella escola pía (en ruínas), o peto de ánimas e un canastro construido enriba dun camiño son outros atractivos. Quédannos fóra de mapa os montes do Chanduzal (onde algúns sitúan un posible castro e onde se fixera un campo de fútbol), O Escorial (monte e viñas) e O Prado.
Ó lado, á esquerda, aparece o topónimo do Outeiriño, un tanto desprazado do seu sitio (sería cuestión de polo un pouco máis á esquerda). Barrio que, tomado desde o límite co de Louredo, tería forma de 7, iniciando o percorrido no cruce, onde se sitúan dous canastros ladeados, ata baixar á estrada cara Os Veciños, onde se sitúa a Fonte do Cano. Cito tal fonte porque, no mapa, está como lavadoiro, que o é e non sei se seguen indo lavar alí, pero máis dunha vez usouse como tal nestes anos. Ben, houbo quen lle botou cemento e tapouno. Seica cousas de maldades entre veciños, pero todo volveu ó rego e hoxe non queda rastro daquela temporada en que o lavadoiro converteuse nun bloque de cemento.

A igrexa parroquial aparece aí, marcada co código 1.2. Dedicada a san Xoán bautista, inaugurouse na festa do patrono, o 24 de xuño de 1913, tras uns sete anos de traballos.
O terreo que a circunda son Os Diestros, limitando co Regueiro e co barrio da Torre. Dicían se non habería aquí un castelo ou unha torre de vixiancia. Por ser é un bo mirador do pobo. Aquí estaba a tenda do Juan, que incluía taberna. Levouna despois a Josefa, a súa viúva. O topónimo sae desviado no mapa. Onde o puxeron xa é O Tabolado, topónimo non reflexado, mentres que si vemos o de As Hortiñas, que os nosos maiores sitúan en Louredo, xa lindando co Regueiro, reducíndoo a unhas terriñas de cultivo para taco (horta) e un pouco de viña. Por seguir na zona, a viña do Pireiro (O Pereiro, oficialmente) aparece como Tras do Lagar, denominación que lle damos a outra viña cercana, dirección á Ladeira (montes e viñas, dos mellores sitios, por certo, pois está agarimado e dalle só o sol da mañá).

Xa postos, avanzamos cara O Pazo. Para situarnos visualmente, o espazo entre os códigos 10.4 e 12.4 é O Campo, que aparece escrito, pero tamén Pilas, denominación da parte superior, por riba da bodega do aguardenteiro. Manolo, o aguardenteiro, último representante de tan paciente oficio e de cuxa arte moitos disfrutamos. Xa non só da alquímica pócema, senón tamén da súa conversa en frías mañás nas que saías podar e parabas un rato ver como traballaba. Tiramos cara o fin do pobo e, situado co código 12.4, podemos disfrutar da boa auga da Fonte do Pazo, que ten lavadoiro e pociña, con inscripción en pedra da súa inauguración ou reforma. O Pazo recibe o nome pola existencia dun pazo, pertencente á familia dos Puga, señores de Louredo e Meréns, con orixe no pobo de Puga, cercano á cidade de Ourense.
Pouco máis debe quedar, ademais dun pórtico con dous escudos laterais e unha cruz no alto. Fóra de mapa queda o vello camiño da Granxa, paso privado, e os petróglifos de ferradura que, segundo a páxina do concello, foron investigados por Fermín Bouza Brey, veciño que foi de Cortegada e que alí foi soterrado.
No outro extremo do pobo temos sinalizado o núcleo singular do Outeiro, con bastantes casa e adegas abandonadas e algunhas en ruína xa. Polo medio quedarían as terras dos Aráns, O Campo, A Lama, a Poza da Lama, A pena...
Como elementos de interés, o mapa ofrécenos a posición da vella escola pía, os dous cruceiros da Torre e do Tabolado, a vella capela, un par de lavadoiros, a igrexa e o local social... Pero inda nos queda máis por descubrir...
Comentarios
Publicar un comentario