Toponimia de san Xoán de Louredo nos mapas en liña I

Este blog nace ca idea de aportar e reunir información sobre a toponimia de san Xoán de Louredo, sendo complemento dos datos que vou subindo á app e web de Galicia Nomeada. Co tempo, quizás sirva para recoller máis impresións, xerando unha idea máis completa do pobo e da súa historia. O acercamento á idiosincrasia das súas xentes, polo pronto, queda fóra do rango de estudio.

Comezo polo apoio a Galicia Nomeada, na cal estes día realicei varios aportes toponímicos. Estou moi contento polas amplas posibilidades que ofrece: marcar nun mapa a posición, debuxar a xeografía dunha zona, poder aportar audio e fotografías, contar cun cadro onde escribir ou compartir enlaces,... De serie, aparecen xa topónimos rexistrados oficialmente. Se non recordo mal, cando comecei con Louredo estaban o nome do pobo e a praza do Cazapedo. Iniciei cos aportes de Pedradas e O Outeiro. Agora xa non só penso en barrios ou lugares, senón tamén no peto de ánimas, os cruceiros da Torre, Alfarrapa e Refexón, as pozas e, co tempo, os montes. Todo isto e máis pode quedar perfectamente fichado e compartido, gracias ás diversas seccións que atopamos despois de sinalar e nomear un topónimo. Como detalle, soio reflexar o nome que lle damos en Louredo, se resulta diferente do que sae nos mapas. Iso sucede, por exemplo, ca pista de Refexón (Refoxón oficialmente) e co Pireiro (O Pereiro).

Imos facer unha búsqueda sinxela da toponimia louredesa na Rede, centrándonos en mapas. Os resultados son de hoxe mesmo e quédome con  tres mapas diferentes, consultables en liña gracias ó IGN (Instituto Geográfico Nacional) e ó SIOTUGA (Sistema de Informacion de Ordenación do Territorio e Urbanismo de Galicia). No primeiro deberemos buscar en dúas seccións diferentes e ata aplicaremos diferentes capas para conseguir máis topónimos. No segundo descargaremos arquivos en pdf referidos ó concello de Cortegada. En tódolos casos imos ver acertos e erros, algo que se podería mellorar gracias a aportes como os meus aquí e en Galicia Nomeada. Erros que corrixo a partir da miña experiencia persoal de veciño e a partir do que os nosos maiores me transmiten inda hoxe.

Dende a web do IGN, que conta con botón para escoller a navegación en galego, imos meternos na sección de comparador de mapas e imos ampliando a zona de Louredo. Escollemos, no menú de capas da esquerda, "Topónimos". Obteremos seis topónimos do pobo, ca curiosidade de que nunha ampliación temos uns e, se aumentamos outra vez o mesmo territorio, imos obter unha leve diferencia. Así, cando estamos no zoom 16 (mirade na parte inferior dereita da pantalla), lemos: O Coutiño, O Outeiro, A Torre, Os Veciños, O Campo e O Pazo. No zoom 17 cambiou un nada o tema e lemos: O Coutiño, Cazapedo, O Outeiro, A Torre, O Outeiriño e O Pazo. Ben, fagamos un ascenso ata o zoom 15... e si, hai outro matiz, con só cinco topónimos: O Coutiño, O Outeiro, A Torre, Os Veciños, O Campo.


E está cada nome no seu sitio? Pois imos ver que non. Pómonos no zoom 16 e vemos que O Coutiño está marcando o lugar da Tella. É a entrada do pobo se vimos desde A Telleira (pasando pola pista do Cadaval) e desde A Pista (Buratiña). É curioso o tándem toponímico entre Louredo e Soutelo: A Tella e A Telleira. 

Vexamos o zoom 17, constatando que o erro persiste. Pero non é o único, pois desaparece Os Veciños, que no zoom 16 estaban ben situados, e agora, no lugar onde deberían seguir, aparece o barrio do Outeiriño. Por certo, un topónimo que vin en varios mapas, ás veces o único que se daba do pobo. Indo dende A Torre ou dende O Cazapedo, primeiro atopamos O Outeiriño e, seguidamente, Os Veciños. O Outeiriño queda en costa, onda a fonte do Cano. Ademais, o nome está situado á dereita e cara arriba, limitando xa ca zona do Tabolado.

Se cambiamos esa capa pola de "Catastro" xa teremos outras denominacións, podendo consultar o nome de montes e terras. Levaría un bo rato recoller e repasar, así que, agora que inda estamos coñecendo o pobo "por riba", imos deixalo para outra vez. O que si salta pronto á vista é que hai varios erros na grafía dos nomes e algún non o pronunciamos igual: por exemplo, na primeira situación temos "Buratiño", cando realmente é Buratiña (ben que aparece ben escrito na vía) ou "Reguiero", sendo Regueiro, ou Monte "de chan de ouzal", que é O Chanduzal; mentres que no segundo suposto estaría "Os Aráns", que lle dicimos "Saráns".

Volvemos ó menú da esquerda e selecciono agora a capa MTN25 1Edi. Póñame no zoom que me poña vaime dar os mesmos resultados de toponimia de barrios: O Coutiño, O Outeiro, Cazapedo, O Campo, A Torre, O Outeiriño, Louredo, Os Veciños e O Pazo. Vemos como O Coutiño xa aparece desviado e colocado na zona correspondente, o cal non pode dicirse do Outeiro, pero tamén é verdade que o debuxo de vías e casas non é tan preciso como nas anteriores capas. Pero a distribución toponímica é máis axeitada e implementa o barrio de Louredo.

En seguintes entregas coñeceremos outros mapas. Non o dixen, pero na parte superior da dereita poderemos activar tres opcións diferentes de visionado: Mapa, Imaxe ou Híbrido.

Comentarios