Andaina Louredo maio 2026 (IV)

 Un dos fitos da andaina por Louredo o próximo domingo 24 será o do petróglifo das ferraduras, no Coto da Ferraduras, en terreno xa de san Benito do Rabiño, preto da estrada que conecta o lugar con Meréns. Dos lugares polos que andarán, este é o único que queda fóra da aldea, pero ben preto.

Nestes anos non era raro que a pena onde se atopan os petróglifos quedara cuberta de terra e frouma. Quedando á beira da estrada, pasaba desapercibida, a menos que souberas dela. Hoxe, por fin, o concello de Cortegada limpou a parte superior, quedando as marcas ben á vista, cuns postes de madeira que demarcan o lugar e un cartel informativo.


Neste, dúas fotos, unha de Fermín Bouza Brey, seguramente da súa dona, cas "ferraduras" moi marcadas (nun artigo del di que os pastores da zona soen remarcalos con pedras) e a outra é unha foto deste ano.


Ás fotos acompaña un texto onde menciona o artigo de Fermín Bouza Brey, publicado no Boletín da Comisión de Monumentos Históricos y Artísticos de Orense, número 239, marzo-abril de 1938, pp. 368-378. A seguir, a descrición da Pedra das Ferraduras, con posibles datacións (prehistórica ou medieval? Por certo, unha pregunta que tamén se/me fixo Rosa, bibliotecaria do Museo Etnolóxico de Ribadavia), con referencia histórica e interpretacións, como a de dicir que as ferraduras son as marcas que deixou a cabalgadura da sagrada familia escapando cara Exipto ou pegadas do cabalo de Santiago.


 

Nos párrafos finais relacionánse con dous xacementos: un cercano, o do monte Picoñas, en Valongo, Cortegada, e sinálase similitude co do Chan da Ferradura en Amoeiro. Persoalmente, non lles vexo moita conexión e non hai parecidos, polo que sería interesante ver se nolo explican, máis que nada para poder aprender e ver con maior perspectiva.


Na páxina web do concello atopamos: 

As orixes de Cortegada afunden as súas raíces na prehistoria, como demostran os achados máis antigos conservados no seu territorio. Entre eles destacan os petróglifos de Monte Picoñas, en Valongo, e os de Louredo, datados arredor do ano 2000 a.C., pertencentes á Idade de Bronce. Estes gravados rupestres constitúen un testemuño elocuente da presenza humana e da súa capacidade simbólica e artística nunha época moi temperá

O PXOM do concello, nas fichas patrimoniais, recolle a presenza desta pedra gravada. Di na descrición:

 

Seis ferraduras colocadas por pares con surcos pouco profundos en U. As medidas oscilan entre 6,5 e 10 cm de lonxitude e os 6,5 e 8 cm entre os extremos da liña. Tamén hai unha coviña de 5 cm de diámetro por 3 de profundidade. A dereita hai gravada unha V, realizada en época recente con algún instrumento metalico; cando Bouza Brey publicou estes gravados aínda non estaba. 

(Catálogo de Patrimonio Concello de Cortegada, P 188) 

Que como son os petróglifos das Picoñas? Pois na páxina Megaliticia tendes unha potente selección fotográfica para disfrutalos, ademais de tres interesantes fotogrametrías e a situación no mapa. 

 


Tamén, no 2011, un veciño do pobo, Rafa, do Outeiro, deu conta deles.


E que nos contou no 38 Fermín Bouza Brey?

Pois ollou en torno, compartindo o que outros autores comentaban sobre os petróglifos en forma de U ou ferradura, dando conta de diferentes xacementos, tanto galegos como portugueses, e compartindo a curiosidade que estes atopábanse sempre no interior, mais non en zona costeira, a pesar de que alí era onde máis xacementos se coñecían.

Que o levou ata os do Coto das Ferraduras? Pois el di que a toponimia, o que é toda unha chamada de atención para nós, hoxe, que inda temos ben a quen preguntar polos nomes das nosas aldeas, regatos, pedras e montes. Pregunta a veciños e deixa constancia no artigo, pero tamén consulta libros, como o da fábrica parroquial de san Benito.


Así, consultando a cercanos personalmente e a autores especialistas polos seus libros, vai argallando e mostrando posibilidades sobre esta pena que pouco sobresae do chan. Un feito que hoxe se soluciona ca actual limpeza do concello, colocación de madeira e un cartel informativo. Bouza Brey propón datas posibles, interpretacións abertas e recolle as tradicións locais, que fan desa pena un lugar de paso de cabalgadura sacra, xa sexa de Santiago, xa da Sagrada Familia, con referencias á bendición de campos por parte dos curas do Rabiño e Meréns (as témporas? no mes de maio/xuño para evitar as tormentas?) e á busca de tesouros usando un Ciprianillo.


Marcha por outras terras o verso lixeiro do autor e non esquece, pois de crenzas relacionadas se trata, de sinalar que a mesma forma da ferradura fai pensar ó moderno curioso o da crenza na boa fortuna e o poder de atracción que a forma gravada alí ten.

Eu penso que este ano ben se podía descargar un o número do Boletín e ler o artigo con calma.

Que historias recollerán os andantes deste 24 de maio? Ogallá nos conten... 

Comentarios