Unha festa precedida da tradicional novena
Os nove días antes da festa veñen co rezo da novena e a celebración de misa. Xeralmente, un laico dirixe o exercicio devoto, consistente nunha oración inicial, un rezo propio de cada día, seguido do Pater Noster, Ave Maria e Gloria, finalizando cunha oración que, ó igual que a primeira, é común a tódolos días.
O texto orixinal que escoitamos en Louredo viña nun antigo libro impreso en Valladolid, datado no 1889. E cada día da novena diríxese ó santo de forma peticional, lembrando unha escena distinta da súa vida.
Dúas misas cantadas en días diferentes
Dende hai uns anos, a parroquia celebra, xeralmente, dúas misas cantadas. Unha, o sábado anterior ó 24, con procesión polo pobo adiante e cea na praza do Tabolado. Outra, o día propio, a mediodía, con procesión en torno ó templo. E o tradicional é a comida en casa. Hai anos, inda que hoxe tamén se coida en moitos fogares, o común era o año como prato principal e o arroz con leite de postre.
113 anos de historia
A igrexa actual inaugurouse o día da festa de san Xoán de 1913, sendo recollido en varios periódicos da época e nunha carta de agradecemento do sacerdote ó bispo.
Con motivo dos 110 anos de historia publicouse un sinxelo folleto que recollía a data, xunto cas das campás e o peche de pedra, que serían 1923 (peche do diestro e campá "grande") e 1953 (refundición da campá "pequena").
24 de xuño 2026
No medio da primeira onda de calor do ano, a parroquia de Louredo acudiu ata a igrexa parroquial para celebrar a misa cantada en honor a san Xoán bautista.
Das dúas imaxes que se conservan no templo, a máis pequena foi colocada no presbiterio, baixada da peana que xeralmente a acolle, no lado esquerdo, preto do retábulo dos san Antonio, santa Rita e Virxe do Carme. Os maiores din que esta imaxe foi traída da anterior igrexa, sita no barrio de Louredo.
Con acompañamento musical do grupo de gaitas de Celanova, iniciamos a procesión con tal imaxe a mediodía, dando dúas voltas en torno ó templo, no sentido horario, pasando ó interior para comezar a misa. Neste caso, o canto foi dirixido e sostido alegremente polo coro parroquia del Louredo. Presidiu don Julio Rodríguez López, que nomeado administrador parroquial no pasado marzo de 2025.
Na súa prédica, dixo: (...) Podemos preguntarnos que estilo de vida produce a nosa fe, a nosa fe cristiana. Axúdanos a vivir millor? Axúdanos a alcanzar unha mellor calidade de vida? Axuda moitas veces a atravesar crisis, a cargar cas propias cruces, que aparecen de repente. Vimos a sentirnos máis cerca da misericordia de Deus. Sentímonos máis tranquilos cando rezamos. Miren, rezamos porque esperamos. O que non espera nada, non reza. Axúdanos a superar situacións moi difíciles, de gran estrés e sufrimento, e adquirir mellor calidade de vida. (...)
Ó remate, o coro interpretou animadamente o solemne himno a san Xoán de Louredo, composto por dous sacerdotes hai anos e que un músico ourensán puido pasar a partitura hai pouco.
Próxima festa
San Xoán bautista coñece dúas festividades: a do nacemento, este 24 de xuño, e a da morte, o 29 de agosto. Louredo volverá xuntarse para esta segunda, pero non soe vir precedida de novena e a celebración redúcese a misa.
Vídeos deste 24
A procesión en torno á igrexa de Louredo. Dúas voltas, sen parada para a tradicional poxa das andas, que se solía realizar na entrada, tras procesionar e antes da misa. Sobre a porta maior están as campás: unha dela, denominada "grande", fundida en 1923, o que coincide co ano do peche en pedra dos diestros; e a segunda, a "pequena", refundida en 1953, por terse rompido antes.
O himno galego, tocado pola banda de gaitas de Celanova. Colocáronse na tribuna, onde outros anos se subía o coro de Louredo, e dende onde hai unha preciosa perspectiva de todo o interior da igrexa.
Fragmento do himno a san Xoán de Louredo, segunda metade, cantado ó final da misa: Danos fuerzas, amor y eficacia, en servicio del Verbo encarnado. (bis) Al excelso san Juan tributemos alabanzas de gloria y honor. Y su augusto poder imploremos, de Louredo, su pueblo en favor. (bis)





Comentarios
Publicar un comentario