San Xoán de Louredo ten unha boa colección de augas, tanto para consumo humano directo coma para o regadío. Situada a uns 345 metros sobre o nivel do mar, é unha parroquia que pertence ó arciprestado de Ribadavia, sendo Cortegada o concello. Diversos manatiais flúen con diferentes caudais e fan deste pobo un rincón ben surtido do líquido elemento. Vamos coñecer algunhas delas.
Se entras dende A Telleira, pasarás polo monte do Cadaval e subirás ata A Tella. Alí hai unha fonte ca súa poza, de abundante auga e recollida presenza, ocupando unha curva.
Podiamos coller, entón, cara Pedradas, entre O Outeiro e A Touza, despois de pasar polo Coutiño e a praza do Cazapedo. Pedradas é unha fontiña de caudal xeitoso e fresco. Tamén dispón dunha poza, de modo que dá a beber ós camiñantes e ás terras da contorna. A súa auga é moi preciada e soe refrescar inmediatamente o continente na que se recolle durante o verán. As botellas, de cristal ou plástico, quedan recubertas de condensación fresca e húmida.
No inverno semella estar a unha temperatura agradable ó tacto e ó gusto. Ca súa poza séguese regando e, cando a auga bule rebuldeira, pode un seguirlle a pista ata os regos do Cazapedo e máis alá.
Ó pouco de saír da poza, no mesmo rego, pode atoparse co aporte do pequeño pozo da Touza. Coñeceu tempos mellores, pois hoxe pouco se usa e limpa. Un manantial diferente nútreo de pouca auga e o seu aceso é un tanto complicado se andas mal de nocellos. Rodeado de monte e viñas, ven quedando debaixo da Viña dos Cotos, existindo un paso cara ela dende a zona deste pozo. Non hai outros en uso pola contorna.
De seguir polo monte arriba, desde Pedradas, atoparemos unha mina seca e a grande e ben construída Mina do García. Hoxe está aquelo de monte, na zona do Prado, pero a mina conserva as súas formas cuadradas de marabilla. Hai que baixar e acubillarse para poder usar a súa auga e o manantial non é abondoso, pero foi toda unha referencia para o regadío.
Tamén servíu para coller caldeiros de auga e facer o sulfato in situ. Pretiño están as viñas e esta mina é a poza máis cercana.
Chama a atención que, nun lateral, á beira do camiño, todavía se ve unha porta ben traballada de metal. Fáltalle a outra metade.
De seguir cara o monte, e con posibilidade de coller por dous camiños diferentes, a acumulación de auga máis xeitosa é a "do tanque". A auga que sobra pasa para un pozo de cemento. Pode, e así se aproveita, enviarse o seu caudal vivificante mediante unha boa billa metálica. Cantas veces, de nenos, ibamos para alí a controlar a auga, mentres os pais regaban no Prado ou en Pedradas e no Outeiro! No medio do monte, un podía ler con toda a calma do mundo ou enredar facendo debuxos no chan, cunha ramiña de piñeiro, ou seleccionar folliñas e pétalos de diferentes colores para xogar ás cociñas.
Só había que seguir unhas sinxelas regras: ó principio, abrir a billa de todo, deixando que a auga saliste con forza durante uns minutos. Despois, quedaba o caudal á metade ou un pouco máis, de forma que o que regaba non tivese que apurar en demasía e non lle chegara auga demais. Finalmente, cando se estaba acabando a auga, abríase de novo a billa de todo. Pechabas e baixabas.
A conducción que eu recordo iba en regos que se melloraron con medios tubos e, actualmente, en tubo pechado de cemento, con arquetas cada poucos metros. Hai anos caíu un xabarín ó pozo aberto e, dende aquella, está protegido por un muro de rede metálica.
Hoxe en día non sei como estará aquelo, tirando cara Zaparín, pero non podemos olvidar o manantial dos Espadanás. Hai que chegar ata a actual estrada que baixa ata a abandonada Raíña. Nun punto entre esta estrada e a de Zaparín están os Espadanás, hoxe penso que completamente abandonados. Mananciais preciosos hai anos, que regaban terras de Louredo é que supuñan un bo paseo dende as terras de regadío ata eles. Hoxe tamén poden ser motivo dunha andaina sinxela, que podería continuar co Alto da Sardiñeira e a baixada pola Pista.
Se regresamos ata os camiños do monte e collemos cara O Escorial, baixaremos pola Eira dos Menores (ou as Tecedeiras) e entraremos no barrio de Louredo. Pararse na Eira supón unha bonita contemplación do pobo. Diante, a igrexa parroquial, con San Xoán bautista de patrono; á esquerda A Laxa e O Outeiro. Á dereita O Outeiriño, Os Veciños, O Pazo... E máis que se ve.
Pero imos en busca de fontes e pozas, así que non podemos quedar moito, senón baixar, cruzar por debaixo dun dos dous canastros construídos sobre un camiño que quedan, pasar a unha carreiriña de can da vella capela e seguir o rego Ata a Fonte de Louredo. Ca súa pociña refresca as terras darredor. A súa auga non é moi estimada para o consumo humano.
-- Seguiremos...
Comentarios
Publicar un comentario