Comezou o día 31 de xaneiro de 2025 fresco, fresco, e con néboa, presenza continua dende Ourense ata Louredo barrio. E é que ata a cima de Refexón estaba pasando, nesa viaxe cotiá que a transporta dende as terras do Arnoia cara a cima. Pero foi chegar pola zona alta de Louredo, onde fica o peto de ánimas, e ver o sol. Durante parte da mañá foi a fronteira non definida entre tebra e luz, xa que un brazo neboento fixo varias veces acto de presenza, chegando a acariciar as terras do Regueiro. Pero, en xeral, mentres os pobos da contorna quedaban baixo o branco manto, Louredo disfrutaba do luminoso paso solar.
Mentres no saímos, aproveitamos para pornos ó día e ler un ratiño. Por un lado, facendo memoria, recuperei un texto dos anos de estudiante, a Teología Fundamental de Salvador Pié-Ninot, un tochaco que nos deu caña e que tocaba para as clases correspondentes de don José Antonio Gil Sousa. En concreto, busquei un breve texto no que tocaba un nada a parapsicoloxía. Por resumir, dicir que o autor se ocupaba dos milagres. Os evanxélicos foron eliminados como tal por algúns biblistas, dicindo que unha solución ou explicación era que o carisma de Xesús levaba a un estado de recuperación dos enfermos. A causa estaría no propio doente, que activaría a sanación en presenza de Xesús, e non teriamos que pensar que houbo intervención divina por parte del. Esto ven polos que só admiten, digamos, as forzas naturais, pero o autor pregúntase ata onde poden actuar estas. Se damos por certos os fenómenos paranormais, poderiamos pensar que a natureza ten unhas fronteiras menos definidas das que imaxinamos e admite ou sintoniza con forzas que nos parecen sobrenaturais. O milagre xa non sería unha ruptura co natural, senón que existiría unha continuidade e unha actuación diferente do cotiá, pero admisible.
Tamén repasei un breve artigo para entregalo na igrexa de san Xoán. É un achegamento sinxelo a dous himnos que se coñecen na contorna e que agora podemos disfrutar en partituras actuais e ben lexibles. Son o himno a san Xoán de Louredo e a san Benito do Rabiño, ambos postos sobre papel polo músico Juan Manuel Vázquez, fundador e cantante de Xerión. Quedou na sacristía, como documentación para a parroquia. Quizás sexa boa idea dalos a coñecer en breve na revista diocesana Comunidade. De momento, xa quedaron plasmados en bo papel gracias á revista Nós, A Xente do Redor.
Como xa estaba na igrexa, aproveitei para unha serie de fotos que usei nunha entrada recente desta mesma bitácora, a referida ós retablos e imaxes da mesma. Queda moito por dicir, pero xa vamos deixando constancia de documentos, libros e prensa.
Pa hora de comer é costume ir buscar a auga a Pedradas, a fonte de referencia local. O mesmo sacia a nosa sede que rega os campos, pasando a súa auga por Pedradas, O Outeiro, A Crespa, O Cazapedo... O seu caudal é constante, pero sempre hai que entrar unha ou dúas veces ó ano para limpar o manancial de raíces de árbores. Desta vez, vin as ramas secas caídas, recordatorio dos pasados días de temporal. En Ourense cidade pouco o notamos, pero en Louredo viñeron algunhas tardes de vento e chuvia fortes.
E xa cumplíu un ano a nova heráldica do concello, concretada nun escudo e nunha bandeira. Sabiades que forman parte do cotiá veciñal porque se adxuntou o escudo, ben pequeniño, ás novas pracas que numeran as casas? Pois si, e para mostra, unha praca, situada no Outeiro. Precisamente, o mércores 31 de xaneiro de 2024 publicouse no Diario Oficial de Galicia o anuncio do concello de Cortegada, onde se daba esta descrición do escudo: De gules (rojo) y sobre onda de plata (blanco), una copa de oro (amarillo), flanqueada de sendas sierpes de sinople (verde), surmontada de una venera de plata y todo surmontado, a su vez, de siete cruces treboladas de oro, bien ordenadas en el jefe. A la campana, la corona real cerrada.
Na páxina do concello podedes ver varias versións descargables, tanto do escudo como da bandeira. Hai unha sinxela explicación dos símbolos. De todos? Pois non, cachis, que o cáliz e serpes temos que imaxinalo.
Mentres, a comer! Bo proveito!
Como a tarde quedou preciosa, tiramos po Pireiro, onde a viña agarda polos traballadores, xa para rematar a poda, xa para levar a leña acumulada (paus e cepas) para outro lugar.
Sabiades que por aquí ascende o camiño que leva a Meréns, pobo onde podedes contemplar un grande e precioso escudo heráldico? Pois a senda marcada leva o código PR-G 247.1 e xa hai tempo que non se argalla saída por el, así que vai ti saber como está unha vez te metas polo monte adiante.
Nada máis inicialo na praza do Tabolado, onda o local social (unha antiga escola), xa vemos un cartel informativo que nos dá algunhas referencias históricas e dúas fotos dos restos dun pazo. Precisamente, o pazo que dá nome ó barrio do Pazo, nos límites entre Louredo, Soutelo e san Benito.
Neste inicio do camiño, un elemento característico pode facer que te deteñas un intre. Pois ben á vista, nun muro da viña, quedan expostos os restos dun cruceiro, situado na Alfarrapa, nos límites entre Louredo e A Telleira. Cruceiro que seica caeu e rompeu por un accidente cun carro de bois, que foi recollido po muro da viña do señor cura, don Esteban, e que xa non se repuxo, porque houbo un veciño que se ofreceu a levantar un novo monumento, o que hoxe inda segue no camiño da Alfarrapa.
Ata outra, Louredo! Que vida dá o pobo!!
Comentarios
Publicar un comentario