Natividade de san Xoán de Louredo 2023

Que día solleiro tan bonito nos quedou para a festa do patrón! E notouse a presenza de moita xente que había tempo non viamos. Doble ledicia. A maiores, inda que poucos o sabiamos, tamén se cumplían 110 anos da inauguración do templo parroquial (algo que ben podiamos recordar de cara á Misa do martirio de san Xoán).

 


Dende aquí únome ás felicitacións do párroco, don José Ramón Villar, a tódolos que fixestes posibles que todos os que nos acercamos a Louredo hoxe nos sentiramos tan contentos por velo todo tan ben preparado: a alfombra floral, os cantos, a cantina da comisión nos Diestros... Á cea no Tabolado xa non puiden ir, así que BO PROVEITO.

 

A festa do patrón parroquial

A parroquia de Louredo está dedicada a san Xoán bautista, o que, en principio, fala dunha devoción secular (medieval?). O templo onde actualmente se celebra foi levantado a inicios do século pasado, inaugurándose tal día coma hoxe, hai 110 anos. Anteriormente, unha pequena igrexa acollía a que hoxe é a imaxe procesional. Igrexa que inda pode verse no barrio de Louredo.

 


A mediodía xa estabamos todos nos Diestros ou no fresco interior do templo, esperando o inicio da procesión. Esta sae dalí, baixou polo barrio da Torre e, enfilando diante do cruceiro e da Molinera, pasou pola Pena e parouse na praza do Cazapedo. Alí recibimos os ánimos do sacerdote e este dirixiu a oración, recordando ós defuntos e as necesidades actuais dos veciños e amigos. Rematada, subimos pola Crespa, tiramos cara Os Diestros e demos unha volta á igrexa.

O coro de Louredo ocupouse do canto, axudando a celebrar con máis unidade e alegría. Tamén sostivo, ó remate da Misa, o precioso e longo himno a san Xoán de Louredo.

Á saída, xa a charla, os refrescos e a música nos diestros. 

 


Algúns comentaron a cantidade de xente que participou este ano e a moita que se esperaba para esta noite na cea do Tabolado. 

Cea baixo carpa da que xa van chegando algunhas fotos. Graciñas por esta, Mari Carmen!

 


 

Unha ollada á novena utilizada en Louredo

No pobo só se utiliza unha parte do libro orixinal, a primeira, que consiste nunha oración inicial igual para tódolos días, unha propia cada un, a segunda oración que se repite todos os días, unha petición silenciosa e unha oración compartida do Noso Pai, Ave María e Gloria, rematando co canto do himno ó patrón. O resto das oracións do libro da novena non se rezaron máis que en contadas ocasións.

O libro orixinal da novena leva anos sen utilizarse, polo seu lamentable estado. Unha mestra do pobo, dona Nicasia, fotocopiouno hai anos e esa fotocopia segue en uso na igrexa. Ata o presente non se publicou novena para ter en casa.

Sabemos que houbo unha edición antiga en Pamplona e que serviu de base para a súa reimpresión en Montevideo, en 1842. Un texto semellante apareceu 23 anos despois, aínda que enriquecido con oracións e o himno "Benedictus", en Valladolid, 1865. 24 anos despois, tamén en Valladolid, imprimiuse a mesma novena, en 1889. Este último é o texto que utilizamos en Louredo.

Durante 9 días celébrase a misa, cara o final do día, e rézase a novena antes da bendición final. Este ano dirixiuna don José Ramón, inda que o normal é que o faga un laico. O señor cura aproveitou para descubrir unha parte da novena que non soe usarse (só recordo telo feito eu hai uns anos): o Benedictus e a súa antífona.

 

Un día de san Xoán a inicios do s. XXI

Un costume era deixar un barreño de auga nalgún lugar ó aire libre durante a noite, na véspera da festa de san Xoán. Usábase, pola mañá, como auga purificadora que despexaba ó espertar.

A festa da natividade do bautista é o 24 de xuño. Isto é unha rareza a nivel litúrxico, pois é o único santo do calendario coas festas de nacemento e morte. Fóra del, só a Virxe María e Xesús teñen esa honra celebrativa.

Resaltábase o día de festa con dúas Misas (hoxe só a de mediodía). A primeira, cara as 9 da mañá, era a denominada "dás cociñeiras", porque ían moitas nais que logo non tiñan tempo para preparar a comida. Así que don Delmiro (d.e.p.) dicía esta primeira Misa e, logo, a mediodía, a Misa maior, con acompañamento musical, tirada de "foguetes" e procesión solemne.

Era tradicional comer cordeiro e preparar arroz con leite de sobremesa.

 


 

Comentarios