Documentando o borrador dos 3 centenarios

Unha folla para cen anos de historia

Hai uns días púxenme a redactar un sinxelo borrador. Trátase dunha folla onde colocar fotos e texto sobre os centenarios que este ano detectamos en Louredo: 100 anos das campás e do peche en pedra dos Diestros, 100 tamén para a barandela do Cazapedo (balcón dunha adega que inda dubido se meter no borrador ou non) e 110 anos da igrexa parroquial de san Xoán bautista.

Aquí vouvos compartir a documentación na que me baseo para o texto. En principio, non irá ningún destes recortes na folla, debido a problemas de impresión. Si terá fotos, que son miñas e recentes. Completo a documentación con ligazóns que poidan ampliar o aquí colocado, dando unha visión máis ampla.

Anverso do borrador

De momento, o anverso está dedicado a unha sinxela presentación do motivo da folla: a celebración destes centenarios. O modo concreto de celebración? Inda non o coñezo, pero hai un grupo no pobo de Louredo que se encarga deso. 

 


A idea é presentar o motivo e sinalar os centros de atención: centenario de igrexa, campás e peche dos Diestros. Unha curiosidade: o motivo polo que xurdíu esta idea foi o centenario do peche, xa que mostra a data ó público nas súas dúas portas. Unha dá ás terras do Regueiro, por onde poden entrar os coches e veñen os veciños de boa parte do pobo. A outra dá ó barrio da Torre, por onde só se pode entrar camiñando.

A foto que acompaña o encabezado seguro que vos sona. Está situada na praza do Cazapedo, na "casa do veterinario", en referencia a don Pepe, que foi (efectivamente) veterinario e, tamén, alcalde. Entusiasta de Louredo ata o extremo de dicir que "é o mellor pobo do mundo". Polo pronto, inda non temos datos de cando e quen puxo tal pintada aí, pero é un referente da mesma praza e do pobo. De momento, só vos podo compartir o que José Manuel, herdeiro do "veterinario" me comentou: "a verdade...non. de toda a vida .."

Que ocupa a maior parte dos Diestros e ten suficiente documentación ás costas? A igrexa parroquial de san Xoán bautista, por iso lle dedico o anverso na maior parte da extensión.

No primeiro parágrafo sinalo a data de inauguración, xunto co detalle de que existiron problemas á hora de levar adiante a obra. E poño un exemplo, trascribindo unha breve nova onde se dá conta dunha subasta deserta para "obras de reparación". De onde saco a data exacta de inauguración e deses ostáculos? Pois da prensa da época e do boletín do bispado. Todo o que poida proñer, de momento, é porque foi dixitalizado e volcado en Galiciana ou na Hemeroteca Dixital da Biblioteca Nacional. É dicir, documentos que se poden atopar na Rede, pero non dende buscadores xenéricos, senón desde páxinas específicas.

Esto só é un exemplo de todo o que se pode atopar en lugares moi concretos...

 


(La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra  Ano XIX Número 5113 - 23 febreiro 1907) 

"Obras de reparación extraordinaria", que pasaría para convocar esa pública subasta? Non será a última nova que nos faga pensar en dificultades á hora de rematar o templo. Cando o empezarían a construír e que pasou entre 1906 e 1907 para este concurso?



(El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. 22-04-1907)

A subasta anterior queda deserta e convócase unha segunda. Con que resultado? Inda non o sei, pero constructor apareceu, que a igrexa segue en pé hoxe. O que non parece é que chegase de modo instantáneo ou, alomenos, que o solucionase todo. Por que o digo? Porque 4 anos despois volvía ser noticia unha nova presentación do templo louredés para "obras de reparación".

 


(El Correo de Galicia  Diario independiente de avisos y noticias Num. s.n. 08-02-1911)

E iso sen contar con outros problemas que podemos sospeitar gracias a este recorte de 1908, onde se alaba a actuación do ex ministro don Gabino Bugallal. Recorto o final da nova. Antes destas liñas daba conta de como este mesmo home conseguiu mobilizar as cousas e facilitar que saíse a subasta ese mesmo ano a obra de construción da ponte que, inda hoxe, une Cortegada (Ourense) con Filgueira (Pontevedra).

 


(La Correspondencia Gallega  diario de Pontevedra Ano XX Número 5517 - 4 xullo 1908)

O caso é que, por fin, con data de 1913, temos a esperada nova: a nova igrexa de Louredo está lista e inaugúrase con grandes festexos. Inda hai pouco que logrei este magnífico recorte dixitalizado de La Región, onde se dá conta do despregue.

 


( La Región diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano IV Número 1023 - 1913 xuño 25)

Toda unha sorpresa, porque non daba conseguido acceder a ningunha referencia dixital deste periódico. Continuamente saltaba a mensaxe de que consultase o exemplar que me interesaba nalgún arquivo de papel. Así que poder conseguir esto foi unha ledicia enorme. Anteriormente, os recortes eran de breve extensión e case todos cortados polo mesmo patrón, exceptuando esta marabilla sacada do boletín do bispado, con data do 4 de xullo de 1913: unha carta do párroco, don Constantino Rodríguez, dirixida ó bispo. O mellor documento que tiven durante uns anos.




Como detalle "moderno", dicir que incluín un código QR nesa páxina e que leva a unha entrada da bitácora sxlouredo.blogspot.com

Se queres saber a cal, toma:


 

En canto á prensa da época:



(El Progreso  semanario independiente Ano VII Número 1081 - 1913 xullo 30)

Unha mágoa que non os consultaran os que redactaron a ficha patrimonial do PXOM de Cortegada, onde lemos dous fallos: que a igrexa é do s. XVIII e que o lugar que ocupa se denomina Louredo. Xa vemos que non: é de 1913 e está nos Diestros, ou ponlle O Regueiro, como mal menor.




Como non é cousa de cansar ó persoal nin realizar unha síntese de todo o documentado, de momento só escribín o básico: data da inauguración, parte dun recorte onde se mostra un problema que a retrasou e dúas novas sobre o festexo.


 

Unha entrega que cumple anos: 20!!

Con ánimo de ir rematando, é de lei recordar que esta sería a segunda vez que se redacta unha folla así. Anteriormente, xunto cas contas anuais, entregouse ó pobo unha folla informativa sobre a igrexa parroquial. Está datada a finais de maio de 2003 e os datos ofrecidos son do máis interesante: datas de obras, quen as paga, quen as realiza, datos sobre os curas que a rexiron... 

Para que non morra no esquecemento, recupero esa folla.

 


CONTINÚA EN...

Comentarios