Notas sobre os cruceiros de san Xoán de Louredo

Cruceiro da Alfarrapa

Nota sobre os cruceiros de san Xoán de Louredo, Cortegada

A historia dos cruceiros de Louredo inda está por escribir, así como unha catalogación completa de tódolos de Galicia. Eu quero acercarvos algunhas memorias que os veciños gardan deles e invitarvos a que os visitedes. Algúns nomes de barrio ou lugar poden diferir minimamente da nomenclatura toponímica oficial, pero reflexan a fala popular louredesa. 

San Xoán de Louredo é unha parroquia do arciprestado de Ribadavia, un pobo pertencente ó concello de Cortegada, na diocese e provincia de Ourense. Sen unha especial significancia, é un lugar onde se atopan varios restos prehistóricos sobre pedra, a entrada dun pazo con escudos familiares moi desgastados e tres cruceiros de similar factura, ademais dun peto de ánimas, a igrexa parroquial e os restos, desacralizados, da antiga igrexa. No tema dos cruceiros tamén hai que sinalar os restos dun cuarto.

Onde atopamos os cruceiros e que din deles?

Situados na beira dun muro dunha viña, no lugar do Pireiro, estes anacos dun vello cruceiro son o testemuño máis antigo dun cruceiro en Louredo. Este situábase na Alfarrapa, preto da Telleira, e é un modelo único no pobo. Dispuña das imaxes do Crucificado, no alto, por riba dunha caveira, ós pés da cruz, onde estaban dúas imaxes máis: san Xoán e a Virxe. Digo que é único porque os cruceiros que viñeron despois son todos moi parecidos entre eles, sen imaxe algunha. 

Cruceiro da Torre

Este vello cruceiro caeu por mor dun carro que chocou con el, segundo unha versión, ou foi derribado por algúns republicanos en datas cercanas ó alzamento nacional, segundo outras fontes orais. O párroco, don Esteban, decidíu por os restos no muro da súa viña, ben visibles, e restauralo. Nunca pasou tal. Levantouse un novo cruceiro. Os restos están ben visibles no muro da antiga viña de don Esteban, enfronte dun cruce de camiños, así que poden visitarse e fotografar con toda facilidade.

O actual cruceiro da Alfarrapa é contemporáneo do situado no cruce de Refexón e O Tabolado. O seu autor foi don Juan Míguez Domínguez.  Anterior a eles é o do barrio da Torre. Os tres compóñense de pedestal, fuste octogonal e cruz. Non teñen imaxes. Só no da Torre se aprecian ilexibles inscripcións na súa base. Sería o modelo no que se fixaron canteiros do pobo, como o señor Xaquín, para tallar os outros dous?

Actualmente, só o do Tabolado se atopa nun cruce de camiños, estando, por un  lado, o que vai cara o barrio de Louredo, por outro cara O Tabolado e, en baixada cara o pobo de Remoíño, o camiño de Refexón. Os outros dous están  á beira de sendos camiños. Curiosamente, os anacos do cruceiro primitivo están nun cruce de catro camiños. 

 
Exemplo dun cambio de lugar: o cruceiro da Torre
Están os cruceiros onde foron levantados orixinariamente? 

Respecto dos lugares orixinais, os veciños gardan memoria dalgúns cambios. Mentres que o da Alfarrapa se construíu no mesmo lugar do anterior e o do Tabolado alí se montou, o da Torre foi removido hai anos, para ser colocado no lugar que actualmente ocupa. Situado, orixinariamente, frente á casa da “raiana”, a uns cen metros de onde o situaron, levantouse para poder anchear o camiño. 

Maxia e devoción

Relacionado cos cruceiros, queda memoria dunha acción salutífera, de corte máxico. O caso é que se un neno sufría do enganido (noutros lares chámanlle tangaraño), a nai debía levalo ata un cruceiro, sentarse e collelo no colo. Da casa debía levar cordel e coitelo, de modo que atase ó pequeno de pés e mans. Iría cedo, antes de romper o día e non debía pronunciar palabra algunha. Á primeira persoa que vise entregaríalle o coitelo, sempre en silencio, e o viandante, sen abrir a boca, debía cortar as ataduras. Deste modo, o neno regresaría san ó fogar.

Outro recordo afecta ó cruceiro da Torre, cando estaba no seu lugar orixinario, pois ata alí chegou un pai predicador, quizás redentorista, e a feligresía para rezar, dentro do ámbito dunha misión popular (seguramente, en tempos de don Esteban, o párroco). 


Detalle do pé do cruceiro da Torre, con inscripcións

Os cruceiros particulares de Louredo 

Os cruceiros teñen unha orixe devocional, relixiosa, e pública, pero convertíronse tamén en motivo decorativo ou de contemplación privada. Así, contabilizamos dous en Louredo. Un no patio dunha vivenda da praza do Cazapedo e outro nun sucalco alto, onda unha piscina privada, case por riba da fonte do Cano, no barrio da Torre. 

Agora xa sabedes un pouco máis sobre os cruceiros de Louredo. Vinde velos! 

Cruceiro do Tabolado, no inicio do camiño a Refexón
 
#SXLouredo

Comentarios