Novena a san Xoán bautista de Louredo versión 2023

O pasado 1 de novembro, á porta da igrexa de san Xoán de Louredo, comentabamos algúns con párroco o bo que sería ter unha novena impresa a san Xoán. Novena que xa existe e da que xa se falara a posibilidade de reeditar.

Agora, trala conversa en persoa, pasabamos do dito ó feito e puñamos en marcha o sinxelo plan de recuperar o escrito e polo a disposición dos fieis e interesados. propúxenme escribir o borrador e pasarllo a don José Ramón. Pasou máis dun mes e podo ir compartindo o escrito, xunto ca fonte. Esta non é o gastadísimo libriño orixinal, senón unha fotocopia de dona Nicasia, que inda se usa hoxe en día para dirixir o rezo da novena ó santo patrón. No meu álbum adicado a esta devoción está ese texto e outros relacionados. 

 


Toca, pois, revisar, modificar e entrecoller o que podería ser a versión 2023 da novena, ano en que se celebran os 110 da inauguración do templo actual e o centenario da campá "grande" (a "pequena" é do mesmo 1923, pero refundiuse por Malingre, Ourense, en 1953).

Cando me refiro a modificar vou pola corrección ortográfica e de puntuación, sen cambiar verbas nin expresións. Si quero revisar con calma as citas do texto, de modo que as confirme ou cambie, xustificando sempre a rectificación con datos. A continuación, exemplo dun cambio pendente, froito da investigación actual. 


A idea é ofrecer un libriño manexable, con letra grande, para veciños e interesados. Haberá que ver de agregar datos históricos ou recordos, ademais de algunha referencia ós santiños da igrexa, de modo que se constrúa un sinxelo devocional louredés e quede constancia cultural da nosa parroquia.

Comentarios