San Xoán de Louredo 2022

Estes 24 e 25 de xuño de 2022 son días grandes para o pequeno pobo de Louredo. San Xoán bautista, o patrón parroquial, está de festa e esto móstrano os veciños invitando á celebración eucarística e ó encontro festivo.


A festa da natividade do Precursor sinala o inicio do verán, o día con máis horas de luz, a noite máis curta. O pasado venres 24, a mediodía, hora central da xornada, en Louredo reunímonos para festexar este despregue lumínico. Ás doce e media saíu do templo a imaxe de san Xoán, iniciando un percorrido por parte do pobo que nos regresaría á igrexa: baixamos A Torre, enfilando diante do seu cruceiro e chegando á praza do Cazapedo. Alí paramos e rezouse polos defuntos, o fin da guerra e as necesidades varias dos veciños.


Reiniciada a procesión, acompañada musicalmente pola charanga Brétema e co tiro de foguetes, seguimos ata O Regueiro e Os Diestros, finalizando diante da porta maior da igrexa. Este ano foi unha procesión máis curta, debido á ameaza de chuvia.


Finalizada a procesión, don José Ramón iniciou a Misa, sentida celebración que vibrou cos cantos do coro parroquial. Precisamente na homilía, sinalou o párroco a emoción que supón unha celebración renovada da natividade de san Xoán, despois de dous anos de pandemia e restricións. O sacerdote sinalou a alegría deste encontro relixioso e familiar, onde se retoman costumes, se celebra a fe e as familias recordan ós que xa non están, mais festexan a alegría do reencontro. Xa cara o fin da celebración, o sentido canto do himno a san Xoán de Louredo marcou un novo punto emotivo, que rematou cos agradecementos do párroco a tódolos que fixeron posible este día, a celebración dos seus 25 anos de cura e a bendición final.


Un himno único

Sinalaba o canto emotivo do himno a san Xoán porque se trata dunha composición único na zona. Atribuido a dous sacerdotes, afillados de don Esteban Viso, que foi veciño e párroco de Louredo, é unha solemne expresión da vida do bautista, con variacións no ritmo e o tono á hora de interpretalo. O coro parroquial soporta o peso da execución, pero esta é seguida ben polos veciños, que coñecen de sobra letra e melodía.

O novenario preparatorio

Antes da festa recítase a novena. Durante nove días, á tardiña, celébrase a Misa, ó remate da cal se recita a novena na honra do patrón. Encárgase un laico, xeralmente o sacristán parroquial. Un vello texto que se imprimíu en Valladolid no 1889. Hoxe sabemos que existen tres edicións deste texto relixioso, do que nin coñecemos autor nin censores ou bispo que o aprobasen, inda que conta con tal declaración.


Do texto orixinal só se usan unhas partes, quedando outras sen expresión pública. Así, cada día coñece a mesma oración de inicio e remate, cambiando, entre elas, unha oración propia para cada xornada. Fóra delas, hai outros rezos, unha antiga tradución do "Benedictus" e os Gozos de san Xoán. Estes, de longa extensión, chaman a atención, pois sábase que existía un antigo himno a san Xoán que, en parte, coincide con algúns deses Gozos.

"De Louredo, su pueblo en favor"

Con este anaquiño do actual himno ó santo, remato este breve crónica. Louredo é unha parroquia que pertence dende 2013 ó arciprestado de Ribadavia, sendo anteriormente de Cortegada e do Pau. San Xoán bautista é o seu patrón e conta con dúas imaxes del no templo: unha delas nunha peana lateral, outra no retablo maior. A primeira din que veu da anterior igrexa do pobo, de sinxela feitura, restaurada hai uns anos, e que é a procesional; a segunda é unha preciosa talla de madeira, traída dende Ourense por man duns cantos esforzados louredeses. Ambas teñen o parecido de dous homes barbados, con vestido de pel de ovella, cun año ó lado, subido este sobre un libro que se apoia nun tronco vexetal.


Louredo celebra sempre a súa natividade. A memoria do martirio, a finais de agosto, soe celebrarse con Misa, máis ou menos solemne, pero sen maiores manifestacións populares.



Comentarios