A do día 1 si, día de tódolos santos, co cura revestido de branco e o coro de Louredo entonando animados cantos. Moitos teñen en mente ós defuntos e non sei se asumiron que a celebración é festiva, peeeeeero como é o día libre e a xente dedícase a visitar os cemiterios, pois non me estraña que a sintonía co rito eucarístico deste día non sexa plena e pese máis a ausencia dos seres queridos que a ledicia que as oracións pretenden despertar.
Na súa prédica, falou don Julio Rodríguez López da ledicia dos santos, da celebración dese gozo celestial e como estabamos todos chamados a el, gracias á redención de Cristo. Lembrou a máxima de san Xoán da Cruz: ó atardecer da vida examinarannos do amor, e ata animou a que a cantasemos un instante (posteriormente, o coro entonaríaa completa, en versión galega).
Despois da misa e da parola cos veciños, ratiño pa prensa, que este domingo traía algunhas novas de interese persoal, como a apertura da porta santa na Veracruz do Carballiño, artigo de La Región de onde escollo esta foto, pois aparece o noso anterior cura, don José Ramón Villar.
Tamén me quedo con esta folla do suplemento Vida, onde se fixeron eco do último roteiro por terras de Cortegada, que deixou fóra a aldea de Louredo, ó coller un camiño dirección Valongo.
Recórdame que non hai tanto que pasou pola aldea un roteiro especial, organizado polas mulleres rurais de Cortegada. Queredes saber que ninguén me contou nada de como foi ou que aconteceu? Pois non esperedes que nas redes apareza algo de interese especial. Si, as fotos que lembran o seu paso por aquí teñen o seu aquel, pero boto en falta un texto, un mínimo de crónica para que quede constancia po futuro. Mentres, quedo mirando da lugares e obxectos de pasadas épocas que ben precisaban quen pregunte por eles e tome nota, por breve que sexa, do seu existir, estado e memoria. Canto non podería contarnos estes ferros do 23. Ano, por exemplo, da campá maior da igrexa de Louredo e do peche de pedra dos Diestros.
O día foi soleado, porque non acaba de chegar o frío e a chuvia... e, claro, con estas condicións de sol, florecen os camiños, coma este que vai do Outeiro a Pedradas. Un lugar que non esquecemos, porque inda que teñamos auga da traída, como presta ir buscar auga á fonte!
E non só flores, senón tamén mariposas, algunha branca e outra ben adaptada a superficies marróns, nas que se agocha.
Dende ese camiño ollo cara un ceo onde a lúa vai devecendo e esvaecendo nun precioso e despexado ceo azul.
Dixen dia soleado, verdade? Pois si, pero nótase que estamos no outono (a ratos) e as zonas que quedan á sombra ben reteñen o rocío matinal. Aquí a proba en verdes herbas.
Azul e verde que atopamos, tamén, nestas escondidas pinturas de factura contemporánea, dentro dun vistoso elemento da fonte de Pedradas. Por certo, si, por ese angosto recuncho hai que entrar para poder acceder ó manantial e limpalo (unha ou dúas veces ó ano) das raíces das árbores e que a fonte recupere o seu precioso e regular caudal.
Cando vas á auga é que é hora de comer. Hoxe comezamos co polbo, regado co precioso ouro Ribeiro da casa e rematamos cas castañas preparadas sobre plancha de ferro. Este ano, cachis, non saíron moi alá.
Pois non, non veredes calaveras por Louredo, por Samaín, pero si todo o ano no Outeiro...



















Comentarios
Publicar un comentario