Nun día de transición cara borrasca, a mañá recibiunos con fresco, nubes altas e as herbas molladas polo rocío.
Unha apariencia de outono, de frío que se impuña, tras vivir tempadas de calor que fixeron dicir a máis dun que estabamos nunha nova estación: o veroño.
Xa a mediodía foi tornando este tempo gris, pero calmo, con momentos no que o sol botaba unha ollada entre nubes, a un tempo ventoso, de nubes máis compactas, con matices de gris, seguramente o frente borrascoso que na costa levantaba ondas e ameazaba con chuvia. Cando me viñen, sobre as catro da tarde, inda non chegara a primeira pingada, pero mantíñase o vento e as nubes sobre a aldea anunciaban unha chuvia que ogallá chegase e non faga mal.
Aproveitando as boas condicións da mañá, collemos camiño po Cazapedo, onde vemos estes anuncios: magosto en Cortegada e venda de lotería en Louredo.
E seguimos cara A Pena, collendo polo camiño cara A Alfarrapa, con parada e desvío cara a dereita, para ver en que estado se acha o denominado camiño da Pena da Misa. Na primeira pendente nótase baixo as pegadas a cantidade de musgo e terra que te fai andar con ollo. E, xa cara o fin, monte e ladeira, co que dei a volta, sen intentar chegar ó camiño inferior, onde se pasa a terras dos Aráns.
Enfilando cara A Alfarrapa, xorde un recordo: o de que este camiño quería aproveitalo don Esteban, o cura de Louredo anterior a don Delmiro, como paso para o seu biscúter. Seica quería facerlle un garaxe pola zona de baixada da Pena da Misa. Así, el despois xa iba a pé ata casa, nos Veciños. E cando collera aquel cochiño, saía directamente na Telleira, Soutelo, onde podía coller cara a parroquia de san Benito do Rabiño ou cara Cortegada.
Antes da zona da Alfarrapa temos a de Requeixo, onde inda detectamos os postes de antigas viñas, hoxe agochadas baixo grandes silveiras. E o camiño, limpo hai non tanto tempo, amos as pegadas do abandono: unha pociña chea de terra, desniveis, maleza ameazando con ocupalo...
Poucas castañas vimos, inda que si castiñeiros ben altos. Tamén me chamou a atención a forma dunhas castañas, que se alongaban, máis que coller forma redondeada. E unhas madreselvas que recendían que daba gloria.
Ós poucos, fomos achegándonos ata o cruceiro da Alfarrapa. Contan os maiores que o orixinal, o que repousa no Pireiro, quedou tirado no chan por mor dun accidente cun carro. Os restos seguen nun recuncho ben visible da que era a viña do cura, don Esteban Viso Rodríguez, que nacera en Louredo.
Don Juan Míguez ofreceuse a facer un novo no lugar da Alfarrapa e alí está e segue agora a súa obra. Anónima, pois non quedou gravadura algunha na pedra. Del tamén foi o do Tabolado. Ambos comparten estilo co da Torre, seguramente o máis antigo de Louredo. Os tres sen imaxes, con varal octogonal.
E da Telleira á Tella, que é a entrada a Louredo por esta parte, pero antes, pasar pola estrada que cruza o Cadaval. Sabiades que na cima estaba un garaxe que pertenceu a don Esteban?
Na Tella atopamos unha das fontes do pobo, con manantial, lavadoiro e poza. Non a temos analizada, pero desconfío que se use para apagar a sede humana.
Camiñando, a zona onde estaba o cartel metálico co nome da aldea. Desapareceu hai un tempo e non o vin por alí tirado. Unicamente dei co pé, que é unha pedra cun burato central. Foi colocado por quen foi veterinario e alcalde de Cortegada, don José Pérez, xunto con don Gregorio Pérez García e don Manuel Pérez García, o 15 de xullo de 1959.
E así fomos chegando ó Outeiro, que seica é a día de hoxe o topónimo máis repetido en Galicia. Quedaba por recoller pementos e tomates, que inda hai, tanto para uso humano, como animal. A vida do campo! Foi un ano de moitos tomates. Os pementos tamén viñeron en cantidade, pero o forte sol fixo que arderan en vida, por moito que tiñan auga da poza de Pedradas, pero afectoulles tanto sol directo.
E tralo disfrute, coller coche e marchar baixo un ventoso ceo gris.


































Comentarios
Publicar un comentario