Borrador Comunidade xuño 2025

 Dende o departamento de prensa do bispado de Ourense pídennos breves aportes para incluír na revista diocesana comunidade. Como sabedes, esta pode conseguirse falando co párroco e consultarse gratis dende a páxina web do bispado de Ourense.

A idea é ir achegando novas das parroquias nesta publicación periódica. Hai anos, estas novas aparecían na mesma páxina web, pero co decurso dos anos decidiuse que esta quedaría para dar eco a acontecementos de orde diocesana ou de especial relevancia. Que se propuxo daquelas? Que a web diocesana quedaría para estas achegas e que as parroquias ou Unidades de Atención Pastoral ou os arciprestados deberían abrir os seus propios medios de información. 

Louredo, dende hai uns anos, faise presente mediante este humilde espazo.

Agora, na recta final de maio de 2025, propoño enviar as seguintes novas, de modo que poidan facerse eco delas ou da parte que consideren importante.

1. A parroquia de san Xoán de Louredo compartirá pola Rede o rezo da novena ó seu patrón: sxlouredo.blogspot.com


 

Como ven sendo tradición, compartimos desde aquí o rezo da novena a san Xoán bautista, patrono de Louredo. Cada ano proponse o formulario completo, case sempre o que se reza na igrexa, xunto con datos de interese, como poden ser historias relacionadas, recordos dos veciños, antigas fotos, investigación actual sobre o santo... Ademais, xa se compartiron os textos de dúas novenas que son practicamente a que seguimos usando nós, inda que máis antigas. Esto constitue unha curiosidade histórica, pois podemos ver se evolucionou algo o texto, se cambiou, por onde se espallou...


Quedamos abertos a novas propostas, como podería ser a emisión en directo, a gravación en vídeo/audio de cada día ou outras formas de recoller parte da nosa intrahistoria e compartila, quedando como apoio da tradición oral.

Este ano a proposta amplíase ca posibilidade de descargar un pdf co rezo completo de cada día.

 

2. Con motivo da novena a san Xoán de Louredo, faremos pública a partitura do seu himno tradicional.


 

Da mesma maneira que con motivo da novena a san Benito do Rabiño compartín a partitura recuperada do seu himno, agora toca dar a coñecer a do noso. 


Un himno xa con décadas de historia, que todos os veciños coñecen e cantan, que din que fora composto por dous curas, afillados de don Esteban Viso Rodríguez.

Pois ben, dende o ano pasado temos unha partitura actual, confecionada polo músico ourensán Juan Manuel Vázquez, fundador e compositor de Xerión. Se lembrades, o ano pasado xa imprimimos algunhas copias e quedaron na igrexa a disposición de todos. Pois este ano faremos extensible o regalo a cantos o queiran descargar dende internet.

Será un folio a dúas caras, en pdf, ca partitura e parte da historia contada.

Comentarios