É costume inveterada que a san Benito lle celebremos en Cortegada dúas festas: a do inverno, o 21 de marzo, e o do verán, o 11 de xullo. A nivel litúrxico esto non é así, xa que a festa de marzo quedou para a orde benedictina, mentres que a universal é a de xullo.
Pero este caso dúplice mantense dende hai décadas e vese refrendado pola presenza do bispo na misa maior deste día. Este ano, por mal tempo, non puido lucir tanto a celebración, xa que faltou a tradicional procesión de mediodía, en torno ó santuario. Unha mañá de vento e chuvi impediu a saída ca imaxe venerada. E eso que escampara antes e parecía que podía aguantar, pero non, máis ben mudou a cara da xornada e regresou o temporal.
A misa de once
Pouco antes das once chegabamos para a misa. Non chovía, e ata houbo momentos que despexaba o ceo, pero os que puidemos tiramos po interior do templo, en busca de protección contra posible reviravolta dos elementos na nosa contra. A eucaristía das 11 presidiuna don Evencio, con asistencia de don Benito, que estes anos era quen presidía a tal hora. A igrexa encheuse e moita xente quedaba de pé, ocupando espazos libres cercanos á porta maior e á lateral máis cercana ó peto de limosnas. A imaxe procesional de san Benito locía en lugar preeminente, preto do seu espazo cotiá ó longo do ano, na capela da dereita, onde onte se colocara a tenda de recordos e obxectos relixiosos. Esta soe colocarse no exterior, pero as posibilidades de vento e choiva non o recomendaban.
Na súa homilía de sete minutos e medio, don Evencio fixo clara referencia ó santo celebrado, " o santiño que levamos no corazón e que guía as nosas vidas cara Xesús, o noso único mestre e señor". A semblanza biográfica resumiu o escrito por san Gregorio magno, con aquel Benito que pasou da vida regalada á reglada, dos estudios ás solitarias montañas e covas, da vivencia persoal da fe á vida comunitaria dos mosteiros. "Pronto funda o gran mosteiro de Montecasino e, pra unificar a vida dos monxes, redactou a Regula da que todos temos oído falar: ora et labora, reza e traballa. A deus rogando e co mazo dando, dicimos na nosa lingua vernácula." Repasando as labores dos monxes, e loubando a dedicación á agricultura e a vida cultural e cultual, salta ós nosos tempos, lembrando que san Benito foi proclamado patrón de Europa por Pablo VI en 1964.
Relaciona o predicador a festa co tempo litúrxico: "Coincide a festa do noso santo ca cuaresma, un tempo de gracia, de misericordia, no que dunha forma ou outra se nos invita á conversión. O acudir a un santuario sempre supuxo unha actitude de cambio, de conversión. Quedaba concretada no recibir o sacramento da penitencia, o sacramento do perdón". E acude ó maxisterio de san Paulo para falar da "metanoia", dese cambio de dirección, de mentalidade, e da identificación cos sentimentos de Cristo, de modo que non todo se quede nun cumprimento ritual. Aquí detívose un pouco, afondando na conversión efectiva e interior, que se manifesta na celebración sacramental e na vida comunitaria do pobo, pero deixando claro que non se trataba dun mero facer exterior, senón dunha volta espiritual que ten manifestacións visibles. Esto queda na liña do celebrado ó inicio da Coresma: converterse e crer no evanxeo, acompañado das debidas obras.
Remataba: "Pidámoslle ó Señor, por medio de san Benito, que hoxe cambie o noso corazón, o corazón de pedra, un corazón de frío, un corazón de ruindade, por un de carne. A carne, que ten? Ten vida, ten sentimentos, sabe de amor, sabe de fraternidade, sabe de perdón".
O humilladoiro
Co remate da eucaristía puidemos disfrutar duns minutos de calma, antes dos primeiros golpes de chuvia, pasando polos postos que ocuparon o espazo tras da igrexa, onde queda o humilladoiro. Este consiste nun cruceiro, protexido por un espazo de pedra e tella, hoxe aberto polos catro costados, protexidos por reixas de metal. Inda o recordo tapiado con madeira. Foi todo un descubrimento cando nos puxeron ante os ollos o cruceiro e os medallóns e nervios de pedra que locen moi desgastados xa sobre o mesmo. E é curioso que tantos que visitaron o lugar non fagan referencia a dous detalles, que ogallá vós vaiades compartindo e investigando nas seguintes visitas: eses medallóns e as inscricións exteriores.
Ambas referencias teñen o número de cinco. No interior, no teito, os cinco redondeles, conformados en cruz grega, conectados polos nervios pétreos.
No exterior, catro liñas gravadas na última sección de pedra, no arranque do tellado de tella.
Na explanada, os postos de rosquillas, plantas e pan atraían a atencións dos presentes, mentres o señor bispo Leonardo chegaba e o acompañaban ó interior da igrexa, para a misa de mediodía, denominada misa maior. Xa o escribín, misa xeralmente celebrada despois de sacar o santo en procesión polo adro, que este ano se deixou estar, polo mal tempo que veu.
Lembranzas de hai décadas
Non faltan, con motivo destas festas, os recordos de anteriores anos, xa cercanos, xa lonxanos. Como aqueles nos que o párroco era don Esteban Viso Rodríguez, veciño e cura tamén de Louredo, que vivía no barrio dos Veciños. Daquelas, cando era a novena e se celebraba unha única misa e pola mañá cedo, os louredeses baixaban de madrugada ata san Benito.
Tocaban a campá en Louredo sobre as seis da mañá, de modo que puidesen baixar pa misa, que sería sobre as sete. A vida paraba un intre, pero quedaban as labores típicas do agro, tanto na terra como co gando, e os traballos fóra do pobo, como os que marchaban, collendo o "coche de línea" ás oito.
Comentarios
Publicar un comentario