Quinto día da novena en san Benito do Rabiño 2025

Non me ten cadrado achegarme ata a igrexa de san Benito do Rabiño durante a novena, así que este 2025 aproveitei para romper esa racha e acompañar ós maiores. De paso, falar con veciños e coñecidos cos que non se soe cadrar moitas veces. Mira ti se foi a cousa ben, que xusto foi a tarde que cantaban os do coro de Louredo!

Moi amablemente, desde a parroquia do Rabiño me convidaron a participar na liturxia, lendo a primeira lectura, cousa que lles agradezo, pola crecanía e porque nos deu pé a comentar un chisco detalles como o do libro da novena, as publicación que realizo ou sobre o himno ó santo patrón. Tamén tiven unha visión única, pola cercanía, do retablo maior, obra que está por descubrir. E se non, na próxima visita fixádevos na cantidade de anxiños presentes, das aves e da súa postura, ou os tres pares de ollos alucinados dos demos.

O formulario diario da novena dá para dez minutos bos de lectura, que ben se poderían convertir en quince se te paras un pouco entre rezo e rezo. As oracións veñen dun libro que recolle a vida de san Benito escrita por san Gregorio magno, con meditacións e prácticas concretas que levar á vida do fiel. Vamos ó libriño... 


Unha novena que é larga, xa que só as lecturas propias ocupan 4 páxinas. Pero é que isto só é o material referido ó día, e hai que contar cas comúns, de tódolos días. Cada un da novena, seguindo o esquema do libro que conservamos no Outeiro, Louredo, e que seguen logo na igrexa é o seguinte:

- Por la señal
- Acto de contricción (p. 5 e 6 do libriño)
- Oración para todos los días (p. 6)
- Consideración (propia cada día)
- Práctica (aplicación do rezo-meditación á vida do fiel)
- Ejemplo (sacado da vida de san Benito)
- Momento en silencio (meditación-petición)
- Pater noster
- Oración común final
- Deprecación (rezada por todos os asistentes e o presidente)
- Canto do himno 

O día que fun era o 16 de marzo, correspondente ó quinto sa novena, onde leron a consideración sobre a penitencia. No exemplo cobvida ó fiel a mortificar o corpo con cristiá prudencia e aceptar os reveses da vida con ese mesmo espíritu de penitencia. A mirada á vida do santo tráenos o episodio no que un santo sacerdote tiña pensado comer algo mellor pola Pascua, tras as restricións coresmais, e ten unha visión nocturna que o invita a compartir os víveres co penitente Benito.

Trala novena, a Misa, presidida ese día polo novo párroco-rector do santuario, don Emilio, fillo deste concello. Unha prédica breve, duns cinco minutos escasos, sobre o evanxeo e o relato do monte Tabor. O presidente foinos metendo na escena, advertindo que a Palabra é sinxela, e que Xesús foi un bo pedagogo, que se adaptou ó entendemento de quen o escoitaba, usando parábolas. Para ilustrar como esa subida ó monte, á montaña, era unha forma de ascender á divinidade ou cara a súa experiencia, recordou a un compañeiro sacerdote que subiu ata unha, porque alí se sentía cunha especial sintonía con Deus. Referíase a don Alejandro, desaparecido no Mont Blanc en agosto de 1996.


Eses momentos cumbre non deben ser os únicos, xa que a vivencia de Deus pasa polo día a día, seguiu comentando o predicador, na eucaristía, os sacramentos e no encontro cos demais. 

A tarde rematou alí cun repaso fotográfico rápido ó retablo central e o humilladoiro. E as instantáneas non fan máis que dicirme que hai que volver, fotografiar con calma e compartir as fotos, xa que as imaxes falan, pero eu non entendo.

Por exemplo?

Téndesvos fixado neses ollos en espiral de tres cabezas demoníacas? O do demo derrotado polo arcanxo san Miguel, no alto do retablo, e as dúas que serven como peana a dúas mártires e que che botan a lingua, ca boca aberta.


E que me dicides desas dúas aves dos extremos superiores, que levan unha flor no pico?


Os medallóns pétreos que máis chaman a atención son os policromados sobre o presbiterio, onde vemos unha lúa con cara, fronte á que están dúas estrelas. Pero non vos esquezades de mirar nas dúas capelas laterais, vale?


No exterior, o humilladoiro, co seu cruceiro ben visible, agarda polos peregrinos do saber. Seguro que pronto saberemos que din as catro liñas escritas no alto, na zona central de cada cara, xusto no arranque das tellas. Algunha inscrición é máis clara que as demais, pero inda teñen algo de misterio...

 





 

Comentarios