Ollada á actualidade e ó baptisterio de Louredo

Ollada ó baptisterio de san Xoán de Louredo, Cortegada

Hai un lugar en Louredo que seguramente pouca atención se lle presta, pero que podía ser centro de miradas o que queda de ano. Trátase do baptisterio. Si, ese recuncho á entrada da igrexa, conforme se pasa a porta maior á esquerda, lugar da pía bautismal. Rodeado dunha sinxela e simbólica rexa, custodia a pía bautismal e o instrumento portátil que tantas veces ten feito a vez dela. Inda que hoxe sexa un lugar esquecido, ben se podía aproveitar unha oportunidade para darlle realce. O motivo é relixioso, pero ábrese a perspectivas culturais ben necesarias.


O motivo relixioso

O caso é que este 2025 é para a igrexa católica un ano de Xubileo. Quen desexe saber máis ten variados materiais, pero digamos que dous son os centrais para o fiel de Louredo e cercanías: a Bula papal que convoca o Xubileo e a Carta pastoral do bispo Leonardo. Eu centrareime nun par de liñas deste último, porque nos dá a oportunidade de recuperar a memoria e deixar unha páxina escrita da historia de Louredo. Concretamente, redescubrindo e adornando a pía bautismal do fondo da igrexa.

No número 6 de CPX, o bispo propón accións comunitarias sinxelas, como reunirse sacerdote e fieis en torno á pía, recitar o Credo, que o abade asperxa a todos con auga bendecida e se dé comezo a un rato de oración. Tamén pode facerse ó inicio da Misa, sen recitar o credo, pois a aspersión computa como acto penitencial. Así se recolle na páxina 25:


Unha achega cultural

Na Carta pastoral sobre o Xubileo (imos denominala CPX), número 3, o bispo Leonardo pon a vista sobre o baptisterio e anima a decorar a pía e converter o lugar nun espazo cálido de oración e meditación do credo, concretamente da versión chamada "nicenoconstantinopolitana". É dicir, crear un lugar recollido onde poder pararse con calma, recordar o bautismo e o credo da igrexa, meditar, asumir as verdades contidas nel... O cal nos leva poder facer isto, quen sexa fiel católico, e máis, quen teña curiosidade pola cultura en xeral. Así, na páxina 10, lemos:

 


Unha forma sinxela sería acoller esa invitación episcopal, limpar o sitio e facelo brillar, xa sexa con algunha iluminación ou decoración especial, que non tape a pía, senón, que a faga resaltar. Podería imprimirse unha folla co credo antes dito, de modo que quen queira acercarse o poida ter diante en letra grande, nunha folla sinxela, pero bonita. Tamén podía pensarse se paga a pena colocar preto unha silla e material informativo na mesiña que hai alí.

Con este primeiro paso, avanzamos cara a atención ó lugar, redescubrindo o que mostra a simple vista e o que hai que buscar con calma. Por exemplo, inscripcións en paredes, na pía ou na reixa, para ver se hai selos ou marcas dos que traballaron ese recuncho. Tamén, pregunta ós veciños se recordan bautistmos alí e se gardan fotos. Porque hai que recordar que moitos fomos bautizados alí, pero á vista do pobo, na zona do presbiterio, quedando a pía abandonada.

Desto todo, facer fotos actuais, mandalas a prensa local e revista do bispado, amén de redes sociais, creando interés en torno ó lugar. Tamén pensar en que momentos se podía darlle un realce especial ó longo do ano. 

Alá, ó fondo, dereita, o baptisterio de Louredo, durante a celebración do san Xoán degollado (martirio de san Xoán bautista), o 29 de agosto de 2022.


Símbolos na reixa do baptisterio de Louredo

Pararse ante a reixa do baptisterio supón un reto actual, pois inda que moitos digan que unha imaxe vale máis que mil palabras, poden quedar sen elas cando se enfrentan a algunhas como as que veremos a continuación.

A reixa cubre dúas seccións do espazo que rodea a pía, sendo as outras dúas as propias paredes do templo, ambas con portas: a maior e a lateral.

Vemos a porta grande e o baptisterio nestas tomas do inicio de procesión de san Xoán, con motivo da súa natividade, o pasado 22 de xuño de 2024, a mediodía.



A reixa dispón dunha porta de entrada. As formas xeométricas dos laterais déixoas a expensas de quen saiba máis ca min, para dilucidar se son adornos ou teñen significado. As que si son claramente simbólicas son as da cima da porta e a porta mesmo.

Na cima, o acróstico referido á virxe María (M e A superpostas), co añadido dunha cruz, da cal a A forma o brazo inferior, máis longo que os outros tres.


 

Na porta, o acróstico de Cristo, o crismón, tomando as dúas primeiras letras do nome en grego (Χριστος–, j: X e ro: P, que aquí ten forma de p maiúscula, pero corresponde a unha R), ca redundancia do criptograma do peixe. 

 

 

Esta referencia tamén é grega, pois o nome de peixe en grego, corresponde co título cristián de Xesús Cristo Fillo de Deus Salvador (en orixe, Ἰησοῦς Χριστὸς Θεοῦ Υἱὸς Σωτήρ que pasado a caracteres latinos: Iēsûs Khrístos Theû Hyiós Sotḗr).


 

 

 

 


Aquí vai a explicación, nun recorte da wikipedia, consultada hoxe.


Na segunda sección da reixa temos xa varios símbolos e letras. Estará completo o conxunto?

Na cima, a palabra  Bautisterio, partida na metade cunha forma de cuncha (ou elipse emitindo tres ondas). Esta ocupa un lugar entre as sílabas "tis" e "te".


Por debaixo, dúas filas, seccionadas en tres columnas, onde se mostran os sacramentos. Si, si, os sacramentos da igrexa católica son sete, pero podiamos tomar a cuncha da cima como símbolo bautismal.

Con isto como condición, na primeira fila teriamos a referencia ós sacramentos da iniciación cristiá formando un triángulo: cunha na cima, bautismo, espada no lateral esquerdo, confirmación, lateral dereito, o caliz e hostia, a eucaristía. 

 


 

Quedan no centro as chaves cruzadas, cunha P no medio, na zona inferior. 

 

Podía lerse como símbolo papal, con esa P facendo referencia a Pedro, pero como o conxunto é de orde sacramental, neste símbolo vemos a penitencia, o poder de atar e desatar, de abrir ou pechar as portas do Ceo ó cristián.


 

Cadra moi ben co resto de símbolos da fila e a cuncha, pois curiosamente tes que confesarte para recibir a primeira comuñón. Xa é máis comprensible como preparación á confirmación, á espada, á loita contra o mal.

 

 

Na fila do fondo, comezando pola esquerda, o óleo do enfermos (antes, cando construíron a igrexa inda lle dirían "extremaunción", sendo hoxe a unción de enfermos), a estola cruzada (facendo o mesmo X que as chaves da fila superior) da orde sacerdotal e o aneis cruzados do matrimonio.

 



O baptisterio de Louredo, un lugar ó que voltar

Xa vedes que neste 2025 temos dous potentes motivos para volver os ollos e a atención ó baptisterio de Louredo. A igrexa que o contén, dentro da súa sinxeleza, danos para a curiosidade e a espiritualidade moitos elementos sinxelos e accesibles, co ca, só falta botar man deles e reactivalos nesta época actual, dándoos a coñecer a outros curiosos e fieis.

Por que non?

Comentarios