O paso polo pobo sempre senta ben, xa teñamos o día soleado ou, como pasou desta vez, as néboas nos cerquen e a chuvia se convirta en compañeira que non ten pinta de marchar. Pero é que estamos no tempo dela, é inverno. O día 22 de xaneiro de 2025 veunos en Louredo con bastante humidade e temperatura agradable.
A chuvia caía mansiña na praza do Cazapedo, baleira hoxe, pero hai anos un lugar activo e de referencia. Hoxe, un espazo de calma para, precisamente, ver chover chover e deixar que pase o tempo.
De todas formas, que iso non vos engane, que no pobo sempre hai algo que facer. Se non é no campo, por casa. Por exemplo, quedou boa mañá para "facer os vimbios", que consiste en ir repasando vimbio a vimbio e podarlle as ramiñas que saian da principal ou adptando a medida ó traballo no que vaia ser preciso. Un busca un sitio ó colleito, pon os mangados ós pés e, con paciencia, repasa todo para deixalos ó gusto, quedando en novos monllos, xa máis pequenos e manexables.
E no taco? Pois tamén tocaría ir sementando. Estamos encarando o fin de xaneiro e a lúa encóntrase en fase minguante, tempo propicio para a sementeira. Así, na medida do posible, vanse preparando os tacos, que así lle dicimos por aquí ás pequenas leiras onde prantamos a horta doméstica. Como o tempo inda nos deparará chuvias, ventos e xeadas, non só se buscan os terreos con agarimeiro, senón que se preparan os invernaderos ou pequenos sementeiros caseiros.
Un exemplo do que vai ir pa terra, nestes dous formatos, tanto taco coma pequeno viveiro doméstico, é o dos pementos. Solemos gardar as sementes dos mellores exemplares do ano pasado, sequiñas, nun bote transparente que se etiqueta co froito e a data. No tema dos pementos, tamén se sinala a cor. E as sementes repártense en dous grupos: un irá para un anaco de terra cavada e as sementes bótanse sequiñas, mentres que outro irá para un pequeno sementeiro, tras botar un tempiño nun vaso de auga.
Os maiores recordan que por estas datas, en concreto, para o san Sebastián (20 de xaneiro), xa se sementaban as primeiras patacas, para que saíran cedo despois.
Recordando festas de santos, antes de comer escoitamos a tirada de foguetes que reverberaba pola zona de Refexón. Festa na Arnoia? Pois si, o san Vicente, santo que lle dá nome a un val, precisamente o máis cercano a Louredo. O outro recibe o nome de val de san Mauro, na dirección cara Ribadavia, "a vila".
A pesar da chuvia, non perdemos o costume de ir buscar a auga a Pedradas, un precioso manancial que rega os campos cercanos e seca a sede dos veciños. De feito, o topónimo Pedradas engloba o camiño, as terras circundantes, a fonte e a poza.
Nesas terras que unen Pedradas e O Outeiro, seguen ben en pé os píos. Tres construcións realizadas cas pallas secas dos milleiros. Basicamente, o armazón central son varios milleiros cercanos que non se segan de raíz. Xúntanse e, ó seu redor, vanse apoiando o resto das prantas segadas. Ultimamente, dáselles cun sacho na base e vanse amontonando. Inda que queden as raíces secas na terra non pasa nada. O traballo faise máis levadeiro e sinxelo. Pois aí quedan os tres en pé ata dentro duns meses, cando lles prenderan lume e as cinzas abonarán o terruño.
Dos froitos da terra podemos seguir desfrutando neste tempo gracias ó arcón, onde se conservan as castañas. Gardadas en diferentes bolsas, cando se decide consumilas, súbense pa casa e pasan diretamente para a plancha da cociña de leña, ben quente. Cando vemos que se fixeron dun lado dáselles a volta e remátase a faena deixándoas no forno, que levan enriba bastante humidade.
Á hora de comer, recordamos a bendición do avó Manuel: derramad, Señor, vuestra bendición sobre nosotros y estos alimentos que vamos a comer para continuar en vuestro santo servicio. Amén.
Comentarios
Publicar un comentario