Feliz aninovo!
Porque, en parte, iso é o inicio do advento, a apertura dun novo ano litúrxico, dun ciclo onde partimos de catro semanas de preparación ao Nadal e o despregamento da vida de Xesucristo, seguindo as lecturas do Antigo e o Novo Testamento. Así que, si, podemos dicir feliz aninovo litúrxico. Tampouco sería tan raro apuntalo así ao resto da poboación, porque estamos afeitos a que sexa noticia o aninovo civil, por exemplo, ou o novo ano chinés.
A coroa de advento na igrexa de san Xoán de Louredo
Teño a sorte de que Geli, veciña de Louredo e membro do coro parroquial, pasoume unha foto da coroa de advento deste ano. É obra súa a coroa e a foto, GRACIÑAS.
Por desgraza, non teño outras fotos doutros anos, senón a de 2021, enviada polo párroco Villar, a quen lla pedín e que agora vos comparto.
A coroa de advento é un signo ben bonito de luz no medio do tempo outonal e invernal. Non levamos moitos anos véndoo, pero fíxose un oco nas comunidades católicas e parece que quedará moito. Basicamente, é unha confección traída da tradición xermana, realizada con catro cirios e material vexetal verde. A estes dous materiais, vexetación e cirios, fan referencia dous documentos da igrexa católica, como son o Bendicional e o Directorio sobre a piedade popular e a liturxia. O que expresan compleméntase, xa que non se repiten o un ao outro.
A coroa no Bendicional
Este libro recolle textos para orar e bendicir diversas persoas, obxectos e ocasións. Concretamente, os referidos á bendición da coroa de advento ocupan desde o número 1235 ao 1242.
Que nos din? Pois nos mostran de modo sucinto como bendicir a coroa e o que significan os seus elementos. Basicamente, preséntanos a bendición en familia e na igrexa, dando a oportunidade e as indicacións para seguir, tanto se bendí un sacerdote como un laico. A estrutura é sinxela:
- en familia: saúdo inicial, monición, breve lectura (proponse esta: Levántache, brilla, Xerusalén, que chega a túa luz; a gloria do Señor amence sobre ti! Is 60, 1), bendición, aceso
- na igrexa: avísase que se realiza tras o saúdo inicial de Misa e en lugar do acto penitencial; está a monición, non hai lectura e pásase á bendición (igual á realizada en familia) e aceso.
Os elementos e o seu significado non aparecen claros a menos que te leas as rúbricas iniciais (son letras de cor vermella onde se dan algunhas sinxelas explicacións e márcanse os xestos e os momentos durante o rito, ademais de dicir quen os realiza) e as monicións, ademais da oración de bendición. En lugar de deixar claro desde o inicio que necesitamos e que significa, todo aparece cando o les seguido e non todas as partes din o mesmo ou son suficientemente explícitas.
Imos quedarnos co básico: a coroa realízase con ramos vexetais e catro cirios. A cor verde da coroa simboliza a vida e a esperanza, mentres que a luz (luces) simboliza a Cristo, ademais do progresivo achegamento cara a el, por parte da comunidade (e do tempo, que son catro semanas).
A coroa no Directorio para a piedade popular
Tras unha introdución dedicada ao tempo de advento, o Directorio dedica un número á coroa de advento como expresión popular da fe en Cristo, luz para as nacións. É o 98.
Claramente, destaca os materiais: catro cirios e ramos verdes, marcando incluso o ciclo de aceso (os catro domingos), pero só dedica atención ao significado das luces, dicindo que son recordo da preparación a Cristo e luz profética que crece. Hai como un afastamento, xa é algo máis abstracto e referido ao Antigo Testamento, mentres que as explicacións do Bendicional nos achegan máis á nosa actualidade e á vivencia semanal pre Nadal.
Un terceiro documento
A epacta é o calendario litúrxico pastoral que podemos consultar pola web da CEE ou comprar en librerías relixiosas, como Betel, en Ourense. Comezando desde este tempo de advento, vai dando significados, marcando os ritos, mostrando que cor de vestiduras usar, que celebracións caben ou non tales días, achegando ideas de cantos...
Pois ben, hai referencia á coroa de advento, pero redúcese ao devandito no Bendicional, ao que remite.
As luces son o importante
Ao final, vemos que os documentos da igrexa católica inciden con máis insistencia nas luces, con diferentes significados que, sintetizando, serían: no Directorio para a piedade popular son fases de preparación e aumento da luz que se anuncia no Antigo Testamento e no Bendicional é xa símbolo de Cristo e marcas do achegamento a el por parte da comunidade actual.
Fálase de luces en xeral, pero tamén se marca un só número: catro. Acerca das cores nada se di, aínda que logo, dependendo onde consultes, vas darche diferentes recomendacións e significados. De boas, o mesmo valerían cirios brancos, visibilizando a luz pura, como a cor morada, propio das vestiduras sacerdotais de advento, como variados, para remarcar algún significado propio ou distinguir cada semana.
Luces acesas na rúa
Ó tempo que se encende a coroa, na rúa de entrada ó Cazapedo xa acendeu o concello a luz de Nadal.
Comentarios
Publicar un comentario