Borrador para revista 'Nós, A Xente Do Redor'

 Louredo (e Galicia) nomeado

Félix Álvarez Rodríguez sxlouredo.blogspot.com

Haivos unha plataforma ben interesante na que fixarse e participar. Máis que nada porque encárgase de sustentar unha grande riqueza galega: a toponímica, a referida a nomes de lugares, xa sexan ben visibles, coma montes, xa sexan pequenos, como regos ou tacos (hortas). Esta plataforma, que podes atopar como páxina web e como aplicación para móbil (app) chámase Galicia nomeada.

 

 

Froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e a Real Academia Galega, Galicia nomeada permite que calquera usuario rexistrado aporte a toponimia que coñece, enriquecida cos datos que dispoña: población relacionada, se é un accidente natural ou unha zona de asentamento humano, posibilidade de engadirlle fotos e audio ca pronunciación do topónimo,... 

 


Basicamente, ti podes rexistrarte e, unha vez che aproben o usuario, colocar nun mapa a toponimia que coñezas, sexa do ámbito que sexa. Tanto desde computadora, tablet ou móbil, podes seleccionar o lugar, nomealo, fotografalo e apuntar unha serie de datos relacionados, de modo que se conserven os nomes, as maneiras de pronuncialos e foto do lugar. Tamén hai un caixón onde podes poñer o que creas convinte, como lendas do sitio, datos de interese, tradición oral, documentos…

 


Ademais dun menú completo e intuitivo, podes porte en contacto ca xente que hai detrás, mediante correo electrónico, que che soen responder pronto e ben. 

En definitiva, unha plataforma atractiva, sinxela e preparada para que unha persoa ou grupo se poña a investigar e compartir coñecementos. Ademais, conta cun espazo interesante, onde se colocan as fichas máis consultadas e os usuarios máis activos. Por que non porse mans á obra?

A miña experiencia comezou con topónimos de Louredo, sendo hoxe o pobo do concello de Cortegada (Ourense) máis “toponimizado”. E o que inda falta! Gracias ás opcións xa preparadas nas fichas de cada nome e o apoio dos especialistas, puiden ir limando e afinando os aportes. Por exemplo, con dúas ou catro fotos do lugar xa está perfecto; añadir o audio, ben pronunciado, deixa para estudio a inflexión de distintas voces e acentos; a caixa de observacións ben serve para añadir documentos onde se cite o lugar ou para reseñar contos e lendas;...

 

Eu miro un pouco máis alá do persoal e penso que épocas como as vacacións de verán ou Nadal, o regreso ós pobos en fin de semana, a ocasión de festas patronais e outros eventos, non darían para unha boa recollida? Eu imaxino interesados que precorren os mesmos lugares con novos ollos e van tomando nota de todo o necesario para encher as fichas de Galicia nomeada, deixando unha preciosa escolma patrimonial para o futuro. Os mesmos colexios poderían facerse eco desta iniciativa e argallar algunhas saídas para coñecer e “toponimizar” lugares, barrios ou poboacións. Imaxinades que cada curso se cubrise un lugar diferente? Non sería interesante atoparse cos maiores e gardar memoria escrita dos seus recordos? De paso, recoller os datos catastráis e ver se cadran cos nomes que lle dan os veciños ás terras. xa non vos digo nada se tiveran acceso ás vellas escrituras onde se dá conta de herencias, compras e vendas, xunto cas historias vencelladas.

 

Porque detrás dun topónimo recordado por un maior haivos moito por descubrir. Como pasa co monte do Cotroliño, Louredo, onde algúns dicían se non viría o nome polo dun paxaro (cotrola), mentres que os especialistas de Galicia nomeada miran máis alá dos parecidos fonéticos e tiran de etimoloxía para dicirnos que, sendo un nome ben curioso, designaría un lugar alto. Ou a riqueza de Pedradas, que fai alusión a unha fonte, á poza, un camiño e as terras dun determinado lugar. Tamén a curiosidade da Pena da Misa, que non está preto de igrexa ningunha ou o misterio do barrio da Torre, ca dúbida de se existíu alí algunha construción con esa forma, a historia do derrubado cruceiro da Alfarrapa, o contiño do demo no Tabolado, os recordos de baixar por Refexón co grau para moer ou a existencia dunha coviña inexplorada na Buratiña.

 


 

Posibilidades temos moitas, así que ogallá teñamos un bo grupiño de esforzados “toponimizadores” que recollan os nomes antes que cantos os recorden marchen ou se perdan as súas memorias.

 

---

Tódalas capturas obtívenas do visor e fichas de Galicia nomeada, consultada na mañá do sábado 21 de decembro de 2024. 

Comentarios