Este tempo outonizo de finais de outubro, a parte do ciclo anual no que moitas colleitas están a bo resgardo e as terras, alixeiradas da súa carga, acollen unhas poucas novas sementes ou prantas, mentres as cores tiran caras os amarelos e marróns, antes do sono frío invernal, é tempo propicio ara a introspección e o recordo do pasado. Namentres medran as horas de tebras, os lumes acéndense e van caldeando casas de pobos que viven ou sobreviven, con moitas penas e traballos dos que descansar. Inda que, sempre nolo recordan os maiores, "no pobo sempre hai algo que facer".
Na luz decrecente de outubro, propón a igrexa católica unha lembranza dos santos e dos antergos. Nada novo baixo o sol minguante destas datas, verdade? E pobos como Louredo preparan os días 1 e 2 de novembro con novenas, onde se transmite a crenza nas ánimas e se recordan as "postrimerías". Ó mellor xa poucos saben desta verba, pero digamos que fan referencia ós posibles destinos trala morte, tal como os concibe a teoloxía católica: Xuízo, Ceo, Inferno e Purgatorio. As ánimas serían os nosos defuntos pasando un "tempo" de purificación no Purgatorio, unha parada de profunda limpeza antes de ascender ó Ceo e xa poder desfrutar con calma eterna. Unha existencia afastada fisicamente de nós, pero non unha separación radical, xa que, por aquelo da comuñón dos santos, os vivos podemos influír positivamente na sorte daqueles que nos deixaron neste val de bágoas.
Ademais de rezos individuais, ofrecementos, traballos, donativos... os veciños da parroquia dos vivos poden darlle ós da parroquia de mortos unha bendición comunitaria, uníndose na novena e Misa por eles. E os defuntos, agradecidos, mirarían despois polos que inda están en tempo de merecer ou polos novos añadidos ás filas do Máis Alá.
Quen se anime a participar desta crenza e celebración, pode unirse ós veciños de Louredo, que na igrexa parroquial están a celebrar novena e Misa polas ánimas cada tarde, sobre as 5. O día 1 contan festexar a tódolos santos ás 11 da mañá e, xa pola tarde, aproveitando a xente que se despraza ós cemiterios, recordar e rezar polos fieis defuntos, en san Benito do Rabiño, ás 5 da tarde.
Amablemente, don José Ramón Villar, o párroco, envíanos fotos da novena que está a usar aquí, por se nos interesa.
'Novena en sufragio por los difuntos', do reverendo José Fernández Lago, 1999.
Comentarios
Publicar un comentario