Neste ambiente íntimo e cotián conto presentar tres documentos que ofrezo como borradores, pendentes de revisión e mellora. Son tres ecos do pasado que se plasman en papel e deixan constancia dunha folla máis da historia do pobo. Os tres relacionados co santo e a súa devoción, con breves escritos que recollen o seu paso polos anos e a súa recepción contemporánea.
A idea é ofrecer unha copia tras a misa do xoves 29. Unha presentación breve e a entrega ao pobo, avisando que poden pedir máis copias e que se mandará tamén por redes. Tres borradores que calquera pode consultar, anotar e achegar melloras en vista a que o ano que vén confeccionemos un libriño coa novena do santo e os seus himnos.
Un borrador da novena
Con 18 páxinas, é o documento máis longo. Nel recollemos fotos do templo, das imaxes do patrón e a súa procesión polo pobo. Leva o texto completo do vello libro da novena e algunhas fotos do mesmo, publicado en Valladolid, 1889, máis textos actuais que reflicten datos do templo e a devoción hoxe.
Dous borradores dos himnos a san Xoán
En follas aparte, un borrador (dúas páxinas) recolle o actual himno a san Xoán, composto por dous sacerdotes, afillados do párroco e veciño de Louredo, don Esteban Viso Rodríguez. Ademais da letra e unha nota histórica, o principal é a introdución dunha partitura, obra do músico ourensán Juan Manuel Vázquez Vázquez, que o confeccionou tras escoitar varios vídeos do pobo cantándoo. Unha achega que por fin ve a luz, xa que o fixo en 2023 e porque fixa en papel a tradición oral, permitindo a súa execución a calquera músico.
O segundo borrador (dúas páxinas) faise eco do antigo himno, aquel que moitos nunca escoitamos, pero que algúns veciños lembraban e cuxa letra recuperamos tras consultar esas memorias e tres textos contemporáneos. Un foi unha entrevista con dona Mariña, de Os Veciños, outro foi a copia manuscrita de don Manuel, do Coutiño, a un libro de dona Paulina, da Tella, sendo o terceiro os Gozos que aparecen ao final da novena usada en Louredo. Ao comparalos, a conclusión provisional é que a base do mesmo son os Gozos, dos que se aproveitan todas as estrofas, pero deixaron fóra o estribillo, cambiándoo por outro. Queda, de momento, en enigma, o autor de tal cambio e da melodía, a época e o tempo que se usou.
Ecos que buscan réplica
Con estes borradores, a parroquia busca seguir a pista a máis historias relacionadas, a novos ecos que nos acheguen ao pasado e ás nosas xentes, ademais de compartir o atopado con outros pobos e lugares, especialmente se é san Xoán bautista o seu patrón. Animámosvos a recuperar os recordos dos maiores e deixalos por escrito, para seguir coñecendo e comparando memorias e documentos, actualizando o seu contido e reconectando xeracións.
Se queres saber máis, pega unha ollada ás seguintes ligazóns, que acompaño con recortes:
- Un álbum de Facebook dedicado en exclusiva á novena.
- Unha conta persoal de Instagram, con fotos, vídeos e historias de Louredo.
- A nota de prensa lanzada con motivo da natividade de san Xoán 2024.
Comentarios
Publicar un comentario