Festa do san Benito do inverno 2024

Nunha mañá para a que se anunciara calor e calima, o templo de san Benito do Rabiño abría portas cedo, ofertando unha misa cada hora, confesor dentro e un segundo no exterior, venta de píos recordos, amén duns poucos postos de doces e prantas. Todos os que pasamos nalgún momento das primeiras horas coincidimos na alta afluencia ó lugar, tendo en conta que estabamos a martes e non era festivo.



Prácticas ante a imaxe procesional

Das tres imaxes que tiven oportunidade de fotografar, a máis venerada é a que sairía en procesión a mediodía, antes da "misa grande". Permanentemente revestida de negro, con ampla vestidura, só mostra o rostro e as dúas mans. Serena face, mitrada, posta en andas, preto da porta pequena (lateral dereita), pasa moita xente cerca dela. Non sei se inda se acaricia o manto escuro, xa sexa ca man ou, mellor, cun pano que, a seguir, pásase pola pel. Este san Benito é venerado como curador de verrugas e enfermidades relacionadas ca pel, inda que non lle falta algún que outro milagre de maior sona, como aquel que levou a unha fiel mandar copia deste santo e levalo ata a madrileña poboación de Los Molinos. Por certo, tamén aquí saben dunha zona homónima, un pouco máis arriba do santuario, onde hai anos se aproveitaba a forza da auga nunhas construcións hoxe en ruínas.


Ademais de tocar o manto do patrono, tamén é costume facerse co aceite do santo, xa sexa en botella, botelliñas ou gasas impregnadas del. Bendise durante a novena e quen o leva, pasa un pouco del sobre a pel, pedindo a curación por intercesión do fundador benedictino. Non recordo o ano pasado, pero neste vin que tales gasas vendíanse no exterior do templo, nun cómodo formato monodose, precintado nunha bolsiña.

Ó lado, as imaxes do santo, estampas, rosarios, medallas, chaveiros... Volve chamarnos a atención que inda non haxa un libriño da novena á venda. E préciome de que en casa houbera quen o comprou hai anos e inda o conserve. Pregúntome se a día de hoxe se segue o mesmo formulario ou un actualizado.


A misa das once

Preside a misa das once, don Benito, cura que chama a atención pola calma ca que segue o ritual e predica, ademais da templada voz no canto. É un recoñecido músico. Usa a imaxe do camiño na homilía, unindo o esforzo e problemas cotiás no camiño da vida co esforzado camiño do santo cara Deus.

Comezou a homilía agradecendo a ocasión de estar con todos celebrando a festa do santo, cos que estaban alí, cos que quedaran en casa porque a enfermidade os limitaba e cos que pasaran á Casa do Pai, facendo especial recordo do anterior párroco, don Delmiro: Eles están facendo romería con nós. Benvidos aqueles que fixeron parte do camiño a pé. E nese recorrido simbolízase a vida, porque a vida de cada un de nós non deixa de ser un camiño que temos que facer día a día. Ás veces é un camiño incómodo, que se estreita; ás veces toca subir; ás veces o camiño está cheo de pedras e máncannos os pés; e tamén atopamos momentos para descansar. Aquí rezamos por nós e polos demais, como eles rezan por min, e así non me sinto solo. E recordamos a san Benito, que a súa vida segue sendo fonte de ánimo para moita xente. Facendo memoria del, foi desgranando unha serie de episodios da vida do santo, animando a imitalo hoxe.

Camiños para chegar

Moita xente chega en coche ata aquí e puidemos ver como unha dotación de Protección Civil guiaba o tráfico e estaba atenta a calquera necesidade. Argallaron un circuíto para axilizar o paso dos automóbiles, de modo que entrasen dende a zona da antiga escola, subisen ata o pé do templo e seguisen polo camiño da esquerda, onde este ano contruíron un aparcamento. De todo o espazo dispoñible, chamounos a atención cantos coches quedaran aparcados pola estrada.

Algúns viñeron a pé dende pobos máis ou menos cercanos, o cal fai recordar ós maiores como se chegaba dende Louredo, por exemplo. Nos días de novena e nas festas, don Esteban Viso Rodríguez, natural de Louredo e párroco que foi do Rabiño, baixaba co seu farol e algúns veciños, baixando polo Pazo, nun camiño que rodeaba as terras e a construción chamada A Granxa. Baixaban ata un sinxelo cruceiro, que inda hoxe segue no sitio, colocado nun curioso equilibrio sobre un rachado penedo. E, seguindo a corrente dun potente rego, seguían ata a igrexa. 


O humilladoiro

Precisamente, antes de chegar atoparían, como nos pasa hoxe, cun curioso monumento: un cruceiro protexido por un templete. Baixo a liña de tellas, en cada un dos seus catro lados hai unha pedra con inscricións, resultado a máis visible a que dá para unha casa e na que lemos RUEGA POR NOS. As dos outros tres lados xa teñen peor interpretación, pero semella que si, que hai algo escrito en cada unha das pedras centrais dos lados. 

Hai anos era un lugar cerrado por madeiras, onde se vendías os corpos de cera que logo se ofrendaban na igrexa. Hoxe en día pode verse o interior todo o ano, descubrindo no teito un xogo de medallóns e nervaduras como as do interior do presbiterio.


Información das fotos:

Todas saqueinas na mañá do 21 de marzo de 2024.

1. Igrexa de san Benito do Rabiño, ca tenda de recordos con eses toldos verdes da dereita. Na fachada chama a atención a torre cas campás, a imaxe do santo e as cruces que recordan as santas misións.

2. Reloxio de sol, 10:44

3. A igrexa por dentro, cos fieis esperando para a Misa das 11. Antes do presbiterio, no lado dereito, a imaxe procesional do patrono. Sabías que a novena ten o "nihil obstat" de 1916 e xa nela se fala dos dous días que hoxe se festexa?

4. Reloxo de sol, 10:53

5. Imaxes do san Benito, a que sae en procesión e ten maior atención devocional, e a do retablo maior, de expresión máis seria e concentrada.

6. Relicario, presente no altar durante o día de festa. 

7. Imaxe de san Benito na fachada do templo parroquial. Baixo dela, un ano 1863 (o último número non se ve tan claro como os outros).

8. Reloxo de sol,  11:48

9. Humilladoiro

10. Detalle do teito, pedra central, RUEGA POR NOS (do lado que se ve na foto anterior).

Comentarios