Nota ampliada sobre Pedradas para Nós (a Xente do Redor)

Os bos amigos de Orixe Publicidade pedíronme un novo artigo para a súa revista Nos, a Xente do Redor (a xente do mellor!! diranche). Pois eu aproveito para compartirvos aquí o borrador e amplialo cunhas fotos e notas, de modo que mellor descubrades a zona de Pedradas, Louredo.

Dende Galicia nomeada

Vamos darlle unha ollada a Galicia nomeada, que é unha plataforma na que colaboro esporadicamente e na que soio repasar o escrito para ilo pulindo e mellorando. Así, en consulta do 20/11/2023, referido a Pedradas como nome das terras, leo que puxen: Campos duns poucos propietarios, situados entre as casas do Outeiro - A Laxa e a Poza de Pedradas. Parte quedan para pasto, pero as máis cercanas ó Outeiro áranse e cultívanse: millo, patacas, horta, flores... Quero destacar a presenza de varias pedras talladas en época contemporánea (calaveras, guerreiros galaicos, un pote...) por un veciño autodidacta.

E sobre a zona de fonte-poza: Fonte de Pedradas; auga potable, moi valorada e usada polos veciños do Outeiro, Touza e Cazapedo. Unha ou dúas veces no ano hai que entrar na caseta e subir, ben agachado, ata o manancial, retirando as raíces das árbores, que o adoitan afogar. A auga vai dar á poza do mesmo nome.

Delimitando Pedradas e sinalando fitos de interese

Tras destas liñas, unha imaxe para situarnos. Collemos o visor do IGN (Instituto Geográfico Nacional), con foto dos voos PNOA e, sobre o mapa, sinalo uns puntos e lanzo unhas liñas para delimitar o lugar e saber por onde pisamos. Cos puntos amarelos sitúo as terras, poza e fonte de Pedradas. Cuns números sinalo fitos de interese que, debaixo da foto, nomeo, colocando ligazóns a fotos propias.

 

1. Figuras en pedra: rostro barbado horizontal, caveiras...

2. Guerreiros vixiantes, antropomorfos e animal.

3. Pote, pernas sen rematar, cavaleiro durminte.

4. A poza de Pedradas, nutrida ca auga da fonte.

5. Fonte de Pedradas.

6. Manancial secundario de Pedradas (auga directa á poza).

7. Barrio da Touza.

8. Barrio do Outeiro, núcleo singular sinalado no PXOM.

9. Barrio da Laxa.

10. Terras do Regueiro.

11. Terras da Xesteira.

 

Borrador para enviar á revista 'Nós, a Xente do Redor' (ampliado)

Eu sempre me admiro da capacidade que temos os humanos de dotar (ou descubrir, vai ti saber!) de trascendencia comportamentos, instantes ou obxetos do máis cotiá. Capacidade que vemos no uso de símbolos e na crenza de realidades que superan a material.

A min pásame cando vou ata a fonte de Pedradas, no pobo de Louredo. Unha sinxela fonte de marabillosa auga que nos refresca ós sedentos e dá vida ás terras da contorna. Fonte que precisa de atención dos veciños, xa que, unha ou dúas veces ó ano, hai que entrar ata o agochado manancial para limpalo. Medran as raíces das árbores e atúan o caudal…

Para chegar ata esas raíces, que hai que quitar e levar pa fóra, ou deixar nun recuncho, hai que porse a catro patas e arrastrarse dentro dun estreito pasadizo, ata o fondo. Non son moitos metros, pero entre o agobiante espazo, a falta de luz e a presenza de arañas (ollo á foto, con arañas gandes que coidan deses globos brancos), ademais do chau mollado, a limpeza faise algo difícil e tétrico.

Unha curiosidade que descubrín este ano foi a das pinturas, realizadas quizás polo usuario da Rede, Rafaeliux. Levou ó interior da caseta da fonte un pequeno reflexo do exterior e o mitolóxico, con figuras ben evocadoras. Como documento inédito, esta foto do 13/09/2023, da parede esquerda da caseta. Ese armazon, hai moito, soportaba unha "damajuana" cun pitorro dirixido cara o caudal. dicían algúns se non sería como un tratamento de potabilidade da auga, inda que a análise feita hai anos deu como resultado unha auga excelente para o consumo humano.

Pois ben, máis dunha vez que fun dende a casa materna ata a cantareira fonte, pasoume que me acordaba do que escribira Leonardo Boff en ‘Los sacramentos de la vida’. No segundo capítulo fala dun vello vaso familiar, que non chama a atención por nada en concreto, pero estivo presente en multitude de acontecementos familiares. Esa compaña faino depositario de algo que o fai trascender o seu ser un vaso. Ata a auga que se bebe del semella mellor. Pois ben, cando regresa o fillo que estivo no extranxeiro, o vaso ten importancia capital como obxeto que o reconecta ca familia. Del beberá, como fixeron todos en casa, e sentirá a unión co resto dos parentes e ca historia do fogar. 

O vaso xa non é un simple instrumento, converteuse nun sacramento capaz de “converter” a auga: Pero ningunha é coma esta. Bébese un vaso. E non para matar a sede corporal. Todas as outras augas matan esa sede. Si para matar a sede do arquetipo familiar, a sede dos penates paternos, a sede fraterna, arqueolóxica, das raíces de onde vén a savia da vida humana. Só o tanque pode matar esa sede. Bébese o primeiro vaso á présa. Remata cun longo suspiro, como de alguén que se afundiu e sobe á superficie. Despois bébese outro. Lentamente. É para degustar o misterio que contén e que significa ese vaso.

Algo semellante pasa ca auga de Pedradas, e non só con ela, senón co proceso de ir ata alí: comezando polo acto de coller a botella, pasear o camiño e pararse un intre ante o caudal, sempre fresco e cantarín.

Esta costume entronca ca historia de tantos outros que acuden á fonte e cos tempos nos que a auga non chegaba ás casas e tiñas que ila buscar. Tamén con vellos repartos da auga desa poza, pois as terras e os traballadores eran moitos e precisábase chegar a acordos para racionalizar o uso deste recurso natural tan preciado. Así o vemos neste documento que don Pepe (elexido alcalde do concello de Cortegada en 1956) conservou.

Un texto que o xoven doutor Rodrigo Pousa, de Ourense, transcribiu, e por eso o podemos traer aquí e lelo:

 

As pedras tocadas pola man do home

Pero non todo queda no pasado e o camiño que, dende O Cazapedo, O Outeiro ou A Touza, leva ata a fonte de Pedradas, é un camiño que coñece novas figuras e historia. Desta vez, figuras físicas, froito das mans activas e creativas dun veciño que, en tempos para nada mortos, foi atopando nas pedras dos muros as formas que soñaban e el trouxo á vida. Así, temos que confecionou un rostro barbado, en posición horizontal, dúas simpáticas e enxebres caveiras con referencias de traxe, colleita e gando, dous senlleiros vixiantes, un xabarín, figuras antropomorfas, un precioso pote, un cavaleiro defunto, unhas pernas sen rematar…

Son varios metros onde tes que ir con ollo para detectar estas e outras obras de arte e, para min, de coñecemento. Alomenos, dan para pensar. Porque ti ves os cranios sorrintes, pero o froito e a cabeza de vaca falan dos seus traballos; ves os soldados de redondo escudo e non podes por menos que relacionalos co xabarín e a defensa dos cultivos; ou pasas entre o defunto e o pote e daste conta do efímero da existencia e o precioso da comida cada día na mesa…

Xa digo, non sei se é que dotamos ou descubrimos un máis alá de significados e experiencias en cada pedra deste camiño polo máis acá. O que si sei é que paga a pena ir buscar a auga ata Pedradas e agardar alí un anaco, deixando que a natureza e as obras humanas falen para ti.

Auga da poza ata O Cazapedo

Inda que as augas da poza regan os terreos lindeiros, extenden a súa influencia ata máis alá da praza do Cazapedo. Inda que sexa só ata esta senlleira praza, vamos marcar sobre un mapa o percorrido dende Pedradas. Tende en conta que dende a reconstrución do camiño, hoxe cementado, con varias arquetas desde as que dirixir o caudal, hai varias saídas cara os terreos mesmos de Pedradas e logo xa temos un rego con unha pequena parte á vista e outra cuberta. Á altura do Outeiro colle pola Crespa adiante e descende con ganas desde alí ata O Cazapedo, pasando diante da casa do veterinario e da adega dos do Outeiro, seguindo cara A Pena. 

Veña, fago captura de visor do IGN, como ó principio, e marco o percorrido (liña azul). Captura do mapa fotográfico que sacou o voo do PNOA 2014.

 

Ei vai unha selección de fotos, comezando pola caseta da fonte. Vedes ese espazo cadrado do fondo? Por aí hai que meterse, ben agachadiño e a catro patas, para poder chegar ata o manancial e limpalo de raíces das árbores, que chegan a atuar o caudal.

 

A auga sae ó exterior polo cano e encharca na poza, podendo controlarse o rego das terras cercanas... e non tanto.









 

 

Este é o rego xa no Cazapedo, mais a auga segue camiño cara A Pena.
 




Comentarios