Situando A Canliña e O Baceliño, Louredo

Inda que sexa de xeito sinxelo, vamos situar dous lugares cercanos de Louredo, co barrio do Coutiño como referencia, con algunhas fotos e capturas. Coma sempre, calquera novo dato será MOI benvido. Daquí pasarei os resultados a Galicia nomeada.

Ambos topónimos estaban xa consignados en dous escritos, con bastantes anos de diferencia. Un veu da man de don Pepe, "o veterinario", que foi tamén alcalde de Cortegada, nomeado en 1956. Inda que o escrito é máis longo e está centrado en Louredo, recortei a parte final.

 

O segundo escrito é froito dunha conversa en casa, tomando notas apresuradas. Deixo copia.


Un detalle curioso dos dous sitios: teñen sendas casas grandes! Construcións que chaman a atención cando te achegas, casas co seu canastro ó pé, ambas con boas vistas do arredor.

Vistas as sinxelas bases documentais, pasamos ó concreto de cada lugar, con fotos actuais, de menos dun ano de antigüidade.

Primeiro, A Canliña. Unha zona pequena e alta situada entre A Tella e O Coutiño, cunha casa grande como referencia, lindante con terreos de escasa lonxitude e dispostos en sucalcos, con muros realizados en pedra e escaleiras integradas neles.

Traio a colación estas liñas de José R. Veiga Formigo e, a partir delas, sitúo o lugar do que fala sobre un mapa do IGN (Instituto Geográfico Nacional).

Non só iso, senón que compartirei dous escritos onde vemos varios topónimos (nomes de lugares) louredeses reunidos. E esto pa que? Para que vos animedes a nomear Louredo e compartir recordos e fotos del. Tendo esta información reunida, podemos despois pasala a plataformas como Galicia nomeada (da Xunta de Galicia e Real Academia Galega). Mellor que os investigadores dispoñan de varios testemuños que dun só.

Ei van as liñas prometidas ca foto onde localizo un dos topónimos de hoxe: A Canliña.

José R. Veiga Formigo:

Mis recuerdos son de la infancia y adolescencia. Era la casa de mis abuelos maternos y de las reuniones familiares inolvidables. Su situación es antes de llegar a Fonte da tella, a mano izquierda en un alto. Desde su balcón yo me sentaba a leer las aventuras del Capitán Trueno, y más adelante, y con otra edad, Los Gozos y las Sombras etc..



 

O segundo, O Baceliño, con preciosas vistas do outro lado do pobo, parte do barrio do Coutiño (ollo a estes nomes e ó cerca que están, como sinalei na foto anterior, e canto diminutivo utilizado). Nesta zona situou o PXOM do concello de Cortegada unha "casa grande". Por desgraza, denomínana como "do Cazapedo", cando tan topónimo inda se atopa a uns cantos metros de distancia. Mal menor sería dicirlle "do Coutiño".

Así queda descrita na ficha patrimonial: Edificio de planta rectangular de grandes dimensións, muros portantes de perpiaños/cachotería de granito á vista, dúas alturas e cuberta a catro augas con cubrición de tella plana. En contraposición a fachada posterior, lisa e sen vans na planta terrea, na principal destaca a presenza dun corredor e nas laterais balcóns voados con varandas de ferro

O código do elemento é o 6-15, a localización en plano é EX-03 e a clasificación do solo denomínase Solo de Núcleo Rural Histórico. Aparece na páxina 16 desde PDF.

 


 

Durante un tempo non tiven seguro cal era esa casa grande, pero o detalle das ventás, que a seguir vos comparto nunha foto, decantou a conclusión como que era esta, hoxe denominada "da Olguita", que foi anteriormente do Ramón, "o sacristán" e que, grande como é, foi máis dunha vivenda e cun máis dun dono. Póñovos a publicación que fixen en facebook o ano pasado e despois recollo uns poucos comentarios que foron tecendo parte da historia da casa.

 



 

 

 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 


 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Remato con algunhas fotos actuais da contorna de ámbolos dous lugares. E espero os vosos aportes!

 

 A CANLIÑA

 



 

Son as tres fotos da zona alta, ca única casa da zona. Se nos quedamos na estrada, póndonos de frente, ca Canliña ás costas O Pazo e O Campo de frente, e ollamos cara un lado e outro temos...

... á esquerda, A Tella, con ese letreiro que cada vez que alguén coloca ben colocado, outro vai e pono como se ve na foto, mirando para onde non é!

... e pa dereita, O Coutiño. Tamén O Baceliño, que se ve moi ben a parte alta da casa grande (esquerda da foto). Enfilas "todo tieso" e chegas ó Cazapedo.

 

O BACELIÑO

 





 

Comentarios