Cambios na ficha de Galicia nomeada sobre os cruceiros da Alfarrapa

Veño de revisar un par de fichas que redactei hai tempo para Galicia nomeada. Este servicio de toponimia, man a man entre a Xunta, a Real Academia Galega e cantos queiran aportar o que saben, permite ir editando información sobre canta cousa poida nomearse na nosa terriña: pobos, barrios, montes, monumentos... Cada ficha permite añadir topónimo, audio do mesmo, fotos, descrición e documentos relacionados. E poden consultar cada unha dende o buscador ou sobre o mapa.

Louredo xa ten un feixe de topónimos colocados e mellor ou peor descritos. Así que revisar o que hai para actualizalo ou melloralo é un traballo sempre de agradecer e co que comprometerse. Iso fago hoxe, mentres sube a temperatura deste abafante "veranillo de san Miguel", centrándome nas dúas entradas sobre os cruceiros da Alfarrapa. Paso a mellorar a redacción e recolocar un dos punteiros de xeolocalización, para que non interfira con outra (no Pireiro).

Como non, calquera idea ou dato será benvido. 

Imos alá!

Restos do cruceiro da Alfarrapa, presentes nun muro da viña do Pireiro.

O que está agora:


A proposta:

Restos do vello cruceiro da Alfarrapa. Este cruceiro caeu por un accidente cun carro de bois. Recolléronse os anacos e puxéronse aquí, na que era a viña do cura (veciño e párroco de Louredo, don Esteban Viso Rodríguez). Non chegou a refacerse, senón que outro veciño, don Juan Míguez, ofreceuse a pagar e traballar un novo cruceiro, o que se ve hoxe na Alfarrapa. O mesmo home que construíu o do Tabolado. Estes anacos revisten grande interese porque serían os do cruceiro máis antigo de Louredo e son os únicos con imaxinería: Cristo na cruz, ós pés a Virxe e san Xoán, xunto cunha caveira. Actualmente, o cruceiro máis antigo sería o da Torre, sen autor coñecido e modelo dos da Alfarrapa e Tabolado. Actualmente, estes restos son moi visibles nun cruce da zona do Pireiro. Por aquí pasa un roteiro (Terras de Cortegada) entre Louredo e Meréns, que comeza metros atrás, na praza do Tabolado, onda a antiga escola do pobo, hoxe centro social. Mantéñense limpos gracias ós donos da viña, que teñen o terreo cultivado e o muro sen silvas nin herba.

O actual cruceiro da Alfarrapa, tal como aparece hoxe na entrada de Galicia nomeada:

 

A proposta persoal:

O vello cruceiro da Alfarrapa caeu por mor dun carro que chocou con el. O párroco, don Esteban Viso Rodríguez, decidiu por os restos no muro da súa viña e restauralo. Nunca pasou tal. Levantouse un novo cruceiro. Os restos están ben visibles no muro da viña do Pireiro, enfronte dun cruce de camiños, así que poden visitarse e fotografar con toda facilidade. Incluso, unha rota de sendeirismo transcorre ó seu lado (Louredo-Meréns). Estes anacos son o testemuño máis antigo dun cruceiro en Louredo. É un modelo único no pobo. Dispuña das imaxes do Crucificado, no alto, ós pés da cruz estaban dúas imaxes: San Xoán e a Virxe. Acompañábaas unha caveira. Digo que é único porque os cruceiros que viñeron despois son todos moi parecidos entre eles, sen imaxe algunha. O actual cruceiro da Alfarrapa é contemporáneo do situado no cruce de Refexón e O Tabolado. O seu autor foi don Juan Míguez Domínguez, de ambos. E modelo que seguíu é o da Torre, o cruceiro máis antigo de Louredo en pé. Cunha pedra como base, semienterrada (haberá máis chanzos baixo a terra dos desmontes?), o varal é octogonal, así como os dous brazos da cruz, sen imaxes nin inscripcións. Accédese facilmente dende o cruceiro da Telleira, situado a poucos metros, polo camiño da Alfarrapa, que chega ata Louredo e non sempre está ben coidado. Hai anos si, cando se cultivaban e limpaban esas terras (abandonadas nos 90, debido ás desfeitas do xabarín).

Comentarios