Borrador para revista Nós, outubro 2023

A cinza de vellos papeis… (Título)

… enche de laios o meu maxín. E é que un non pode por menos que lamentar o mal que tratamos os vellos papeis de casa. Se fosen doutros ou os atopasen en museos ou arquivos de renome, verías ti se os valoraban ou como se puñan a falar marabillas deles. Pero, claro, que importancia van ter esas enrugadas follas que gardan os maiores nalgúns caixóns de casa? Que me van contar esas memorias avellentadas polo paso do tempo e as mans que as manexaron?

Eu penso que moito, pois son ecos dun pasado, quizás, non moi lonxano e que sitúa as nosas orixes en coordenadas concretas. Que mágoa cando se produce unha morte dun familiar e se desmantela a súa biblioteca ou se queiman e tiran as súas pertenzas en papel. Di ti que se hai herdanza por medio ou líos familiares ben se vai buscar ata o recuncho máis agochado e infame! Pero, se non, quen libra a ese arquivo de recordos da destrución a mans dos seres amados?

Os vellos papeis de casa falan dun tempo onde se repartía a auga de determinados mananciais, porque non chegaba pa todos nin tódalas terras; da receita do licor café, que tanto presta na sobremesa da festa do patrón do pobo; son as cartas e postais escritas dende o extranxeiro, cando as familias botaban meses ou anos sen verse; son as escrituras das propiedades que hoxe se malvenden, pero onte costaban un capital.

Gracias a vellos papeis podemos hoxe documentar algúns topónimos de Louredo, porque resulta que que fora alcalde de Cortegada e veterinario, don Pepe, escribíu unhas notas sobre o pobo, mentres que seu fillo, José Manuel, os conservou e compartiunos. Tamén, cos mesmos protagonistas, podemos coñecer parte da historia da estrada que chega ata o pobo e o conecta con outra de maior importancia. E que non contarían aqueles que redactara o penúltimo sacristán de Remuíño, que ademais de levar adiante o coro e dirixilo, tomara notas de cultura popular, marcando lugares con historia. Estes inda andarán pola casa dos herdeiros, pero outros xa nunca os poderemos recuperar, como os de don Esteban Viso, que foi cura de Louredo, amén de fillo do pobo. Que mágoa saber que a súa marabillosa biblioteca foi desmembrada e parte ardeu porque lle prenderon lume! E entre aquelas cinzas non voarían as notas do actual himno do patrón parroquial?

Dá gusto ver como hoxe hai investigadores que nos redescubren os tesouros agochados en vellos escritos e ata se dixitalizan moitos deles. Unha ollada a servizos como Galiciana fannos revalorizar o que podemos descubrir nunha tarde calquera na casa dos maiores. De feito, por que non nos paramos un pouco a sacalos á luz e conservalos para o futuro?

Compártovos uns cantos do arquivo familiar de don Pepe, “o veterinario”.


 

 

 

 

 

 

1. Himno a san Xoán de Louredo

Porque se segue cantando no pobo cada día de festa (24 de xuño e 29 de agosto) que, se non, perderíase a letra do himno do patrón parroquial e, o peor de todo, que non teríamos unha versión definida. Ollade, estas dúas follas conteñen dúas versións diferentes do mesmo himno. Nin coinciden plenamente entre elas nin ca letra actual! Pero serían un bo testemuño de que existiu.


 

2. Lista de veciños

Mágoa que non sabemos a data deste censo, pero é un recordo precioso por dous detalles: pola lista de veciños, que os maiores poden hoxe sitúar como seus pais e avós, e pola toponimia do pobo, deixando constancia do nome dos lugares habitados. Sabiades que algún deses topónimos eu nunca o escoitara?


 

3. Notas históricas

Non temos data nin motivo destas liñas, pero si que estaban destinadas a publicarse, ou por escrito ou en forma de pregón. Recorto un anaco, onde mira cara o pasado, pero tamén po seu tempo (finais dos 50?). No mesmo escrito xa di que desapareceron costumes nos seus últimos 40 anos, porén que poderiamos dicir nós hoxe? E alguén tomaría sequera un sinxelo apunte, como esta folla, para gardalos en escrita memoria?

 


 

 

Félix Álvarez Rodríguez

sxlouredo.blogspot.com



Comentarios