Borrador 110 anos de historia calada (para Xente do redor)

110 anos de calada historia

Por Félix Álvarez Rodríguez (sxlouredo.blogspot.com)

A pasada festa da natividade de san Xoán en Louredo deume para facer memoria e compartirvos estas liñas. A parroquia identifícase co pobo e a festa reviste xa sentido secular. De feito, durante tal celebración foi cando se inaugurou o templo, en 1913. Daquelas, tras varios anos de obras e arranxos, puido o pobo entrar na nova igrexa, a actual, levando varias imaxes de santos e o Santo Sacramento. A tradición popular di que dúas das imaxes foron o san Xoán que sae en procesión e unha santiña á que lle din santa Isabel, pero que resulta ser a Virxe María.

Louredo na prensa

Varios periódicos se fixeron eco da nova construción, resaltando a crónica de La Región, que contén toda unha serie de datos que non aparecen noutros. Así, recolle o programa das festas: ata catro días de festexo onde relixioso e profano se dan a man para mostrar a ledicia pola nova igrexa; o nome do sacerdote que, con tantos esforzos, levou adiante a obra: don Constantino Rodríguez Fernández; e queda constancia da data: festa de san Xoán. Tamén, en recorte de 1923, dá conta do noveno aniversario da morte do sacerdote, o que fala da boa memoria que deixou e do pouco tempo que puido desfrutar da nova edificación.

Por complementar e presentar a noticia máis repetida, dicir que en El Progreso, a finais do mes de xullo de 1913, recollíase a finalización das obras parroquiais, dábase a cifra de 20.000 pesetas e 6 anos de obras, a inauguración e o feliz dato de que non se rexistraran feridos durante a construción.

Datas a plena vista e agochadas: elementos centenarios

Non temos atopado ningunha data gravada nas pedras da igrexa, pero si hai unha que se repite dúas veces nas portas dos Diestros: 1923. A mesma data que inda se ve na campá “grande”. Os Diestros son o terreo que rodea a igrexa, delimitado por un muro baixo de boa pedra do país, cunha parte horizontal, diante do templo, que serve como banco para sentarse. A espadana ten dous ocos, cada un para a súa campá. A “pequena” seica era do mesmo 1923, pero rachou e tiveron que refundila, acción que realizou a fundición Malingre, en Ourense, en 1953 (o mesmo ano que fundíu a estatua do bispo Nájera, inda hoxe visible no claustro do Seminario Maior).

2023: a oportunidade do século

Con estas datas na mente, queda preguntar ós maiores e buscar documentos que desenferruxen a memoria do pobo e animen a curiosos e investigadores achegarse a coñecelo. 2023 pode converterse inda na oportunidade do século!

Comentarios