Louredo 30/05/2023 Tocou embotellar

En Louredo hai quen segue consultando as fases da Lúa e olla cara o ceo, interpretando o tempo como fasto ou nefasto para unha serie de actividades. Tamén hai quen apenas fai caso do estado de calquera de ambos, ou presta só atención ó segundo. 

No primeiro caso temos unha serie de traballos que se procuran realizar “ca Lúa” (entendemos esta expresión referida a unha das súas fases, considerada propicia), de modo que se establece unha relación acorde, de simpatía, entre o estado e a labor. Así, o menguante é moi socorrido, pois considérase axeitado para sementar, arar, podar (sobre todo, as cepas) e realizar trafegas de viño ou embotellar.

Considera o esforzado labrego que a forza da Lúa minguante recóllese e axudará a que as cepas non sangren tanto ou que as raíces e sementes afondarán debidamente. Algunha vez o apuntei anteriormente:


O crecente relaciónase ca expansión da forza vexetal polas ramas e o crecemento destas en contraposición ós froitos. En xeral, o campo mira e ten máis en conta o minguante e relaciona con el a maioría de actividades. 

Comenta o sacerdote Enrique Bande en Religiosidad, creencias y prácticas vitales del campesinado gallego. Cuadernos De Estudios Gallegos, 44(109), 301–324. https://doi.org/10.3989/ceg.1997.v44.i109.225


O traballo que toca hoxe é o de embotellar o viño do ano pasado. Durante estes meses estivo contido nunha grande cuba de madeira, foi analizado cada pouco por unha enóloga e revisado polo dono. Agora toca metelo en botellas que, gardadas nun lugar fresco e escuro, protexerán mellor o precioso caldo tinto. E digo tinto porque branco este ano non se embotella. 


Que se busca para elexir o mellor día? Basicamente, 3 elementos: Lúa minguante, día claro, axuda familiar. A Lúa minguante porque se cre que o viño debe estar limpo e calquera impureza quedar no fondo da cuba. De boas, xa leva limpo unha tempada, pero se quedou algún elemento, este debe repousar, sen quedar na superficie ou sumerxido en suspensión. Lúa minguante relaciónase co viño en calma e co fondo limpo ou repousado, sen mezcla co caldo. 

Día claro, porque claro se quere o viño, como acabo de reseñar. Curiosamente, esto aplícase especialmente ó viño branco. Segundo está o ceo, o tempo do día, así estará o viño. Se é tinto como que non se nota tanto, pero o branco si. Por eso, a menos que a necesidade aprete, búscase un día claro. Os días nubrados, de chuvia e tormenta considéranse nefastos, en orde ascendente de peligrosidade. Se o tempo está revolto, así se espera que esté o viño. Por desgraza, este ano cuadrou tempo inestable, mañá nublada e avisos de alerta amarela por tormenta. Ata néboa tivemos.

Finalmente, debido á complexidade da tarefa, búscase a compaña familiar, de modo que o embotellado flúa e ocupe o menos tempo posible.

Para saber as fases da Lúa úsase un calendario, que mesmo pode ser o típico que se colga da parede que un con información específica, como a presente no taco calendario do Sagrado Corazón. Po tempo, tírase da tele e da experiencia observando os ceos. Este 30 de maio non cadraron ben as condicións fastas, pero había que embotellar para non deixalo para tarde. Inténtase facer sempre durante a primavera, antes do verán. 

Nun escrito de hai un ano, xa recollía estas crenzas, así:


Co beneplácito da enóloga e contando con familiares, disponse a adega. Ademais de ter o instrumental limpo, procúrase colocar a man as botellas que se encherán durante o proceso. Tamén hai que colocar ben o lugar de descanso, de modo que estea limpo, aireado e con algunhas madeiras preto, ademais dunha lixeira cama de herba seca para que as botellas do fondo non toquen o chan.

Comentarios