Louredo 29/04/2023

Xa pasou a festa de san Benito do inverno, que se celebra no inicio da primavera, e xa o cuco cantou en Louredo e vimos a bubela pasar rauda preto. Pola contorna temos a referencia de que son paxaros que chegan canda a festa do santo abade. Concretamente, do cuco dise que vén canda o san Benito e con el marcha, ou deixa de cantar. Unha referencia ás dúas celebracións: o do inverno e o do verán, cas datas do 21 de marzo e o 11 de xullo. Liturxicamente, só a segunda se contempla para a Igrexa universal, pero no Rabiño, como noutros lugares, celébranse as dúas, precedidas dos nove días co rezo da novena e Misa. 

Tralas abondosas chuvias do inverno chegaron días de calor, inda que o louredés sabe que as mañás inda agochan máis dunha posible xeada. De todas, vólvense ós traballos da terra, mondando os tacos, arando leiras, preparando invernadoiros e sementando, ademais da cava das viñas. Nas últimas semanas de inverno realízase esta de forma profunda, pois está cerca a aparición de herbas, o xermolar das moitas sementes que durmen no chan. Non solemos usar venenos e alí seguen ano tras ano, por eso esta cava é fonda, intentando remover a terra e deixar o que xa comezou a medrar cas raíces fóra.

 


De todas, xa contamos que ca chegada dalgunha chuvia e a acción solar van a vir moitas herbas, cas súas belas flores de primavera, como vemos nesta foto de hoxe.

 


Boa mañanciña quedou pa dar a primeira man de sulfato. Precisamente, hai un ano, tamén se estaba a dar aquí, no Pireiro, a primeira da tempada.  

 


Hai 8 días foi a arada, hai 21 a sementeira das patacas, e nesta tempada o taco foi collendo forma e vexetais (cebolas, leituga, tomates), cavamos a viña,...

De boca de miña nai souben que tal día coma hoxe, festa de san Pedro mártir, a Ribadavia iba xente dalí e pobos cercanos, ata de Meréns (de Louredo non sabemos que fosen), levando herbas e pans para bendicir. En Louredo non había costume de ir alá nin de celebralo aquí. Pero facíase o seguinte: escollíanse unhas ramas benditas no Domingo de Ramos e íbanse poñer nalgunhas fincas, pedindo boa colleita. 

Os ramos en Louredo tiñan procedencia diversa, pero estaban confecionados principalmente de oliveira e loureiro. Sobre este último conta don Pepe, o veterinario, nun escrito sen datar, que coñezo gracias ó seu fillo, José Manuel, que mo descubríu e que comparto en parte.

 

Na epacta actual, a solemnidade de san Pedro de Verona, mártir, no día corrente, redúcese ás Canarias, pero en Ribadavia segue o costume de festexalo.

 

Nun grupo de Facebook obtiven datos que dan fe das verbas de miña nai e aportan algo a maiores.

 



Comentarios