San Benito do inverno 2023

San Benito do inverno 2023

Comezou a primavera e dende O Rabiño invitáronnos a celebrar o san Benito, o san Benito do inverno! O patrón parroquial coñece dúas festas: esta, o 21 de marzo, e a do 11 de xullo (seguindo o santoral da contorna: despois da de san Xoán de Louredo e antes da santa Mariña de Soutelo e o Santiago de Cortegada). 

 

Unha celebración mantida dende antigo

Se buscades esta festa na epacta non a ides atopar referenciada á Igrexa universal, mais si para os benedictinos. Imos ver. No calendario particular, ó fondo.

Si a atopamos nunha moderna versión do Misal Romano de Pío V, o que se usa para "a Misa de espaldas", unha brevísima referencia.

 


E tamén a vemos no calendario que colocaron cara o final do enigmático e belo Codex Gigas, tamén coñecido como Biblia do Demo, polo enorme demo que atopamos ilustrado e a lenda da súa confeción por el, por mandado dun monxe. Recorto a versión en liña da Biblioteca do Congreso USA.

 


Como fin desta coleccionciña de calendarios litúrxicos, comparto esta foto que saquei hai anos dentro da mesma igrexa do santo abade. Alí hai, ou estaba colocado daquela, un vello misal latino, onde podiamos consultar estas rúbricas no día da súa morte (vai na composición con dúas imaxes do santo: sobre a porta maior e no retablo maior da súa igrexa do Rabiño).

 


No calendario da Igrexa universal non aparece como celebración para todos, pero aquí e noutras parroquias inda se recorda e únese á si recoñecida do 21 de xullo. O cambio produciuse despois do Vaticano II e a reforma do calendario litúrxico. Moitas parroquias que tiñan ó santo de patrono fan como no Rabiño: celebrar a de antes e a actual. O 21 de marzo quedou a celebración restrinxida ós benedictinos e a do 11 de xullo é a proposta para a Igrexa universal, co grado de memoria. O 1 de xaneiro de 1970 entrou en vigor o calendario renovado, que acollía cambios que se pedían dende o Vaticano II, pero que xa coñecía petición de reforma dende mediados do s. XVIII. Sabías que a festa de san Benito do 21 de marzo xa a quería cambiar de data Benedicto XIV? E non era a única. Alomenos, era o que tiña en mente a comisión deste papa para renovar o rezo da época. Con Pablo VI xa se fai realidade. 

 


Que festa ou memoria se recolle nesta data, pois? A da súa morte. Para a fe cristiá católica é a do "dies natalis", o día do nacemento ó Ceo, xa que se fai referencia ó paso á outra vida, a experiencia do primeiro Novísimo, o abandono do corpo por parte da alma inmortal. 

Así podemos ler a morte do santo, profetizada e dada a coñecer antes, nunha moderna tradución de 2005. A responsable foi a irmá Ana María Santángelo (Abadía de Santa Escolástica, Victoria, Buenos Aires, Argentina) e a fonte foi o Libro II dos Diálogos de san Gregorio Magno. O bispo dedícalle todo o Libro II ó santo abade e inda algúns capítulos do III e IV.

 


 O 9 de abril de 2008, o Papa Benedicto XVI facía esta referencia á data da morte do santo abade:

San Benito do inverno 2023 

Xeralmente, nove días antes da festa celébranse dúas misas diarias, co rezo da novena en cada unha delas. Unha vella versión dela marca o ano 1916 como o da publicación. Dirixida por un laico, ten a curiosidade que a deprecación final realízase de tal modo que lector e pobo unan voces para declamala.



A maiores, hai tempo para a bendición do aceite de san Benito e para unha celebración de Unción de enfermos. Descoñezo se inda se segue pasando xunto á imaxe do santo para tocar o seu negro manto ou pasar por el un paño limpo e branco, que despois se pasa pola cara ou unha zona afectada da pel, pois é santo abogoso das enfermidades do órgano máis grande que temos.

Como é tradicional na zona, comézase cedo cas Misas e estas soen celebrarse cada hora, contando mentres con confesor no interior do templo e venta de varios produtos de devoción no exterior: exvotos de cera, aceite bendecido, medallas... Aquí vai mostra do comprado este ano. Non sei os usos actuais, pero hai anos, o aceite do santo solía consumirse lentamente nas "mariposas" que se encendían ante a súa imaxe doméstica. E había quen levaba un litro del ata a igrexa e, en troques, collía a mesma cantidade del xa bendecido. 

Xeralmente, os presidentes do santo sacrificio son curas dos arredores, pero ten vido o bispo e outros invitados para a misa maior, trala procesión das doce. 

A mediodía comeza a procesión, que levan, nos últimos anos, homes dunha cofradía de Ribadavia. Saen ciriales e a cruz abrindo camiño, seguidos da imaxe procesional do santo, cos sacerdotes e pobo detrás, ademais dos músicos. Unha volta dan, comezando na porta maior, pasando ata o Humilladoiro e regresando ó templo.

 


Eu cheguei para a misa das once, presidida por don Benito, que animou ó pobo a cantar e levantar as mans a Deus "ata onde a reuma o permita". Ca súa voz cadenciosa e calma, durante a predicación foi recordando a entrega e fe dos devanceiros, de san Benito, e mostrando como inda hoxe pode ter beneficiosos efectos entre crentes e descreídos. Non quedou en consideracións espirituais, senón que baixou a accións concretas que poidan manifestar a fe interior hoxe, actos que alegren a quen máis cerca teñamos. 

As imaxes do santo na igrexa do Rabiño e na casa dos fieis

A imaxe procesional é do máis sinxelo que hai, a pesar do cuberta que vai, con ese hábito negro, ribeteado de dourado, rematado e coronado cunha mitra. Ó santiño ata lle cubren a cabeza, quedando o rostro enmarcado pola vestimenta. Sen embargo, a imaxe non é máis que un armazón, mans e cabeza. Esa é a máis coñecida e publicitada, sobre todo en fotos de redes sociais e estampas. Pero non é a única

Podiamos sinalar a serena beleza da que está sobre a porta maior,visible todo o ano, policromada, con báculo na man dereita e o libro da Regla aberto na esquerda. Unha mitra queda no chan, baixo a man que agarra o báculo, mentres un negro corvo cun pan no peteiro queda ó ladiño do pé adiantado do santo, baixo o libro aberto. 


 

Outra imaxe do santo patrono é a presente no medio do retablo maior. Esta cambia a postura respecto da procesional e da fachada. Aquí aparece lendo o libro, quizais nun acto de maxisterio para quen o queira escoitar. sacando esa actitude, os atributos son os mesmos e colocado igual que na fachada (non distinguín se estaba tamén cun pé adiantado, inda que a sensación é de ter os pés firmes e á mesma altura). O hábito segue a ser negro, pero aquí xa está ribeteado de dourado, detalle que contrasta ca esforzada e austera vida e vestimenta do histórico.

 

 

 

 

Quedaría por recoller a existencia doutras imaxes, estas xa modernas e moi extendidas entre a veciñanza. É que dende  hai anos véñense vendendo unhas figuras do santo, traídas de Portugal. En diferentes alturas, aparece o santo abade cunha preciosa cariña sorrinte, sereno e concentrado, co báculo na man (ambos desmontables do corpo) e un libro aberto onde lemos unha frase, en portugués, que desexa bendición para o fiel. En moitas casas atoparedes unha, como a que meus pais teñen, aquí cunha vella edición da novena (que, por certo, este ano non vin á venda).

Comentarios