Louredo dende o ceo, febreiro 2023

Máis dunha vez teño etiquetado publicación co cancelo #GaliciaNomeada e teño dito que é bo "lugar" onde pornos a escribir os topónimos que coñezamos, ademais de meterlle descrición e fotos. Este precioso proxecto (unha realidade en marcha con boa saúde!) veu da man da Xunta de Galicia e a Real Academia Galega. Ademais dos datos institucionais, de diversas fontes, nós convertémonos en protagonistas ó aportar os nosos. Datos que outros poden correxir  e ampliar. Eu intento publicar primeiro en redes e despois volcalos a Galicia Nomeada. Hai anos que penso que é unha boa liña de traballo, inda que se revelou de escasísimo froito. De todas, por que non seguir un pouco máis? Así é que me animo a recoller aquí as próximas fotos e notas que teño en mente para incorporar, pero antes póñovolas para que lle dedes unha ollada e vos animedes a melloralas con comentarios ou material propio.

O mapiña vaise enchendo de topónimos, ás veces só co nome e outras con notas, descricións, fotos e ata documentos. É unha realidade viva na que podemos participar, xa sexa dende o móbil (mediante app), xa dende a páxina web (na que hai que rexistrarse).

 

 

Louredo non só aparece así de ben documentado no concello de Cortegada, senón que leva meses (anos?) nun podium moi particular: o de fichas consultadas. A igrexa de san Xoán de Louredo é a 5ª ficha máis consultada! Esto levoume a varias revisións e novos aportes recentes. Ademais, este 2023 ben paga a pena volver a visitala e redescubrila, pois cúmplense 110 anos da súa inauguración, 100 anos das campás e outros 100 do peche de pedra dos Diestros!


 


Non é o único exemplo onde reflexar que Louredo "sae no mapa". Outro lugar onde van caendo máis e máis datos do pobo é en OpenStreetMap, unha páxina onde colaboramos moitos para mapear os lugares que coñecemos, compartindo a información segundo mellor podemos. Non só hai opción de marcar lugares, barrios, camiños (ata a dirección para percorrelos) ou puntos de interese, senón que existe unha sección onde deixar constancia de máis datos, seguindo un estilo de bitácora ou diario.

 


As posibilidades de documentación son amplísimas e supoñen un paso adiante ó mapa de Galicia Nomeada, inda que a parte gráfica inda non a controlo, cousa que os da RAG teñen ben disposta e de acceso instantáneo.

A terceira ollada a mapas seguro que é a máis coñecida e popular, pero é da que menos opcións ten: Google Maps. Como lles interesa máis a localización de negocios e lugares de interés ou culto, as posibilidades de documentar Louredo redúcense, pero non por iso deixei de aportar nel. O que inda non probei é a configurar e compartir mapas personalizados...

 


Queda po final, pero é dos mapas que máis valoro, a pesares de non telo actualizado: Flickr. Esta rede social céntrase en fotografías que podes describir con amplitude, organizar e compartir en distintos espazos. Ata podías crear o teu e dotalo dunha sección de debate, como un foro. Unha vez subes unha foto podes xeolocalizala nun mapa ou ir buscando nese mesmo mapa quen máis fotografiou o lugar. Unha marabilla! O Mapa que usan é o de OpenStreet ;-)

 


Para facerse unha idea da distribución do pobo e familiarizarnos con boa parte dos topónimos máis usados co anterior xa temos moito adiantado, pero hai que baixar, verdade? Podiamos concretar máis, achegarnos ás rúas e lugares, distinguir o patrimonio local. E unha forma ben sinxela de facelo, ademais de actual, é a de coñecer o precioso proxecto de don Miguel Menacho García: percorre os pobos do Ribeiro co seu dron e comparte as fotos por internet. Recentemente, en febreiro 2023, voou sobre Louredo en dúas ocasións. 

Nun primeiro paso para dar a coñecer tal acontecemento, compartín por Facebook os froitos destas visitas. Nun segundo, púxenme a comentar as fotos, marcando varios lugares de interés, nomeando uns e dando máis datos doutros. Un terceiro paso ben pode ser unha serie de entradas nas que volvamos sobre as fotos, as comparta e comente con maior amplitude, ademais de aportar fotos miñas recentes. E non só iso, senón que teño varios documentos e notas que suporán novidades respecto do publicado ata agora. Unha vez publicada cada entrada e compartida en redes, agardarei un tempo e pasarei o material novo a calquera dos mapas expostos ó inicio.

De momento, a polas fotos. Sigo a orde de publicación cando trouxen o material de Miguel ó meu muro de Facebook.

Primeiro, a foto compartida polo autor.

 

E a miña proposta que, orixinalmente, non dispuña de ligazóns, pero agora añado para maior entretemento e composición de lugares.


1. Igrexa parroquial de san Xoán de Louredo, pertencente ó arciprestado de Ribadavia dende 2013, inaugurada o 24 de xuño de 1913.

2. Fachada onde atopamos a porta maior, con dúas cruces recordo de santa misión. No alto, a espadaña acolle dúas campás. Colocadas en orixe no 1923, unha delas foi refundida e recolocada en 1953.

3. Frecha pintada que apunta cara a porta lateral. Apenas se ve. Din que marca a partir de onde pagou a obra o pobo.

4. Contemporáneo palco da música.

5. Os Diestros, delimitados por un peche baixo de pedra.

6. As portas do peche, onde vemos gravado o ano de 1923, mesmo ano que as campás. A porta situada na esquerda da foto dá po Regueiro e a da dereita pa Torre.

7. Terras do Regueiro.

8. Barrio da Torre. Por el pasa a procesión do san Xoán, camiño á Pena e Cazapedo.

 

Algo que podemos ampliar brevemente:

A igrexa de san Xoán bautista. Gracias ós recortes da prensa e unha carta publicada no Boletín do Bispado podemos datala con precisión: foi inaugurada na festa de san Xoán de 1913, así que este ano vai cumplir 110 anos de historia. As breves referencias dos periódicos que puiden consultar lévannos ás dificultades á hora de empezar a obras, facer unhas reparacións extraordinarias e á festa que por fin se puido disfrutar tras seis anos, como pouco, de construción. Quedaba pequena a igrexa do barrio de Louredo? Xa estaba ruinosa e pensouse nun novo templo en lugar de arreglar o vello?

No lateral lemos un deses recortes: El Progreso  semanario independiente Ano VII Número 1081 - 1913 xullo 30.


Mágoa que non consultasen fontes coma estas para datar debidamente o templo na ficha patrimonial do PXOM. Podemos coller a descrición e compartila, pero a datación no s. XVIII está errada. Recorto:



E podemos recuperar esta sinxela composición que fixen con foto, nova da prensa e carta do cura fundador.


Por desgraza tampouco se informaron para a ficha patrimonial do Plan Autonómico Básico, onde nin hai descrición e chegan a situar un cemiterio ó lado dela. Cemiterio non temos, que está a igrexa rodeada polas terras do Regueiro, pero ese lugar que marcan como camposanto resulta ser unha leira xeitosa dunha familia que non vive no pobo, pero cuxo dono (daquelas, que inda non hai tanto), chegara a comentar que ou seguía con ela en propiedade ou pasaría po pobo sempre que se destinase a lugar de repouso eterno... de leira, segue. Onde está o cemiterio parroquial? No Rabiño, rodeando o templo de san Benito. E esto é así porque eramos parroquia anexa daquela. Da igrexa vella houbo quen dixo recordar que se deron enterramentos dentro dela e que o último fora un veciño do pobo da Raíña, sendo esto algo curioso, porque ese pobiño queda máis preto do cemiterio de san Martiño de Zaparín

 


 

Sexa como for, Louredo pertenceu a san Benito, sendo a inicios de século (pasado) parte do arciprestado do Pao, a mediados do de Cortegada e hoxe en día (dende 2013) do arciprestado de Ribadavia.

Recorte lateral:

La Región  diario independiente, de intereses generales, de noticias y avisos Ano V Número 1242 - 1914 marzo 14

 

 

Recorte inferior:

Boletín Oficial de la Diócesis de Orense - Ano LXXIII Num. 1639 (10_10_1905)

 

 

 

O peche dos Diestros, realizado en pedra, quedou finiquitado en 1923, que é a mesma data que atopamos na campá "grande" (seica a "pequena" era do mesmo ano, pero tiveron que refundila, no Malingre, en 1953) e tamén o mesmo ano dunha sinxela reixa de ferro do balcón dunha adega no Cazapedo

 

 

O 1923 dos Diestros aparece nas dúas portas de peche, mellor dito, nas xambas graníticas, unha das cales dá para O Regueiro e a outra pa Torre.



Por estas portas pasa a procesión na festa do nacemento do Precursor, san Xoán bautista, patrón de Louredo. Cantando ou acompañados por música, a feligresía sae por esta porta (xusto enriba destas liñas), baixa a parte alta do barrio da Torre e soe parar case á altura do cruceiro da Torre. Alí rézase. A procesión continúa, pasando diante da Molinera, edificio onde se colocou o primeiro muíño eléctrico do pobo, o cal supuxo cartos pa unha familia e descanso para moitas, xa que podía un quedar no pobo e non tiña que baixar a moer o grau ó Inquiau, ós muíños movidos polas augas do Arnoia, no seu paso por Remuíño.

Primeiro vai o incensario, seguido de cruz e farois, despois o santo patrono, na imaxe que seica trouxeron da vella igrexa de Louredo, despois sacerdote, músicos e pobo. A imaxe porta dous exvotos que representan a todos: un racimo de uvas e un milleiro, recordo dos traballos da terra e os seus froitos, que tanto alimentaron e inda moven o noso pobo. 

E segue a procesión, curvando na Pena, alí onde antes estivo o cruceiro recén pasado, alí onde chega un caminiño dende O Regueiro e alí onde inda hai quen di que chegou un grupo de fregueses co cura (don Esteban Viso Rodríguez?) a rezar unha rogativa. A memoria detense, pero non o corpo, que si o fai na praza do Cazapedo. Volta a rezar brevemente.

 


 


Aquí celebrouse tantos anos a festa, aquí se poxaron terras e bens, aquí se colgaban os dous zamarucos no tempo do Entroido... E volven os procesionantes a enfilar cara o templo, pasando o Regueiro e dando unha volta en torno á igrexa

 


Ó mellor xa apenas hai quen se fixe, mais queda alí, diante do palco da música, unha frecha de cor vermella pintada, unha marca seica pa dicir a partir de onde pagou o pobo o novo templo. A frecha esvaécese e a memoria parece seguirlle os pasos.


Por sorte e pequenos esforzos, a memoria, unha pequena parte dela, vai quedando fixada gracias a investigacións, conversas e escritos, ínfimas cristalizacións da tradición oral do pobo. Eso dá lugar a sorpresas e iniciativas que deixan unha pegada para o futuro. Así, se o 2023 segue dando oportunidades, poderiamos ofrecer a todos unha primeira edición impresa da novena para os fregueses. Ata o de agora é un texto que se le na igrexa e que vai calando na memoria do pobo, pero ninguén ten unha copia na súa casa. Ben, case ninguén, realmente. Mentres que libriños como os das novenas a san Benito ou a santa Mariña chegan a moitos fogares, a do patrón non se ten ofrecido. Este ano poden cambiar as tornas. E facelo cunha preciosa sorpresa: a primeira edición impresa con partitura do himno ó patrono. Dise que foi composto por dous sacerdotes, afillados de don Esteban, cura e veciño do pobo. Ata agora non coñezo máis texto que dous manuscritos do arquivo persoal de don Pepe (un ca letra actual e outro con variantes), un meu, garabateado durante unha conversa nos Veciños ca tía Marina e o que usan os do coro. Ningún con partitura. Esto solucionouse gracias ó bo facer de Juan Manuel Vázquez Vázquez (Nocturno, vocalista de Xerión), que sacou a partitura escoitando dous vídeos que puiden gravar en dúas festas do santo. Aquí queda un anaquiño como regalo inédito e promesa de máis.

 

 


 

Comentarios