Louredo dende o ceo, febreiro 2023 (II)

É unha gozada poder desfrutar das vistas do pobo dende un lugar privilexiado, como é o ceo. O pobo foi recentemente sobrevoado polo dron de Miguel Menacho, o cal nos ofrece unha ollada única sobre o pobo. Ata o de agora, que eu saiba, é o segundo voo dun dron sobre Louredo. O primeiro foi de José Manuel, fillo de don Pepe e dona Gloria, que o lanzou dende o Cazapedo. Dalí saíron varias fotos e un vídeo que, moi amablemente, me pasou. Agora, gracias á visita en febreiro de 2023 de Miguel, podemos volver ollar Louredo dende o ceo.

Para min é unha oportunidade marabillosa para dar a coñecer o pobo de novo, buscar novos documentos, historias e fotos, e lanzarvos estas liñas que, ogallá, houbera quen respondera, comentara e mellorase con amplitude. Eu, de momento, non ceso de facer a invitación, consciente dos meus límites.

Como punto de saída imos tomar as fotos desde o dron de Miguel, recordando as de José Manuel. GRACIÑAS ós dous!


Esta é a foto elexida de Miguel, que completarei cunha perspectiva diferente da de José Manuel. A seguir, a ilustración da primeira elexida, cuns aportes que aquí ampliarei.

 

 
 

Como son os máis grandes, dicir que 10 e 9 fan referencia a dous barrios: o de Louredo (10) e O Outeiriño (9), que se distinguen polo camiño que pasa diante da vella igrexa de san Xoán (6).

1. A funeraria do señor Juan. Non sei como iría a cousa, pero semella casa particular na que gardar algúns ataúdes para cando se precisen no pobo... Quedará algún no baixo?...

2. As Hortiñas, entre o barrio de Louredo e as terras do Regueiro. Hai tacos (hortas), parra de kiwis, cepas...



3. O camiño asfaltado, vía para coche, que aquí conecta O Regueiro con Louredo e curva cando chega á vella igrexa (6). Se segues alí pa dereita segues por Louredo e vas dar ó Tabolado. Se tiras da esquerda entras no Outeiriño (9). Sube, que te levo e vemos os zamarucos deste pasado Entroido.




4. A un lado do 4, dereita, "gichamos" parte da fonte e lavadoiro de Louredo. Do lado esquerdo do 4 atopamos unha pociña, que recibe auga do anterior. Este manancial rega os tacos da contorna e a auga non se considera potable.

5. A Eira dos Menores. Na ladeira do alto de Louredo, este tramo é chairo. Unha laxa granítica delimita o lugar, xunto ó camiño. A un paso, un pombal oculto pola vexetación. Sitio bonito, mirador magnífico do pobo. Seica ata aquí puido chegar algunha procesión para rezar ou bendecir os campos. Inda hai pouco, entereime que antes lle dicían ó sitio As Tecedeiras.

6. A vella igrexa de san Xoán. Desacralizada, ca espadaña tirada na parte traseira, dunha sola porta, vendida no primeiro cuarto do pasado século. Falaban se non tería enterramentos no seu interior e de que o último fora dun veciño da Raíña, pobo cercano a Piñón.

 

Na ficha patrimonial do PXOM localízana no Outeiriño e caaaaaaaase acertan, pois onde está é no barrio de Louredo, inda que do Outeiriño queda a uns poucos metros, pois o barrio podemos dicir que se entra nel ó cruzar o camiño asfaltado. De todas, anotamos outra corrección ás fichas institucionais.

 

 

Di a descrición: Edificio de planta rectangular, muros portantes de cahotería de granito á vista, cuberta a dúas augas e cubrición de tella plana. Fachada de esquema pentagonal onde destaca a ausencia da espadana, da que só se conserva a base con cornixa moldurada.

 

 

Ben, pois apuntamos outro erro, xa que a espadana está onda a igrexiña, só que tirada na parte traseira, entre herbas. E parece completa ou case.

 




 

 

 

7. Peto de ánimas de Louredo. Inda que perdeu varios elementos (pináculos superiores, peto de esmola e reixa frontal), segue sendo un chamativo elemento de boa pedra. As desgastadas figuras mostran un anxiño (cabeza e ás) no medio da Virxe do Carme e santo Antonio de Padua, unha fila superior de ánimas, unha delas agarrando á Virxe, e unha fila inferior de pacientes purgantes.

De cando en cando recibe unha visita que lle pon flores de plástico ou cirios eléctricos. Fóra desto e algunha limpeza (ó lado sempre medra unha potente hortensia) non lle coñezo outro rito, como non sexa algunha oración persoal ou ofrecerlles o traballo do día se pasas diante.

8. A escola da obra pía, levantada gracias a un donante indiano. Hoxe en ruínas. Despois dela veu a escola do Tabolado (hoxe local social).


Aparece así descrita na ficha patrimonial do PXOM:


 

Aproveito unha nova confluencia de fotos, con perspectivas diferentes e amplitude non coincidente, pero é que se apoian e complementan, se as ollamos con calma, non si? Dirixímonos á zona do Cazapedo.

Foi así recollida por José M. e eu creo que ata se lle ve debaixo dun toldo verde, na casa dos pais!!

 

Esta foto comenteina cunha serie de aportacións cercanas, que aquí vos comparto sen máis. Un feixe de ligazóns para descubrir o mesmo terreo e os arredores a pé de rúa.

ZONA 1

- Mirando cara O Regueiro - Os Diestros, ca igrexa (https://cutt.ly/uYSKRP3) resaltando: https://cutt.ly/sYSKcFr Véxase toponimizado: https://cutt.ly/FYSLw4v
- Separación entre casa e bodega, con ollada ó local social do Tabolado ó fondo: https://cutt.ly/UYSKBVK
- Nova perspectiva, á dereita desta foto: https://cutt.ly/RYSK1sq
- Regato: https://cutt.ly/vYSK3RT
- Contraste: a chuvia do fondo, as escuras presenzas das casas enmarcando: https://cutt.ly/JYSLl0r
- Solpor: https://cutt.ly/EYSLcE9
- Os zamarucos, figura enxebre do entroido local: https://cutt.ly/1YSLTy0
- Vídeo, da Tella ata O Cazapedo, pasando polo Coutiño: https://cutt.ly/xYSLIwN
- Vídeo, saíndo do Cazapedo ó Tabolado, pasando pola Torre, O Outeiriño e Os Veciños: https://youtu.be/V6uEtwhtOOc

ZONA 2

- Reloxio de sol, ¿o único de Louredo? https://cutt.ly/AYS5skq - https://cutt.ly/0YS5CDg
- Balcóns e portas, con detalles de iniciais e datas: https://cutt.ly/tYS5YSO
- Procesión de san Xoán: https://cutt.ly/qYS6bpE
- Detalles marabillosos: https://cutt.ly/hYS6JkX
- Balcóns: https://cutt.ly/EYDqoYP
- Se segues polo camiño adiante: https://cutt.ly/YYS6MSy

ZONA 3

- Canella grande, vivenda en ruínas, lateral: https://cutt.ly/pYDiJsd - De frente: https://cutt.ly/BYDovKp - Lateral, mirando cara a praza e casa de don Pepe: https://cutt.ly/yYDoYC4 - Lateral, detalle de porta: https://cutt.ly/GYDoH5o - Lateral, detalle de ventá: https://cutt.ly/HYDoNik
- Día de festa, bailes no Cazapedo, grupo Elios, de Bembribe, Vigo: https://cutt.ly/9YDor6v
- Vídeo, do Outeiro ó Cazapedo, baizando pola canella grande: https://youtu.be/NnSqYSPRZR8

ZONA 4

- Casa da señora Xaviera, zona neurálxica o día da festa, propiedade do Benitiño: https://cutt.ly/aYDdrL4
- Iluminación e ruínas, ano 2020: https://cutt.ly/yYDdL5H
- Iluminación 2021: https://cutt.ly/gYDfiKq
- Ollada xeral, desde o aire, da zona: https://cutt.ly/fYDdMAs
- Cruceiro, privado: https://cutt.ly/0YDd7oI

E dende o dron de Miguel?

 

Esta foto tamén a ilustrei con algunhas aportacións, das que recollo aquí o texto e amplío.

1. Confluencia O Outeiro - A Laxa. Nela podes coller cara arriba-esquerda e subes ata A Laxa, onde casas, garaxe e galiñeiro foron construídos sobre penedos que sobresaen do chan, con bonitas vistas da contorna; para arriba-dereita e chegas ó Outeiro, cas pedras traballadas por Rafa; para abaixo-dereita, collendo po Regueiro e Os Diestros ou Louredo; pa esquerda, ca estrada chaira ata que comezas a baixar po Cazapedo.

2. O Outeiro, sinalado no PXOM de Cortegada como núcleo singular do pobo. 

A foto inferior tampouco é que estes ben escollida, pois xa mostra adegas e casas que máis son do Cazapedo que do Outeiro. A ver algunha fotiño dende a zona de Pedradas, pois a superior da ficha foi tirada dende O Regueiro.


 

E visto dende A Touza:

 
  

3. A Touza, enfrente do Outeiro.


4. O Campo da Raíña, leira a monte delimitada por muro baixo. Atopámola ó pasar A Touza e queda na confluencia de camiños cara a Viña dos cotos e a Chan da Pereira e Casal de Busteiro.

5. Casal de Busteiro, cos seus campos e viñas, cuxa parte superior dá co Chan de Pereira, montes onde atopamos un agochado lavadeiro (no seu momento tivo pociña e ata un pequeno muíño de auga!) Cara a dereita comezan as terras de leira e monte da Tella.

6. A Praza do Cazapedo, único lugar do pobo sinalado con plaza (na casa de don Pepe e dona Gloria, a nadiña dunha pintada que pon "Pueblo de Louredo"). Lugar que tivo bastante importancia, xa que foi centro neurálxico á hora de celebrar festas (inda non hai tantos anos) ou reunións, como a poxa de terras. Houbo tenda no lugar. Alí estaba a casa da señora Xabiera (hoxe, do Benitiño), a quen escoitaban falar a veces soa e dicían que vía espíritos. Casa onde se almacenaba viño e comida pa festa do san Xoán bautista. Unha reixa metálica do balcón da adega que inda se hoxe se usa, ten o ano de 1923, co cal cumple os seus primeiros 100 anos de existencia.

7. Barrio do Coutiño. No PXOM sinalaron unha casa na zona alta como casa grande, pero tamén hai outra ben xeitosa na parte baixa, con preciosas vistas as dúas.

8. Barrio da Tella, o primeiro que atopas se baixas dende A Buratiña (topónimo recollido polo padre Sarmiento no seu paso por Louredo cara Refoxos, 1745) ou se subes dende A Telleira, Soutelo. Tivo unha pequena granxa. Ten fonte con lavadeiro e poza.

9. A Pena. Por aquí podes baixar ata A Pena do Campo, O Campo, Poza da Lama, Os Aráns... Hai anos estaba na zona o cruceiro da Torre, hoxe situado uns metros máis adiante, ó pasar A Molinera (que se ve un nadiña na foto, esquina dereita fondo). Lugar onde vemos sobresaír, como pasa na Laxa, redondeadas pedras graníticas do chan.

Velaquí terras do Campo vistas dende o barrio homónimo. Na parte alta vemos casas do Outeiriño, A Torre, a espadana da igrexa, A Pena... 



Postos no camiño que vai do campo ata A Alfarrapa, a media distancia atopamos a xeitosa leira dos Aráns, onda ese poste de electricidade. As árbores están no lugar chamado Abeleira e o peto de silvas sería o Lameiro dos Aráns. En Catastro só ficharon o nome dos Aráns na parte superior e A Abeleira toda a inferior. Inda non hai tantos anos que se traballaban ben estas terras e nos Aráns arabamos e sementabamos millo. Nun anaquiño de terra tiñamos varias vimbieiras (nesta época seguen a usalos vimbios para a rodriga nas viñas). As casas do fondo son do barrio do Pazo.
 

 



Ás costas desta foto queda un lugar que eu non coñecía ou que xa non me sonaba: a Pena da Misa, un caminiño empinado que conecta esta entrada ós Aráns co camiño que sube ata A Pena. Atallo que non se hoxe é practicable, xa que semella que a parte máis baixa queda demasiado alta como para chegar ata este camiño. Será a herba ou que caeu parte do atallo ou que o camiño agora é máis baixo?

 

 

Esta é a parte inferior.


E na parte superior vese perfectamente delimitado o camiño de baixada-subida.

 

Pena é un topónimo que se repite bastante en poucos metros: esta Pena da Misa, A Pena que é o barrio que está na cima do lugar, A Costa da Pena, que é un camiño de baixada cara O Campo e A Poza da Lama e A Pena do Campo, un conxunto de grandes rochas. Nunha delas, ó pé do camiño, descubriu meu irmán dúas coviñas e quédanos a dúbida de se son naturais ou de factura humana.

Aquí van en detalle.



Comentarios