Paseos gravados por Louredo (I)

A inicios de 2023, o pobo de Louredo conta con 69 vídeos nunha lista de reprodución de Youtube. Esta proposta é a que vou aproveitar para dar a coñecer parte do pobo con fragmentos de vídeos gravados dende coches, a pé e ata cun dron. As datas son variadas e hai anos de diferencias entre eles. Non hai edición, nin comentarios nin efectos, só material en bruto, de calidade desigual e sin máis arte que buscar a maneira de levar a cámara do mellor modo posible durante un instante. Non hai plan nin concerto e si lugares que se repiten e outros ós que non se chegou. De todos modos, deixan un testemuño moi sinxelo e dinámico de Louredo, conformando un sinxelísimo arquivo que se pode aproveitar para recorrer o pobo, con gravacións desde coche, dron, a pé ou dende un balcón, coma este do Cazapedo.


Como, polo ponto, non teño nin arte nin formación para realizar algo xeitoso e atractivo, aproveito estes fragmentos para conformar varias rotas, complementando as imaxes en movemento con textos e fotografías xa publicadas. Que dá tempo a implementar material inédito? Pois agardo a publicar este escrito e vouno compartindo. Total, por moito que teña xa publicado de Louredo, moitísimo máis queda por rexistrar. Por desgraza, non vexo que ninguén se puxera a elo. Eu, ata o de agora, non seguín plans nin perfeccionei técnica algunha, de modo que todo o que fun pondo tiña o interese do gancho: unha imaxe, un escrito, un vídeo minimamente contextualizado ou descrito que dese pé a comentarios e outras aportacións. De aí que publicase en redes e tivese tempadas nas que chamaba moito a atención, mediante cancelos, mencións, publicacións compartidas en diferentes grupos... Pouco froito deu aquelo e, dende hai uns meses, os cancelos deixaron de aparecer, compartir en grupos case o deixei e as explicacións soen reducirse á mención da toponimia do lugar fotografado e pouco máis. Coller agora estes vídeos e complementalos con material escrito e fotográfico ben pode tomarse coma un último aporte antes dun descanso e, por que non?, un cambio de perspectiva e estilo á hora de presentar Louredo nas redes. Mentres, quedamos con sinxelos vídeos coma este, que contempla Louredo dende O Cazapedo a pé de estrada.


Como escribín ó principio, os vídeos vounos tomar dunha lista persoal de Youtube, onde case tódolos vídeos, menos un par, son meus. Hai máis material noutras redes, case todo meu tamén, entre directos, reels e publicacións varias. Collo esta lista pola facilidade de acceso e consulta. Se teño tempo e ganas, como levo feito anteriormente, no mesmo texto colarei un bo feixe de ligazóns a publicacións de distintas fontes, que me teñan como autor. Non renego do que outros foron colgando, pero si considero ter a colección máis ampla e completa e gusto de poder seguir presentándoa e compartíndoa. Nesta mesma bitácora veredes que teño posto material doutros e seguro que inda argallo novas entradas con olladas desde outras miradas que non foron a miña. Unha vez máis, a idea é compoñer unha vista desde diferentes perspectivas e datas, xerar liñas de confluencia onde poidamos compartir datos e non se escoite (ou lea) unha sola versión. Imaxinade que poderían os deste OVNI, digooooo, os da EEI.


Veña, veña, xa foi, así que imos comezar por unhas imaxes relaxantes. Uns instantes escoitando caer a auga da fonte de Pedradas é unha marabillosa experiencia. Auga potable moi estimada polos veciños do Outeiro, A Touza e O Cazapedo. O mesmo chanzo que axuda a entrar na caseta do manancial ben serve de pousadoiro das cargas do día. Un ben pode sentar alí e relaxarse escoitando...

 

Louredo, un pobo situado nun dos altos do concello de Cortegada, parroquia de san Xoán, do arciprestado de Ribadavia (dende a última reforma, a de 2013). Con poboación minguante,a súa tradición oral é rica en historias da guerra, do contrabando e de feitos máis ou menos recentes. Por desgraza, poucos hai que a vaian pondo por escrito e a compartan a nivel global. Que non ten interese? Eu opino distinto, pois hai dous públicos potencialmente interesados: a xente que non está no pobo, mais ten ganas de seguir sabendo del, e o mozos, que poden consultar nun medio que lles é natural a historia que quizás non teñan interés en preguntar ós maiores.

Imos darlle unha ollada xeral ó pobo. Non hai mellor maneira que facelo dende o aire. Gracias a José Manuel Pérez podemos obtela, pois fixo un vídeo dende dron. Que eu saiba o único voo publicado. Unha forma preciosa de pasear polo pobo, antes de baixar a camiños e estradas.


A praza do Cazapedo, que vemos en parte nos primeiros segundos, é un lugar de paso ben coñecido. Foi no seu momento un centro neurálxico relacionado ca festa e o encontro. Celebrábase o san Xoán e tamén a venda de terras. Hoxe parece que se reduce a ser lugar de aparcamento e lugar de espera polos coches-tenda que inda nos visitan. Pero unha ollada calma descúbrenos a sinxela beleza dos ferros dos balcóns das casas, a feitura traballada e ruinosa dun pequeno traballo de carpinteiro e as pedras reutilizadas que amosan formas hoxe sen función. A xente aparca o coche no Cazapedo ou séntase un intre nos bancos da casa do veterinario ou no da adega dos do Outeiro. E non se esquecer do reloxo de sol!

O barrido a partires do minuto e vinte danos unha impresión xeral do pobo, mentres que a partires do minuto dous xa pouco novo temos que ver, pois céntranse as imaxes nos arredores da praza. No seu momento, nun intento de reunir o material disperso, fixen este mapiña para ver a cantidade de fotos, cuns poucos datos, do Cazapedo e arredores. Se queres descubrir o contido deses números, clica AQUÍ.


Unha ollada darredor con maior calma e calidade, mais con menos estabilidade e menor altura, foi o que puiden realizar dende o campanario da igrexa parroquial de san Xoán de Louredo, arciprestado de Ribadavia (dende 2013, anteriormente de Cortegada, que desapareceu). O patrono é o Bautista, cuxa festa se celebra o 24 de xuño, 6 meses antes do Nadal, con novena os días anteriores. Algunha vez celebrouse o martirio, en agosto, incluso con novena. Xeralmente, nestes anos, celébrase misa nesa data. O templo foi inaugurada o 24 de xuño de 1913, despois de varios anos de concursos desertos e obras (en prensa hai novas desde 1904). Sabías que a súa novena ten alomenos tres edicións distintas, de lugares e épocas diferentes? Pola zona é única. E sabiades que o himno ó santo foi composto por dous curas, afillados do párroco don Esteban Viso Rodríguez, onde se cita o nome de Louredo? Pois, veña, despois das curiosidades, imos ver que vistas temos dende a espadana. 

 

 

Por certo, que este 2023 é un ano especial para as campás, pois foron fundidas en 1923, tal como lemos na "grande". Un segundiño, se foi no 23, por que a "pequena" ten marca de 1953? Porque rachou, non sonaba ben e mandaron refundida! así marca o ano 53. Reconstruída na fundición ourensá do Malingre, no mesmo lugar e ano que se confeccionou a estatua en bronce do bispo Nájera, inda presente no claustro do Seminario Maior de Ourense. 100 anos de campás!! Así como 100 anos do peche en pedra dos Diestros. 110 anos se queremos recordar a inauguración da igrexa parroquial. A escoitar como soan hoxe en día, dende Os Veciños. 

Ó mellor por hoxe é suficiente. Bo momento para deterse e tomar conciencia de que isto iba ser un resume de paseos polo pobo, pero quedouse nunha escolma de olladas á lontananza, guichando camiños que inda non percorremos... Ben, pois quedou a promesa sen cumplir, haberá que recoller os paseos nunha próxima achega...

 


Comentarios