Notas sobre O Pireiro II

Facendo repaso de textos e fotos xa publicados noutro lugar, vou ver de completar a anterior entrada sobre O Pireiro. Estamos no pobo de Louredo, concello de Cortegada, e O Pireiro é un deses lugares magníficos para o cultivo da uva, pois recibe o sol matinal e a media tarde comeza a estar en sombra.

Desta vez imos descubrir algúns traballos realizados na viña, ademais dalgún detalle patrimonial. Precisamente, por este comezo.

O CRUCEIRO DA ALFARRAPA NO PIREIRO

Situados na beira dun muro dunha viña, no lugar do Pireiro, estes anacos dun vello cruceiro son o testemuño máis antigo dun cruceiro en Louredo. Este situábase na Alfarrapa, preto da Telleira, e é un modelo único no pobo. Dispuña das imaxes do Crucificado, no alto, por riba dunha caveira, ós pés da cruz, onde estaban dúas imaxes máis: san Xoán e a Virxe. Digo que é único porque os cruceiros que viñeron despois son todos moi parecidos entre eles, sen imaxe algunha.


Este vello cruceiro caeu por mor dun carro que chocou con el, segundo unha versión, ou foi derribado por algúns republicanos en datas cercanas ó alzamento nacional, segundo outra fonte. O párroco, don Esteban, decidíu por os restos no muro da súa viña, ben visibles, e restauralo. Nunca pasou tal. Levantouse un novo cruceiro. Os restos están ben visibles no muro da antiga viña de don Esteban, enfronte dun cruce de camiños, así que poden visitarse e fotografar con toda facilidade.

AS CEPAS TRAS DA VENDIMA

Que belas as viñas nestas primeiras semanas do outono, antes que as follas murchen e caian. Os maiores falan deste tempo, mirando pas cepas vendimadas, e din dúas frases que, na súa disparidade, marabillosamente se complementan, reflectindo dúas perspectivas sincrónicas.

Dun lado: mira as cepas, quedaron descansadas de cargar cos fillos (os racimos); e doutro: quedan as cepas soliñas e tristes.


A PODA

Un traballo típico de novembro na viña: a poda. Co menguante, se o tempo o permite, faise a poda. Moitas mañás frías, a veces con néboa, podando e xuntando as vides. Faise un lumiño para quentar as mans, con frouma seca e vides do ano pasado. As deste ano iranse recollendo e xuntando. O mesmo vimbio que se usa pa rodriga tamén serve para facer os monllos de vides. Hai anos, se o frío e a néboa apretaban, inda podía ir un ata onda o poteiro, falar un pouco, ver caer a augardente e quentarse ó lume.

O mes de novembro tamén é propicio para abrir gabias e enchelas de estrume.

GABIAS ABERTAS

No tempo de outono, xunto ca poda, toca alimentar a terra, ver que cepas hai que quitar e repoñer, abrir gabias e enchelas de estrume. Coma esta, do sucalco do fondo da viña do Pireiro.

Hai anos non era cousa tan sinxela, pois houbo épocas nas que os montes estaban limpos e o estrume escaseaba. O gando campaba polos montes, a maior parte das terras traballábanse para as casas (consumo humano e animal) e pouco fento se vía. Actualmente, ó contrario. Montes ocupando vellos sucalcos e leiras, poucas limpas, moito toxo e fento, corta de árbores sen limpeza e repoboación, montes perdidos...

Mais o traballo e a materia están aí para quen as traballa e a viña pode beneficiarse do estrume de sempre e, se o dono o considera, do añadido de minerais.

UNHA CAVA EN NOVEMBRO

Por poñer unha data, dicir que o 17 de novembro do 2021 tocou cavar no Pireiro. Menos mal que estaba boa tarde, soleada, sen vento, e a terra tiña o punto perfecto para meterlle a cavadora sen esforzo.

Vai ela sola, fozando na terra, levantando uns cantos centrímetros e tirando adiante. O terreo está húmido, pesado, fácil de traballar. As néboas matinais e o rocío pousan nel a auga suficiente para darlle esta textura maleable. Dígase o mesmo para cando se traballa, abrindo unha gabia, á que se vota unha xeitosa cantidade de estrume, cun toque de mineral.


Cávase nesta tempada para sacar malas herbas. Non profundizamos moito, porque non interesa, senón que a cavada é superficial, chapodando herbas. Algunhas teñen raíces profundas e non sempre saen de todo. Outras botaron tanta semente que acabas con elas, pero despois medran os vástagos. Hainas que están tan preto das cepas que pasas de largo, deixándoas para cando teñas un sacho e tempo para ir unha por unha. Leva máis, mais preferimos facelo así que usar velenos. Algún ano, pode, pero xeralmente, ó tradicional e pausado.

En Louredo, no campo en xeral, sempre hai algo que facer, xa nas terras, xa nas casas. Esto tocou onte pola tarde, mentres papá iba adiante ca poda.

RODRIGA

6 de maio de 2017, san Xoán de Louredo, na viña do Pireiro (tamén denominada, daquelas, viña do cura). Pouco se aprecia, así que fixádevos na estaca e como está atada con vimbio groso. En san Xoán de Louredo, nesta viña do Pireiro, e en outras do pobo, inda se ata ó tradicional: con vimbios.


Prepáranse en casa, xúntanse en monllos, procurando un mesmo grosor, lévanse pra viña e despois podes cargalos no cinto, de modo que os tes a man, deixando estas libres para traballar.

8 de marzo de 2021, ollada ós vimbios da rodriga, tanto nunha cepa do Pireiro coma na parra do Outeiro.

Por aquí temos un dito: "áteme quen queira, pero que me pode quen sepa". Algo de razón ten, porque podar supón maior complexidade que a ata, ademais que traballas a cepa doutra maneira (tes que cortar, cuidar que non "chore" na primavera, desinfectar ben a ferramenta...). Para atar ("rodrigar" lle dicimos) tamén hai que saber, pero é máis intuitivo o proceso que o de poda: tes que vixiar para onde dirixes as ramas, por onde querer recolleitar as uvas na vendima, calcular espacio nos arames. A rodriga faise cos vimbios delgados, mentres que as estacas afiánzanse cos grosos.

LIMPEZA DA VIÑA

En momentos coma este, cando repasas toda a viña, entre poda e abrir gabias, aprovéitase para renovar cepas. Alomenos, para retirar as vellas. Dependendo do tempo que teñas, déixalas no sitio ou xa as vas xuntando. O importante agora é a poda.

Cando se remata si que se xuntan todas, igual que as vides. Estas en monllos, que se deixan a secar e serven para queimar polo ano adiante; ou nunhas medas, ás que se lles prende lume nunha mañá fría.


As cepas amontónanse en sitio seco e dan pons lumiños xeitosos, calmos, que o mesmo arden na lareira, que na cociña de leña. Algunhas quedan ó aire libre e son colonizadas por flora e fauna, en diverso orde.

A limpeza da viña é fundamental para un paso seguro por ela, sen obstáculos, xa para humanos como para maquinaria.

UNHA NOVA CAVA EN MARZO

A viña coñece varias cavas, espaciadas no tempo e de diferentes profundidades. A que ves aquí é máis profunda e minuciosa que a do mes de novembro. As necesidades da terra e o desexo do viticultor difiren, segundo o tempo cambia. Ben revolta a terra, afondando, cando se achega a primavera e máis superficial e rápida segundo o mandan os fríos outonais.

Búscase que as herbas que medran volvan ó reino subterráneo, servindo de alimento ás vides, única especie privilexiada. As gabias escavadas e despexadas de malas herbas ándanse mellor, as cepas son máis fáciles de coidar e controlar. Ás veces, en zonas seleccionadas e de forma moi concreta, plántanse algunhas hortalizas “domésticas”, cando non é o caso de que xerminan soas, xa que a súa semente quedou agochada na terra doutros anos; mesmo poden vir no esterco: algunha pataca solta, unhas cebolas ou allos, grelos, melóns ou sandías.


Hai ocasións nas que a terra pide comida e, entón, o esforzado louredés únese ó sacho e abre un burato que ten que encher con materia vexetal recollida no monte: toxos, fentos, herba, á que lle pode engadir esterco ou mineral, incluso vides. Noutros tempos eran traballos que chegaron a incluír a tarefa de retirar pedras, xa que nunca se chegaran a certas profundidades.

NOTA PARA REMATAR

A fotos desta entrada foron publicadas no meu álbum do pobo en Facebook e as ligazóns do texto corresponden ó complementario de Flickr.

Comentarios