Notas sobre a arada en Louredo

Foto do 21 de abril de 2018.

Unha vez limpa a superficie do campo, colócanse varias medas de esterco e esparéxense ou reúnen, a gusto, os restos vexetais da limpeza primeira. Co arado ábrense os diferentes surcos, removendo a terra e introducindo o esterco e a materia vexetal da superficie baixo terra. Cando se remata a arada hai que delimitar o espazo das regas, polos que circulará a auga, e as liñas de plantación ou sementado. É de máxima importancia fixarse e coñecer ben o terreo, de modo que os regos e liñas de sementeira queden ben colocados e a auga flúa con toda naturalidade, da cima ó fondo do terreo.

Arada e sementa do millo son dous momentos que se procuran realizar na mesma mañá, baixo a fase menguante da lúa


Durante a arada do 21 de abril de 2018.

A terra, libre de plantas e herba, prepárase, colocando esterco a determinadas distancias. Cando todo está listo, pasa o arado, abre un suco e arrástrase o esterco ó mesmo. Unha nova pasada do arado péchao e abre o seguinte.

O sábado 24 de abril de 2021 quedou moi boa mañá para arar. Este ano, como o pasado, con certas limitacións, pero con ganas. Era un traballo que requiría de familia e veciños, que se axilizou moito coa introdución de maquinaria.

O tractor vai abrindo regos na terra e a función dos traballadores é a de "apicañar": achairar o terreo arado. Arrastran ó fondo do risco a materia vexetal e o esterco, que se foi dispoñendo sobre a terra non arada. Isto non só axuda a que quede a terra ben abonada, senón que axuda a que o arado circule mellor.

Despois de arar, márcase a terra cun instrumento de madeira formado por un mango longo e un cabezal con varios dentes, todo en madeira. Co propio peso vai "riscando" a terra, permitindo configurar o lugar de sementado. Os lugares para o camiño e o rego da auga poden facerse a ollo, baseándose na experiencia, ou cun cordel tensado.

Feitos os regos, toca "espichar". Cun instrumento ("espichón") de madeira formado nun ángulo de 90 graos, xeralmente sacado dun tronco con rama, vaise abrindo un buratiño na terra, onde se deposita o gran de millo. Non ten que ser profundo. Se o fas ben, sincronizas o furar cunha man e botar a semente coa outra. Coa man do "espichón" realízase un pequeno xiro de boneca e a mesma terra cae sobre o gran sementado.

5 de maio de 2021.

O terreo medio arado. Na parte superior, xa foi a terra removida polo tractor, abrindo riscos profundos nela. A superficie queda con distintas alturas, así que a misión dos que están cos sachos é "apicañar", achairar esas ondas de terra, de modo que o arado quede o máis homoxéneo posible.

Na parte inferior, ademais da ferramenta de traballo, vemos o terreo con restos queimados. É a borralla dos píos, basicamente, ou de medas de material vexetal seco que se queimou días antes e que abonará a terra. Aquí quedaron os restos da queima, mais noutros lugares botouse esterco sobre a terra (ó arar xa se enterra) ou restos de plantacións anteriores, como pode ser nabos. O traballador, se conta con tempo, unha vez apicañado o terreo, dase a volta e arrastra estes restos cara o fondo dos riscos practicados polo arado. Así, garantiza a profundidade abonada e despexa de elementos esvaradíos o paso do tractor.


Pedradas, 10 de xullo de 2021, campo de millo.

Este ano, por motivo das restricións, resultou unha arada descafeinada, lonxe das mañás alegres e esforzadas doutros anos. Adoitaban ser reunións festivas, onde se traballaba duro, ó ritmo do tractor, parábase un intre para un piscolabis e, entre palada e palada, botábanse unhas risas, comentábase a actualidade nacional e intralourediana... Compartíase esforzo e vida.

O traballo non quedaba na arada, senón que esta era unha das súas fases, aínda que a denominación global é esa. Antes, o terreo preparábase, eliminando calquera vexetal de superficie. Estendíase esterco e restos dos cultivos que seguían alí e dispoñíanse pequenas medas da mesma materia en varios puntos. Cada pase do arado abre un rego e queda un espazo aberto do terreo, ó que se arrastra o que haxa en superficie aínda por arar.

Ó acabar é fundamental marcar os camiños e os regos. Unha forma de marcalos é seguindo a recta dun cordel estirado entre dous extremos do campo. Compleméntase coa experiencia doutros anos, que leva a adaptarse ás sinuosidades do terreo, de modo que a auga flúa sen problema.

Logo, márcanse os lugares onde se sementará e, a distancia como dun pasiño, ábrese un buraco pouco profundo e deposítase nel unha semente. Este ano algún foi novato, pero non se notou cando as plantas creceron!


Mudan os campos en Louredo, Cortegada. 20 de abril de 2022.

As forzas naturais esténdense, ábrense en flores e voan no pole, mais tamén poñen en marcha os brazos dos esforzados agricultores. 

Primeiro, mírase o ceo ou, mellor, o calendario. Hai que consultar a Lúa, coñecer a súa fase. Mírase o estado dá bóveda, préstase atención ó prognóstico da Galega, de modo que se escolla a mellor hora pra botarse a ceo aberto. E consúltase a veciños e familiares, en orde a un traballo orgánico non que se conxugue o esforzo ca alegría. E non se esquecer do arado!

Ábrense regos nas leiras, non pra buscar tesouros, senón pa xerar riqueza: saborosos vexetais pro consumo doméstico e pra agasallo dous seres queridos. Márcanse regos, desexando chuvias que melloren o estado da terra e aseguren os mananciais. Ríscanse liñas efémeras que seguirán os sementadores e que serán acubillo de millo e un variado taco. O tempo, a memoria e as linguas conxúntanse en animadas conversas, repasando novidades do pobo e o extranxeiro, lembrando os tempos de antes e os costumes perdidos: as rogativas, o toque das campás, o traballo dos maiores…

Canta vida nunha arada!

Comentarios